Serránidos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mero (Epinephelus marginatus)

Os Serránidos (Serranidae) son unha familia de peixes mariños incluída na orde Perciformes. Normalmente habitan en arrecifes de augas tropicais, subtropicais e temperadas, próximos á costa, nunha distribución cosmopolita; algunhas especies viven en augas doces. Hai especies que se pescan intensamente para consumo humano e son moi apreciadas gastronomicamente pola súa extraordinaria calidade.

Características[editar | editar a fonte]

Teñen un corpo robusto, alargado e algo comprimido, e poden presentar tamaños moi diversos: desde 3 cm ata 3 m, con pesos desde os 20 g ata os 400 kg. Liña lateral ben marcada, que se estende ata a base da aleta caudal. A cabeza está ben desenvolvida, coa boca grande e lixeiramente protráctil. O preopérculo é dentado (salvo algunhas excepcións) e o opérculo ten 1-3 espiñas (neste caso, unha espina principal e outras menores por riba e por baixo).

Adoitan presentar cores brillantes, nunha coloración disruptiva que pode servir de camuflaxe (a modo das raias dos tigres).

Unha ou dúas aletas dorsais, moi xuntas e sempre cunha primeira parte espiñosa (7-12 espiñas) e unha segunda de radios brandos; esta pode pregarse nunha rañura. Na anal, tres espiñas e o resto con radios brandos. As ventrais moi próximas ás pectorais. A caudal é arredondada ou truncada (raras veces bifurcada), cun pedúnculo moi groso.

Tódolos serránidos son carnívoros e aliméntanse de peixes e crustáceos ou, algunhas especies, de plancto. Adoitan ser depredadores de emboscada, agochados entre os saíntes dos arrecifes, rochosos ou coralinos, á expectativa das posibles presas ás que capturan cun rápido movemento.

Moitas especies son hermafroditas protóxinicas [1]. As larvas son planctónicas, e permanecen a mercede das correntes oceánicas ata que se establecen nas poboacións adultas.

Alcanzan grande importancia comercial para as pesquerías industriais e artesanais, así como para a pesca deportiva. Algunhas especies de pequeno tamaño son moi cotizadas para a cría en acuarios.

Clasificación[editar | editar a fonte]

Divídese en cinco subfamilias principais, con máis de 450 especies:

  • Anthiinae
  • Liopropomatinae
  • Grammistinae
  • Serraninae
  • Epinephelinae

Outros autores (Nelson, 1994) establecen só tres subfamilias: Anthiinae, Serraninae e Epinephelinae (está dividida nas tribos Epinephelini, Niphonini, Liopropomatini, Diploprioni e Grammistini).

Anthias anthias

A subfamilia Anthiinae está representada por especies pequenas e de cores vistosas, de distribución circuntropical en arrecifes coralinos, en augas profundas (60–335 m). Forman estruturas sociais complexas de miles de individuos, e aliméntanse de pequenos animais planctónicos. Son consideradas hermafroditas: nacen como femias e cambian a machos durante a última parte da súa vida.

  • Xénero Anatolanthias
  • Anthias
  • Caesioperca
  • Caprodon
  • Dactylanthias
  • Giganthias
  • Hemanthias
  • Holanthias
  • Hypoplectrodes
  • Lepidoperca
  • Luzonichthys
  • Nemanthias
  • Odontanthias
  • Othos
  • Planctanthias
  • Plectranthias
  • Pronotogrammus
  • Pseudanthias
  • Rabaulichthys
  • Sacura
  • Selenanthias
  • Serranocirrhitus
  • Tosana
  • Tosanoides
  • Trachypoma

A subfamilia Liopropomatinae tamén está formada por especies pequenas e coloridas, que habitan principalmente en zonas profundas e con pouca luz, como covas e gretas.

  • Xénero Bathyanthias
  • Jeboehlkia
  • Liopropoma
  • Rainfordia

A subfamilia Grammistinae agrupa especies de tamaño mediano, asociadas a ambientes de covas e grietas. Aliméntanse de pequenos crustáceos. A maioría excreta unha toxina a través da pel cando son atacados, coa que repelen os seus depredadores.

  • Xénero Belonoperca
  • Rypticus
  • Diploprion
  • Aporops
  • Pseudogramma
  • Suttonia
  • Grammistes
Serranus cabrilla

Na subfamilia Serraninae hai especies de tamaño pequeno a mediano, abundantes en arrecifes rochosos e zonas areosas costeiras. Son carnívoros solitarios que viven no fondo e aliméntanse de pequenos crustáceos e peixes. Algunhas especies son hermafroditas simultáneos, e os individuos funcionan como machos e femias ó mesmo tempo. Outras especies cambian de sexo, desde femias a machos ó longo da súa vida, e outras presentan sexos separados.

  • Xénero Acanthistius
  • Bullisichthys
  • Centropristis
  • Chelidoperca
  • Cratinus
  • Diplectrum
  • Hypoplectrus
  • Paralabrax
  • Parasphyraenops
  • Schultzea
  • Serraniculus
  • Serranus
Paranthias furcifer

Finalmente, a subfamilia Epinephelinae comprende as especies de maior tamaño, aínda que tamén outras pequenas. Son depredadores na cadea trófica e controlan a densidade de especies herbívoras e planctívoras nos arrecifes. A maioría son hermafroditas, cambiando o sexo de femia a macho durante a súa vida.

  • Xénero Aethaloperca
  • Alphestes
  • Anyperodon
  • Aulacocephalus
  • Cephalopholis
  • Cromileptes
  • Dermatolepis
  • Epinephelides
  • Epinephelus
  • Gonioplectrus
  • Gracila
  • Grammistops
  • Mycteroperca
  • Niphon
  • Paranthias
  • Plectropomus
  • Pogonoperca
  • Saloptia
  • Triso
  • Variola

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Comezan o seu desenvolvemento como femias e posteriormente cambian de sexo a machos

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]