Sendeiriña

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Sendeiriña
Sendeiriñas (Marasmius oreades)
Sendeiriñas (Marasmius oreades)
Clasificación científica
Reino: Fungi
División: Basidiomycota
Clase: Agaricomycetes
Orde: Agaricales
Familia: Marasmiaceae
Xénero: Marasmius
Especie: ''M. oreades''
Nome binomial
''Marasmius oreades''
(Bolton) Fr (1836)

A sendeiriña[1] Marasmius oreades é un fungo basidiomiceto da orde Agaricales.[2][3] O seu cogomelo, é comestíbel e apreciado, e moi frecuente en Galiza e na Península Ibérica en xeral.

Distribución e hábitat[editar | editar a fonte]

Marasmius oreades medra por toda América do Norte e en Europa, en primavera, verán e outono, aínda que é posíbel atopalas todo o ano en climas temperados. Froitifican en xuño tras a choivas en grandes cantidades polos prados e pasteiros, nos berís dos camiños, en zonas herbosas incluso en dunas de zonas costeiras.

Medra formando os curros das meigas (circunferencias case perfectas), ou ben en ringleiras nos prados e pasteiros.

Descrición[editar | editar a fonte]

Chapeu de 2 a 6 ou 7 cm, ao comezo en forma de campá, despois convexo e finalmente estendido, conservando no centro un umbo obtuso. É higrófano, e segundo o grao de hidratación a cor varía dende a crema escura cando o cogomelo está hidratado até un ton abrancazado enxugado. Marxe habitualmente estriada. As lamelas de cor abrancazada ou crema, espaciadas entre si, ceibas ou algo escotadas, grosas. Pé central, cilíndrico e bastante longo, de cor abrancazada ou da mesma cor ca o chapeu, de consistencia elástica, o que fai que aplicándolle unha torsión sexa quen de tornr ao seu estado primixenio sen crebar. A carne é escasa, abrancazada, cun recendo agradábel característico e sabor suave. As esporas son transparentes.

Confusións[editar | editar a fonte]

Pode confundirse con Marasmius collinus Singer, que se cre que pode ser tóxico e que medra nos mesmos locais. Este ten o pé oco e feble, que creba de xeito doado, e a carne bota un fedor desagradábel, coma o allo. Máis perigosa é a confusión, sobre todo cando están parcialmente secas, con cogomelos tóxicos dos xéneros Inocybe, Citocybe e Lepiota, que tamén poden medrar nos pasteiros.

Valor culinario[editar | editar a fonte]

50 chapeus de sendeiriña enxugados.

Esta especie é un bo comestíbel, de sabor fino e delicado, sempre e cando apañemos soamente os chapeus e desbotemos o pé. Pode confundirse con Marasmius collinus, dado que o seu tamaño e cor son semellantes, medran na mesma época e no mesmo hábitat, mais este último ten as lamelas moito máis apertadas, cheiro desagradábel, e se aplicasemos a torsión o pé crebaría.

Malia non ser carnoso é moi apreciado este cogomelo na culinaria, sendo dos fungos máis procurados.

Para a súa conservación sepárase o pé do chapeu, unindo varios chapeus cun fío e pónddo a secar. Cando estea deshidratado gárdase para o seu consumo posterior. Os pés desbótanse, aínda quen hai que os enxuga e esmaga, utilizándoos coma condimento para os guisados de carne ou peixe.

O sabor doce deste cogomelo débese á presenza de trehalosa, un tipo de azucre que permite que o cogomelo reviva ao contacto coa auga, logo de ser deshidratado, ademais de posibilitar a reprodución celular e a creación de esporas para volver a se reproducir.

Úsase no "fricandó", típico guisado catalán de vitela con cogomelos. Tamén se emprega en tortilla ou revoltos.

Refráns[editar | editar a fonte]

  • Volta e media o pé, si non rompe, sendeiriña é. (polo feito de que o pé é moi elástico e se pode retorcer fortemerte e non creba nin no primeiro xiro.)
  • As sendeiriñas son pequeniñas pero enchen o cesto axiña.
  • Sendeiriña trouleira, brinca se lle tocas no alto da perneira. (O mellor xeito de apañar os Masarmius oreades é cortando o pé con tesoiras, aínda que facendo presión coa unlla entre pé e o chapeu saltan cunha simple presión[4].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Nome vulgar galego en Guía da alimentación Santiago de Compostela, Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, 1995; Vocabulario forestal, 2012, VV. AA. Universidade de Santiago de Compostela / Deputación de Lugo; "Botánica" en Vocabulario de ciencias naturais Santiago de Compostela, Xunta, 1991
  2. Modelo:Cita Indexfungorum
  3. Modelo:Cita COL
  4. Na Web de Galicia Encantada - http://www.galiciaencantada.com/dentro.asp?c=8&id=766

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Sendeiriña
Wikispecies-logo.svg
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Sendeiriña