Shenouda III

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Shenouda III

Shenouda III é un patriarca de Alexandría e Papa da Igrexa Ortodoxa Copta, de credo monofisita segundo a fe do concilio de Éfeso.

[editar] Traxectoria

[editar] Inicios

Naceu en d´Abnoub en agosto de 1923, sendo o pequeno de oito irmáns. Foi bautizado co nome de Nazeer Gaied. Graduouse en historia pola Universidade do Cairo.

En 1953 escolleu a soidade do deserto onde viviu durante seis anos nunha gruta escavada por el mesmo. Cambiou o seu nome polo de Antonio en honra de San Antonio Abade o fundador do monacato exipcio. Nese período adicouse á meditación, a ascese, o estudo e a oración.

En 1962, foi chamado polo Papa Cirilo para ser consagrado bispo de Educación cristiá e Presidente do Seminario de Teoloxía copta, onde triplicou o número de seminaristas. Foi editor-xefe da revista El Keraza.

[editar] Liderado relixioso

En 1971 foi elixido Patriarca de Alexandría e, xa que logo, Papa da Sé de San Marcos. Ordenou a máis de 80 bispos e restableceu varios mosteiros dando pulo á antiquísima tradición monástica do cristianismo exipcio. Semanalmente congrega a máis de 7000 fieis que se reúnen para escoitar de viva voz as súas ensinanzas na catedral de San Marcos no Cairo.

Deu un gran pulo á expansión internacional da Igrexa copta en América (Estados Unidos e Brasil), Australia e o Reino Unido. Asinou con Paulo VI unha declaración cristolóxica que puña fin a debates encarnizados dende o Concilio de Calcedonia. Lonxe de acantonarse en conceptos de metafísica teolóxica, a declaración céntrase na fe común acerca da unidade da persoa de Xesús, verdadeiro de Deus e verdadeiro home. Ten estreitado os vencellos coas Igrexas monofisitas: a Igrexa Siríaca e a Igrexa Armenia, coas que comparte un mesmo credo. Introduciu á súa Igrexa no movemento ecuménico internacional, mantendo unha forte conexión coa Igrexa Ortodoxa de tradición Bizantina, incluído o Patriarcado de Moscova. Abriuse tamén a un diálogo co protestantismo. O feito de que algún relevante cismático da súa Igrexa fose acollido pola Igrexa Anglicana non foi óbice para o mantemento dunha relación cordial con esta Igrexa. Recibiu a Xoán Paulo II na súa viaxe a Exipto.

Fiel á tutela da Igrexa copta de Exipto sobre a Igrexa Etíope Tewahedo condenou a detención, desposuimento e execución de Abuna Tewophilos, cabeza da Igrexa etíope, e negouse a recoñecer ao candidato gobernamental. El mesmo sufriu o exilio, en 1981, de mans do presidente Sadat, ata o levantamento da condena por Hosni Mubarak en 1985. Favoreceu a independencia da Igrexa eritrea ortodoxa no Santo Sínodo de 28 de outubro de 1993.

No ano 2000, recibiu o premio á tolerancia e a non violencia outorgado pola UNESCO pola súa defensa da convivencia entre cristiáns e musulmáns e a difusión dos ideais contrarios á vinganza na acosada e illada comunidade copta.

A súa acción pastoral tivo como eixos de actuación a mocidade, como futuro da fe copta, e a defensa da dignidade e a participación da muller no seo da comunidade cristiá copta, nun contexto de endurecemento social do Islam. Porén, mantén a imposibilidade da ordenación sacerdotal feminina e a negativa a recoñecer a licitude moral das relacións homosexuais.

Autor de máis de 100 libros traducidos ao inglés, francés, alemán ou o italiano, neles ten reivindicado as raíces apostólicas do cristianismo copto, o espírito de humildade, servizo e concordia, e o avance da unidade dos cristiáns sobre a base dunha mesma fe, fronte a teima católica da unidade de xurisdición.

Ferramentas persoais
Espazos de nomes

Variantes
Accións
Navegación
Imprimir/exportar
Caixa de ferramentas
Outras linguas