Short Stirling

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Short Stirling
Short Stirling bomber N6101.jpg
Stirling sendo armado con bombas
Tipo bombardeiro
Fabricante Short Brothers
Deseñado por Arthur Gouge
Primeiro voo 14 de maio de 1939
Construídos 2.383

O Short Stirling foi un bombardeiro pesado británico da Segunda Guerra Mundial. Foi o primeiro bombardeiro pesado catrimotor da RAF na guerra e deseñouse por un requirimento de 1936. Fixo o seu primeiro voo en maio de 1939 e entrou en servizo en agosto de 1940. Era un bo avión, pero debido ás súas pequenas ás a velocidade e a carga non eran as axeitadas. A RAF usouno como bombardeiro entre febreiro de 1942 e setembro de 1944, pero a partir de 1943 usouse tamén como remolcador de planadores e transporte de paracaidistas.

Deseño[editar | editar a fonte]

Ao longo dos anos 30, a Royal Air Force estaba interesada principalmente en bombardeiros bimotores. Eses deseños aforraban gastos de deseño e mantementos de motores, e uso destes motores foi estirado coa introdución de novos modelos de avións ao servizo. Porén, as limitacións en termos de potencia eran tan serias que os británicos investiron moitos cartos do desenvolvemento de motores de gran potencia, da orde dos 2.000 cabalos, para mellorar o seu rendemento. Pero de cara a finais dos anos 30, ningunha desas melloras estaba preparada para a súa fabricación. Mentres tanto, os Estados Unidos e a Unión Soviética estaban desenvolvendo bombardeiros con catro motores máis pequenos, que probaron ter un alcance excelente e unha capacidade de carga axeitada, polo que en 1936 a RAF tamén decidiu investigar a viabilidade dun bombardeiro catrimotor.

A especificación B.12/36 do Ministerio do Aire tiña unha mestura de requirimentos. A carga de bombas non debía superar os 6.350 kg e debía ter un alcance de 3.218 km, ou podía reducirse a carga a 3.629 kg cun alcance de 4.800 km (algo moi esixente para a época). O avión debería ter unha velocidade de cruceiro de 230 mph a 15.000 pés e tería que contar con tres torretas defensivas. Tamén debería ser capaz de poder transportar ata 24 soldados. A idea era que puidese levar tropas ata as zonas máis distantes do Inperio Británico e os puidese apoiar con bombardeos. Para axudar a estas tarefas e facilitar a súa fabricación, tiña que ser capaz de poder dividirse en varias partes, para poder transportarse en tren. Posto que poderían ter que ser operados en aeroportos con limitacións, debía despegar dende pistas pequenas, duns 150 metros, unha especificación que moitos avións pequenos non cumpren hoxe en día.

Persoal de terra empurrando un Stirling

Short inicialmente foi deixado á parte entre os fabricantes que deberían realizar os primeiros deseños, pero finalmente foi incluído xa que estaba traballando en deseños semellantes e tiña un bo equipo de deseñadores e unhas amplas instalacións de produción. Short estaba producindo varios hidroavións catrimotores do tamaño requirido e creou o seu deseño S.29 quitando a cuberta inferior e o casco do hidroavión S.25 Sunderland. O novo S.29 era moi semellante ao modelo anterior: as súas ás e controis eran os mesmos, a construción era idéntica e tamén conservaba a lixeira curvatura cara arriba da parte de atrás da fuselaxe, orixinalmente creada así para manter a cola do Sunderland fora do alcance das salpicaduras da auga[1].

En outubro de 1936, o S.29 caeuse da lista dos deseños considerados, e ordenouse que se fabricase un prototipo do Supermarine Type 317 en xaneiro de 1937. No mes de febreiro pedíuselle a Short que incorporase modificacións ao seu deseño, incluíndo considerar o motor Bristol Hercules en vez do Napier Dagger, incrementando así a altura de servizo (28.000 pes) e reducindo a envergadura. Short aceptou este redeseño. O S.29 usaba as ás do Sunderland, que medían 35 metros, e estas quedaron finalmente reducidas a 30 metros, o mesmo límite que se impuxeran outros deseños da especificación P.13/36 (Handley Page Halifax e Avro Manchester). Co fin de conseguir o impulso necesario para un despegue máis curto e reducir o exceso de peso, as á foron lixeiramente redeseñadas.

No mes de xuño o S.29 foi aceptado como segunda opción tras o Supermarine 316, sendo formalmente ordenado no mes de outubro.

Short construíu unha versión a escala do S.31 (que foi coñecida como M4), impulsada por catro motores Pobjoy Niagara, e que realizou o seu primeiro voo o 19 de setembro de 1938. Todo o mundo quedou satisfeito co deseño, agás pola carreira de despegue, que era demasiado longa. Para arranxar isto incrementouse o ángulo da á, facendo que o avión voase co morro cara abaixo (como no Armstrong Whitworth Whitley). Porén, Short modificou a tren de aterraxe para manter o morro arriba durante os despegues, o que provocou accidentes nos despegues e aterraxes. O Short S.31 foi rexeitado tras un accidente despois dun despegue en febreiro de 1944.

O primeiro S.29, agora co nome oficial de "Stirling", posto pola cidade escocesa, voou o 14 de maio de 1939 con catro motores radiais Bristol Hercules II. Tras aterrar un dos freos bloqueouse, causando que saise da pista e rompese a tren de aterraxe. Un redeseño engadiu uns puntais máis fortes e pesados no segundo prototipo. Na súa primeira misión, dous meses despois, un dos motores fallou no despegue, pero o avión aterrou doadamente. A partir de entón, o seu historial mellorou e a produción comezou en agosto de 1940 na fábrica de Short en Rochester. A zona, na que habáin varias compañías aeronáuticas, foi duramente bombardeada nos primeiros días da Batalla de Inglaterra, incluído o famoso ataque a baixa altura realizado por un grupo de Dornier Do 17. Algúns Stirling xa completados foron destruídos en terra e as fábricas foron seriamente danadas, atrasando a produción durante un ano. Parte do proceso de fabricación foi levado á fábrica de Austin Aero en Cofton Hackett, no sur de Birmingham, onde se construíron ao redor de 150 unidades.

En 1940, os bombardeos danaron a fábrica de Supermarine en Woolston onde estaban os prototipos incompletos do Type 316. O 316 sería cancelado no mes de novembro, deixando ao Stirling como o único deseño B.12/36.

Tres Stirling sobrevoando o Reino Unido

Aínda que era máis pequeno que os deseños experimentais dos Estados Unidos e a Unión Soviética, o Stirling tiña máis potencia e unha mellor relación entre a carga e o alcance que calquera modelo que voaba neses momentos. A súa carga de bombas, de 6.340 kg era única, o dobre que en calquera outro bombardeiro). Era máis grande que o Handley Page Halifax, e o Avro Lancaster que o substituíu, pero estes dous modelos foron orixinalmente deseñados para ter só dous motores. O Stirling foi o único bombardeiro británico da época que entrou en servizo pensado orixinalmente para levar catro motores.

O deseño montaba torretas no morro e na cola, e incluía unha torreta retráctil ventral, xusto detrás da bodega de bombas. Esta resultou ser case inútil debido a que era demasiado estreita, e ademais tendía a golpear o chan nas aterraxes en pistas con fochancas. Foi retirada e temporalmente substituída por pares de metralladoras montadas en escotillas, ata que se lle instalou unha torreta dorsal. Porén, esta tamén tivo problemas. O posterior Stirling Mk.III usou unha torreta totalmente acristalada que lle daba máis espazo e unha mellor visibilidade. Os últimos Stirlings levaron tamén unha mellorada e controlada remotamente torreta ventral.

Prestouse unha atención especial na redución da resistencia, todos os remaches puxéronse a ras da fuselaxe e os paneis axustáronse para evitar bordos, pero a aplicación de pintura de camuflaxe contrarrestou os beneficios.

Os primeiros Mk.Is recibiron os motores Hercules II, pero a meirande parte deles foron equipados cos Hercules XIs, de 1.500 cabalos. O Mk.III, aparecido en 1943, era semellante coa excepción da nova torreta dorsal e os mellorados Hercules VI ou XVI, de 1.635 cabalos, que aumentaron a súa velocidade máxima de 410 a 435 km/h.

Notas[editar | editar a fonte]