Semana Santa de Viveiro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Semana Santa de Viveiro
A "Virxe da Clemencia".
Datos da festa
Nome oficialSemana Santa de Viveiro
TipoRelixiosa católica
Celebrada por:Xunta de Confrarías da Semana Santa de Viveiro
Lugar Viveiro
Galicia Galicia
España España
ComezoVenres de Dores, (o venres previo ao Domingo de Ramos).
FinDomingo de Resurrección, (o domingo seguinte ao de Ramos).
DataVariable (determínase segundo o Computus).
ParticipantesConfrarías e Irmandades, englobadas dentro da Xunta de Confrarías.
SignificadoRepresentar e celebrar a Paixón, Morte e Resurrección de Cristo
RecoñecementosInterese Turístico Internacional (2013)

A Semana Santa de Viveiro é unha celebración católica que ten lugar de xeito anual, na cidade galega de Viveiro.[1] É unha das celebracións relixiosas máis antigas de Galicia, que se vén realizando de modo ininterrompido dende o século XIII.[2][3] Nesta conmemórase a paixón, morte e resurrección de Xesús de Nazaret a través dos diferentes actos, celebracións e procesións que realizan as confrarías. Ademais do seu carácter relixioso, a Semana Santa de Viveiro é tamén considerada coma un acontecemento cultural, popular e de atracción turística.[4]

A Semana Santa de Viveiro é un dos principais reclamos turísticos da localidade conseguindo ano a ano atraer a miles de visitantes que chegan chamados polo carácter único destas celebracións.[5] Como reflexo da súa importancia, a celebración da Semana Santa de Viveiro alcanzou a declaración de Interese Turístico Internacional, recoñecemento que logrou no ano 2013.[6][7] Esta Semana Santa destaca polo gran valor artístico da imaxinería e ourivaría,[8] ademais de ter un carácter xeralmente sobrio e austero, que fai que se asemelle máis á Semana Santa castelá, en comparación con exemplos quizais máis soados como a Semana Santa andaluza.[8]

Os actos centrais da Semana Santa de Viveiro dan comezo o Venres de Dores e a súa celebración prolóngase durante máis dunha semana, finalizando o Domingo de Resurrección. Nela participan un total de oito Confrarías e Irmandades que compoñen a Xunta de Confrarías, encargada de coordinar os diferentes actos e desfiles procesionais que representan a Paixón de Cristo.[9]

Historia e características[editar | editar a fonte]

Portada da tradución do Itinerarium ad Loca Sancta da peregrina galaica Exeria ao inglés (The Pilgrimage of Etheria) publicada en 1919.

Os inicios da Semana Santa en Viveiro[editar | editar a fonte]

As primeiras referencias da celebración da Semana Santa en Galicia proveñen dun códice do século XI, que atopou Gian Francesco Gamurrini no ano 1884, dentro da Biblioteca da Confraría de Santa María de Laicos (Biblioteca Della Confraternitá dei Laici) en Arezzo, Italia.[10]

É un códice coñecido como Itinerarium ad Loca Sancta o Itinerarium Egeriae, no que se recollen as memorias da peregrina galaica Exeria.[11] Sábese que visitou Terra Santa, entre os anos 381 e 384.[11] Nestas memorias, narra as cerimonias e cultos que presenciou nos templos e rúas de Xerusalén, dos cales di que eran semellantes aos de Gallaecia.[12] O historiador e membro da Real Academia Galega, Juan Donapetry, afirma que ao seren Viveiro unha das poboacións máis antigas de Galicia, xa dispoñía de celebracións de Semana Santa, aínda que non existe documentación que aboe devandita existencia.[12]

As primeiras referencias documentadas sobre a Semana Santa de Viveiro remóntanse ao século XIII, coa fundación das súas confrarías máis antigas, entre os anos 1214 e 1219.[13] No Convento de San Francisco, constituíronse as confrarías unidas da Purísima Concepción e da Vera Cruz, que comezaron a realizar diversas actividades da Semana Santa.[13] Estas dúas confrarías encargábanse de que se oficiasen varios cultos, así como dous procesións, unha o Domingo de Ramos e outra o Xoves Santo.[13] Neste século, tamén foi creada a Venerable Orde Terceira Franciscana, cuxa orixe tamén vai ligada coa fundación do Convento, sendo constituída por segrares.[2]

Anos máis tarde, no século XIV, naceu o desaparecido Convento de San Domingos da localidade da Confraría da Nosa Señora do Rosario ou dos nobres. Este sobrenome viña dado porque dela formaban parte as principais liñaxes nobiliarias da vila de Viveiro.[13] Esta irmandade celebraba, as funcións do Domingo de Ramos, con procesión arredor da igrexa. O Venres Santo realizaban o descendemento de Xesús da cruz, así como a procesión do Santo Enterro.[14]

Do século XV ao século XVIII[editar | editar a fonte]

Igrexa de San Francisco a comezos do século XX.
Igrexa de Santa María do Campo a comezos do século XX.

As confrarías da Purísima Concepción e da Vera Cruz alcanzaron o seu máximo esplendor no século XV e século XVI.[2] Porén, durante a Contrarreforma, tiveron lugar diversas accións para reducir as escenificacións públicas da Semana Santa, co fin de opoñerse ao avance do Protestantismo en Europa.[15] A popularidade existente entre os devotos, levou ao Bispo de Mondoñedo frei Antonio de Guevara, á prohibición da que el denominaba «representacións» e «farsas do mundo», dando en cambio a súa aprobación para realizar a Procesión da Vera Cruz.[15]

«Item constounos por devandita visita que moitas persoas vagabundas andan no tempo santo da Coresma e Semana Santa a facer representacións, a maneira de farsas do mundo, das cales se seguen moitos inconvenientes, é a saber: que din en elas moitas cousas que non hai nos evanxeos e, asemade, que fan e causan moitas risas e praceres nos que o oen e, asemade, deixan de oír misa maior os días do domingo e festas, por concorrer naquelas representacións que se fan, o cal todo é, non en loanza, senón en vituperio de Cristo; pola presente ordenamos e mandamos, so pena de excomuñón e de dous mil marabedís, aplicados ut supra, que ningún sexa ousado de facer tales representacións nin lembranzas na igrexa nin fóra da igrexa. E, so a mesma pena mandamos a todos os súbditos da nosa diocese non as vaian ver; e, so a mesma pena, mandamos a todos os clérigos e actores non a consintan facer; e se, contra a súa vontade, se fixese, eviten a todos por públicos excomungados e o denuncien logo aos nosos previsores. E non queremos por esta constitución nin privar nin inhibir as confrarías nin a procesión da santa Veracruz, como se adoita facer, senón que antes a confirmamos e aínda, se para iso é necesario, de novo damos licenza.»
«Item nos consto por la dicha visita que muchas personas vagabundas se andan en el tiempo santo de la Quaresma y Semana Santa a hazer representaziones, a manera de farsas del mundo, de las quales se siguen muchos inconvenientes, es a saber: que dizen en ellas muchas cosas que no ai en los evangelios y, ansimismo, que hazen y causan muchas risas y placeres en los que lo oien y, ansimismo, dejan de oir misa maior los dias del domingo y fiestas, por concurrir a do aquellas representaziones se hazen, lo qual todo es, no en alabanza, sino en vituperio de Christo; por la presenta ordenamos y mandamos, so pena de excomunion y de dos mill maravedies, aplicados ut supra, que ninguno sea osado de hazer tales representaziones ni remembranzas en la iglesia ni fuera de la iglesia. Y, so la misma pena mandamos a todos los sudbitos de nuestra diócesis no las vaian a ver; y, so la misma pena, mandamos a todos los clérigos y rectores no lo consientan hazer; y si, contra su voluntad, se hiziere, eviten a todos por públicos excomulgados y lo denuncien luego a nuestro previsores. Y no queremos por esta constitución ni privar ni inhibir las cofradías ni la procesión de la santa Veracruz, como se suele hazer, sino que antes la confirmamos y aun, si para ello es necesario, de nuevo damos licencia.»

Con todo, ao longo do século XVII as confrarías da Purísima Concepción e da Vera Cruz comezaron a apagarse, e a comezos do século XVIII remataron por desaparecer.[2] O 6 de febreiro de 1728, o pai gardián do Convento de San Francisco, Frade Francisco Bonilla, expediu un certificado para constar devandita extinción.[2] O que naquel momento era Bispo de Mondoñedo, Juan Muñoz Salcedo, asinou un decreto o mes seguinte, polo que concedía á Venerable Orde Terceira Franciscana todos os efectos de devanditas confrarías, coa obriga de cumprir cos actos e celebracións que estas deixaran.[2]

Século XIX[editar | editar a fonte]

O inicio do século XIX tamén vén marcado pola ocupación da Península Ibérica por parte de Napoleón Bonaparte durante a Guerra de Independencia Española. A cidade de Viveiro non se viu libre desta invasión. Na mañá do 28 de xaneiro de 1809 chegaron 74 «dragóns», procedentes de Mondoñedo.[16] O 2 de febreiro de 1809 foron reforzados por 400 voltigeurs, que ocuparon o Convento de San Francisco.[16] Nesta guerra, ten lugar o feito recollido pola tradición popular, xa que o xeneral Treni, decidiu mostrar misericordia e non fusilar aos devotos dun Ecce-Homo que se encontraba en devandito convento, permutando a pena capital polo saqueo da cidade.[17] Ese Ecce-Homo, coñécese desde aquel feito como o «Ecce-Homo dos Franceses», que sae en procesión o Domingo de Ramos.[17]

Despois da guerra napoleónica, e nun século de enormes cambios na historia de España como foi o século XIX, continuou a celebración da Semana Santa. Aínda que esta non estaría exenta de problemas, xa que se vería afectada por eventos como os procesos de Desamortización. No ano 1840, demoleuse a Igrexa parroquial de Santiago, cuxa parroquia se trasladaría á Igrexa de San Francisco.[18] No ano 1851, foi demolido o Convento de Santo Domingo, pasando a Confraría do Rosario á Capela das Dores, situada na igrexa parroquial de Santa María do Campo.[14]

O importante esforzo da Terceira Orde Franciscana e da Confraría do Rosario por conservar estes actos, fixo que se puidese seguir celebrando a Semana Santa ata finais de século.[17] Con todo, na última década do século XIX, houbo unha importante crise, debido ao litixio persoal que existía entre o sacerdote da parroquia de Santiago en San Francisco, Manuel Rouco, e o Irmán Ministro da Venerable Orde Terceira Franciscana, Robustiano Iglesias.[19] A disputa levou a que se suspendesen algúns cultos e procesións da Terceira Orde, ou que non se contase co clero para os mesmos.[20]

«[...]Como xa uns catro anos que non se celebra este marabilloso paso, que representa unha escena grave, seria e conmovedora, a concorrencia de fieis, avida de presenciala, foi numerosa. Pero resultou deslucida en todas as súas cerimonias. Adoitaban desempeñalas virtuosos sacerdotes; e este ano, facían as súas feces xente lega, os irmáns discretos e os seus "adlátares", circunstancia que desvirtuou por completo a verdadeira representación do acto relixioso, dándolle o carácter dunha pantomima cívica.[...]»
«[...]Como haya unos cuatro años que no se celebra este marabilloso paso, que representa una escena grave, seria y conmovedora, la concurrencia de fieles, ávida de presenciarla, fue numerosa. Pero resultó deslucida en todas sus ceremonias. Solían desempeñarlas virtuosos sacerdotes; y este año, hacían sus veces gente lega, los hermanos discretos y sus adlátares, circunstancia que desvirtuó por completo la verdadera representación del acto religioso, dándole el carácter de una pantomima cívica.[...]»
Semanario El Vivariense - ano 1894[20]

Con todo, durante esta época conserváronse os actos e procesións que organizaba a Confraría do Rosario.[20] O litixio non chegou nunca a resolverse de forma pacífica, e so rematou tras o falecemento do párroco, no ano 1897.[21] Non obstante, ante o acontecido, Robustiano Iglesias sería cesado do seu cargo un ano máis tarde.[21]

Século XX[editar | editar a fonte]

Á esquerda, Procesión de Semana Santa en 1927. Á dereita, as mesmas escalinatas en 2010.

Durante o inicio do século XX maniféstase en Viveiro unha corrente de anticlericalismo, que fai minguar o número de confrades das dúas confrarías existentes naquel momento.[21] Nesta situación, o párroco de Santa María do Campo fai un chamamento para impulsar o rexistro de novos confrades. Estas inscricións, xunto con varias doazóns foron fundamentais para a revitalización da Semana Santa de Viveiro. Tras esta iniciativa, a Confraría do Rosario encárgalle ao mestre valenciano Jose Tena a imaxe de Cristo Xacente, así como a imaxe de San Xoán e a de María Magdalena.[22]

Coa chegada da Segunda República Española reinou un panorama de certa tranquilidade, xa que aínda que o anticlericalismo aumentou, non houbo queimas de igrexas, ao contrario do acontecido noutras zonas de España.[23] Durante este período celebráronse as procesións de Semana Santa con relativa normalidade,[23] malia que no ano 1936 se intentaron prohibir as celebracións mediante a súa desautorización.[24]

A Ilustre Confraría do Rosario e a Venerable Orde Terceira compartiron durante máis de dous séculos a organización dos desfiles procesionais da Semana Santa de Viveiro, até que, no ano 1944, marcouse un punto de inflexión na Semana Santa de Viveiro, ao incorporarse a Confraría do Santísimo Cristo da Piedade.[25]

A chegada da Confraría da Piedade trouxo consigo aires de cambio á celebración. Durante esta época, a Semana Santa de Viveiro xa realizaba un importante esforzo publicitario, enviando carteis de anuncio por toda Galicia.[25] No ano 1947 comezouse a publicar a primeira revista sobre a Semana Santa de Viveiro, titulada «Pregón». Esta intensa publicidade serviu para atraer non só a visitantes desde Galicia e Asturias, senón tamén para atraer xente da vila na emigración e a persoas que elixían Viveiro como destino para as súas vacacións de Semana Santa.[25]

Da Piedade xurdiron diversas filiais. A primeira no ano 1947 coa Irmandade do Prendemento, seguida en 1951 pola Irmandade das Sete Palabras e, finalmente, en 1953, a Irmandade da Santa Cruz, estando esta última composta unicamente por mulleres.[25]

No ano 1973 aconteceu un feito insólito na Semana Santa de Viveiro, ao producirse unha «folga de levadores». Desde mediados da década de 1950, os pasos eran portados por levadores que recibían un xornal. Pero en 1973 decidiron plantarse co fin de reclamar máis diñeiro. A protesta rematou resolvéndose do modo contrario ao que inicialmente se perseguía, xa que os xoves colleron a testemuña de levadores, pasando a realizar o traballo de modo gratuíto e voluntario.[26]

Na década de 1980 erixiuse unha nova asociación, a Confraría do Nazareno dos de Fóra, constituída por confrades que residen fóra da cidade de Viveiro.[27] O 25 de febreiro de 1988, Viveiro ve recompensado o seu labor de varios séculos, ao seren declarada a súa Semana Santa de Interese Turístico Nacional.[28] Coa declaración de Interese Turístico multiplicáronse os actos de promoción, sendo habituais as retransmisións televisivas. Asemade, tamén se experimentou un crecemento no número de visitantes, así como de confrades.[29]

Na década de 1990 decidiuse fundar a chamada «Xunta de Confrarías», co obxectivo de coordinar a organización dos actos da Semana Santa, así como promover outros actos culturais, como conferencias, exposicións, concertos e outras iniciativas.[9]

Século XXI[editar | editar a fonte]

A celebración da Semana Santa de 2002 marcou un fito, xa que a Irmandade das Sete Palabras, decidiu que o paso co grupo escultórico do «Calvario» fose portado por vez primeira a ombreiros, por un total de cen levadores, aínda que a primeira metade da procesión se seguiría realizando sobre unha carroza, debido á estreitura do percorrido oficial pola cidade vella de Viveiro.[30]

O martes 15 de abril de 2003 pasou á historia por ser o día en que se levaba un paso por un grupo composto unicamente por mulleres, co motivo do 50 aniversario da Irmandade da Santa Cruz.[27]

No ano 2005 creouse unha nova procesión, a Vía Lucis ou Cristo Resucitado, que desfila na tarde do Domingo de Resurrección. A última das Confrarías en incorporarse á Semana Santa de Viveiro foi a Confraría da Misericordia, creada no ano 2006.[31] Un grupo de estudantes universitarios, conformado por René Gómez, Ramiro Mel, Enrique Pernas e Rafael Melero fundaron a Confraría da Misericordia. Pronto atoparon apoio na xente vinculada ao mundo do mar, especialmente dos mariñeiros do Porto de Celeiro, que teñen unha gran relación coa imaxe titular da confraría, o Ecce-Homo da Misericordia. Saíu por vez primeira en procesión no ano 2007, na Procesión da Paixón do Venres Santo.

En 2010 incorporouse á confraría da imaxe da Virxe da Clemencia, doada polo sacerdote Manuel Ares. En 2011, a confraría deixou de participar na Procesión da Paixón para realizar a súa propia procesión, a Procesión Penitencial da Redención na madrugada do Xoves ao Venres Santo.

Todo este apoio popular e esforzo na mellora da Semana Santa de Viveiro recibe a axuda das institucións civís, xa que no ano 2011, o concello de Viveiro e a Deputación provincial de Lugo deciden apoiar as xestións necesarias para que a Semana Santa de Viveiro pase a ser considerada como unha celebración de Interese Turístico Internacional.[32] No ano 2013, a Semana Santa de Viveiro recibiu a declaración internacional, converténdose deste modo na primeira festividade da provincia de Lugo en obter tal mención.[33]

Procesións e outros actos[editar | editar a fonte]

Datas de celebracións da Semana Santa de Viveiro[editar | editar a fonte]

Os actos da Semana Santa de Viveiro comezan durante a Coresma, coa celebración de actos de difusión cultural englobados baixo o programa Adral.[34] O programa procesional en Viveiro comeza o Venres de Dores, coa Procesión da Virxe das Dores.[35]

As 8 confrarías da vila alumean un total de 39 pasos distintos e celebran un total de 15 procesións:

Día Mañá Tarde Noite
Venres de Dores Procesión da Virxe das Dores
Sábado de Paixón Pregón da Semana Santa
Domingo de Ramos Procesión da Entrada triunfal de Xesús en Xerusalén Procesión do Ecce Homo dos Franceses
Luns Santo Tamborrada
Martes Santo Viacrucis Procesional de mulleres
Mércores Santo Viacrucis Procesional de homes
Xoves Santo Celebración da Eucaristía da Cea do Señor

Procesión da Última Cea

Sermón das Negacións de San Pedro

Procesión do Prendemento Procesión da Misericordia

Venres Santo Procesión do Encontro

Sermón das Sete Palabras

Acción Litúrxica da Morte do Señor

Descendemento de Xesús da Cruz Procesión do Santo Enterro

Procesión da Paixón

Procesión da Soidade

Sábado Santo Procesión da Esperanza da Resurrección Solemne Liturxia da Vixilia Pascual
Domingo de Resurrección Procesión do Encontro de Resurrección Procesión do Vía Lucis

Coresma[editar | editar a fonte]

Agrupación «Virgen de la Amargura» de Ferrol, nun concerto do programa Adral.
Programa «Adral»
Artigo principal: Adral (programa).

Durante as semanas da Coresma, a Xunta de Confrarías da Semana Santa de Viveiro encárgase de realizar un programa de difusión cultural baixo o nome Adral. No mesmo, realízanse unha serie de concertos, charlas, e presentacións, para promocionar, mediante actividades paralelas, a celebración da Semana Santa na cidade de Viveiro.[36]

Venres de Dores[editar | editar a fonte]

Procesión da Virxe das Dores

Ten lugar no denominado Venres de Dores. A Venerable Orde Terceira Franciscana é a encargada de sacar en procesión un paso que evoca as Dores de Nosa Señora, inaugurando deste modo os actos procesionais da Semana Santa de Viveiro.[35]

Sábado de Paixón[editar | editar a fonte]

Pregón da Semana Santa de Viveiro

O pregón da Semana Santa ten lugar o Sábado de Paixón.[35] A Xunta de Confrarías é a encargada de elixir un pregoeiro que anuncia o inicio dos actos que rememoran a paixón de Cristo. A Semana Santa de Viveiro contou con pregoeiros como o intelectual galeguista Ramón Otero Pedrayo, o político Manuel Fraga Iribarne, a política Ana Pastor Julián, o presentador de televisión Xosé Ramón Gayoso ou o empresario Antonio Abril.[37]

Domingo de Ramos[editar | editar a fonte]

O paso do «Ecce-Homo dos Franceses», participando na procesión homónima.
Procesión da Entrada triunfal de Xesús en Xerusalén

A procesión da Entrada triunfal de Xesús en Xerusalén, popularmente coñecida como a procesión da Borriquiña, parte ao mediodía do Domingo de Ramos da Igrexa de San Francisco. Esta procesión é organizada pola Parroquia de Santiago.[38] Nela participa un único paso, creado polo escultor José Rivas no ano 1947,[39] composto por catro esculturas: Xesucristo, a borriquiña, unha muller de xeonllos e un neno que leva unha palma.[40] É acompañado por unha multitude de xente portando palmas e ramos para a súa bendición.[41]

Procesión do Ecce-Homo dos Franceses

A procesión do Ecce-Homo dos Franceses ten lugar o Domingo de Ramos pola tarde. As Xuventudes Franciscanas, filial da Venerable Orde Terceira Franciscana, encárganse de organizar esta procesión.[42] Procesionan tres imaxes, o «Cristo da Vera Cruz», o de «A Coroación de Espiñas» e a do «Ecce-Homo dos Franceses».[43] Recibe este nome xa que segundo a lenda durante a Guerra de Independencia Española, os habitantes de Viveiro encomendáronse con tal fervor a devandita imaxe que espertou a admiración dos franceses, quen perdoaron o pobo.[41]

Martes e Mércores Santo[editar | editar a fonte]

Víacrucis Procesional

Na Semana Santa de Viveiro celébranse dous Viacrucis procesionais, un para mulleres e outro para homes. O Viacrucis Procesional de mulleres ten lugar o Martes Santo, organizado pola Irmandade da Santa Cruz, e lévase en procesión a imaxe do «Cristo da Vera Cruz», imaxe do século XV, xunto coa de «María ao pé da Cruz» de Modesto Quilis. O Viacrucis Procesional de homes celébrase un día despois, o Mércores Santo, organizado pola Irmandade das Sete Palabras, na que se leva en procesión a imaxe do «Cristo da Agonía» de José Rivas que pertence ao grupo escultórico de «O Calvario», que sae en procesión o Venres Santo na Procesión da Paixón.[44]

Xoves Santo[editar | editar a fonte]

A «Virxe da Clemencia», na Procesión da Misericordia.
Procesión da Última Cea

A procesión da Última Cea ten lugar o Xoves Santo pola tarde, tras a celebración do "Lavatorio" de Pés nas parroquias de Santa María e San Francisco. Da súa organización encárgase a Venerable Orde Terceira Franciscana, partindo desde a Igrexa de San Francisco.[42] Nela participan os seguintes pasos, en orde de aparición segundo especifica a Biblia: «A Última Cea» creada no ano 1807 por Juan Sarmiento,[45] «A Oración do Horto» imaxe do século XVII,[46] «O Cristo da Columna», obra do escultor José Tena,[47] «O Ecce-Homo da Cana», creada por José Rivas no ano 1950,[48] e «A Dolorosa», que desfilou por primeira vez en 1741.[49]

Procesión do Prendemento

A procesión do Prendemento ten lugar na noite do Xoves Santo, despois da Procesión da Última Cea e do Sermón das Negacións de San Pedro. Está organizada pola Irmandade do Prendemento, tendo como punto de partida a Igrexa de San Francisco. O desfile procesional componse dos seguintes pasos: «O Prendemento», tamén coñecido como "o bico de Xudas", data de 1946 sendo obra de José Rivas,[50] «As negacións de San Pedro», creada en 2009, obra do escultor Antonio Bernal.[51], «O Ecce-Homo do Sacro Corazón» do século XVII, «Noso Pai Xesús Nazarenos dos de Fóra» e «A Virxe das Dores».

Procesión da Misericordia

A procesión da Misericordia, anteriormente coñecida como procesión Penitencial da Redención,[52] ten lugar na madrugada do Xoves Santo ao Venres Santo, despois da Procesión do Prendemento. Está organizada pola Confraría da Misericordia, tendo como punto de partida a Capela da Misericordia. Esta procesión celebrouse por vez primeira na Semana Santa de 2011 e cuxo desfile procesional componse dos seguintes pasos: «Santísimo Ecce-Homo da Misericordia», que data do século XVI de autor descoñecido,[53] e a «Nosa Señora a Santísima Virxe da Clemencia» do ano 2004.[54]

Venres Santo[editar | editar a fonte]

Paso de «A Piedade», na Procesión da Paixón.
Procesión do Encontro

A procesión do Encontro ten lugar na mañá do Venres Santo, que realiza a Venerable Orde Terceira Franciscana.[42] Parte desde a Igrexa de San Francisco, tendo lugar representacións das caídas tamén na Praza Maior e no atrio da Igrexa de Santa María do Campo.[55] Represéntanse as tres caídas de Xesús no camiño ao Monte Calvario, así como o encontro con María, San Xoán e a Verónica. Nela procesionan pasos con movemento articulado, os de «Xesús coa Cruz a costas» e «A Dolorosa», así como as imaxes de «A Verónica» e «San Xoán».[56]

Procesión do Santo Enterro

A procesión do Santo Enterro ten lugar na tarde do Venres Santo, tras o acto de Descendemento de Xesús da Cruz. Parte da Igrexa de Santa María do Campo, sendo organizada pola Confraría do Santísimo Rosario.[57] Esta procesión abre filas cunha Cruz Procesional do século XVI en prata,[58] seguida polas imaxes realizadas na primeira metade do século XX por José Tena: «María Magdalena» e «San Xoán».[22] Continúa co «Santísimo Cristo Xacente», tamén obra de Tena, pechando a procesión a «Virxe da Soidade», obra de Modesto Quilis,[22] e palio baleiro.

Procesión da Paixón

Entrada a noite do Venres Santo, sae a Procesión da Paixón, desde a Igrexa de San Francisco. Organízaa a Confraría do Santísimo Cristo da Piedade, en colaboración cos seus filiais, a Irmandade do Prendemento, a Irmandade das Sete Palabras e a Irmandade da Santa Cruz.[59] Nela participa o paso de «O Prendemento», imaxe que sae tamén en procesión na noite do Xoves Santo. Séguelle «As Sete Palabras», grupo escultórico que se ve obrigado a realizar a metade do seu percorrido nun carro e a outra metade a ombreiros, debido ao tamaño do mesmo. A continuación vai «A Piedade» de José Rivas, inspirada en La Pietà de Giacomo Dupré. Pecha a procesión a imaxe de «María ao pé da Cruz» de Modesto Quilis.[22]

Procesión da Soidade

Na madrugada do Venres Santo ao Sábado Santo ten lugar a Procesión da Soidade ou dos Caladiños. Organízaa a Venerable Orde Terceira Franciscana.[42] Nela participan cidadáns portando candeas que acompañan á imaxe de «A Dolorosa» na procesión. Tamén acompañan a «A Dolorosa», «San Xoán» e «A Verónica». Recibe o sobrenome de «Os Caladiños» debido a que esta procesión se realiza en total silencio.[60]

Sábado Santo[editar | editar a fonte]

Procesión da Esperanza da Resurrección

Na tarde do Sábado Santo ten lugar a Procesión da Esperanza da Resurrección. Organízaa a Irmandade da Santa Cruz. Esta procesión celebrouse por vez primeira na Semana Santa de 2010, procesionando a imaxe da «Virxe da Esperanza», obra do escultor andaluz Francisco Romero.[61]

Domingo de Pascua[editar | editar a fonte]

Procesión do Encontro de Resurrección

O Domingo de Pascua pola mañá, realízase a Procesión do Encontro de Resurrección, desde o templo parroquial de Santa María do Campo. A Confraría do Santísimo Rosario é a encargada de levar a cabo este acto, que se realiza antes da misa. Tradicionalmente esta procesión realizábase arredor da igrexa, mais posteriormente se ampliou o percorrido e añadiuse á mesma a participación dunha coral polifónica.[62]

Procesión do Vía Lucis

Na tarde do Domingo de Pascua, despois da misa do Vía Lucis, ten lugar a procesión do Vía Lucis, a última das procesións da Semana Santa de Viveiro. A Irmandade das Sete Palabras é a encargada de realizar esta procesión. Nela procesionan os pasos do «Cristo Resucitado», do escultor galego Leopoldo Rodríguez e de «Nosa Señora do Camiño da Luz», do escultor Antonio Espadas Carrasco.[63] Cabe destacar que os participantes desta procesión non levan "capirotes", vestindo de branco, así como que, durante a mesma, sóltanse pombas para celebrar a Resurrección de Cristo.[63]

Confrarías e Irmandades da Semana Santa de Viveiro[editar | editar a fonte]

De esquerda a dereita: vestimentas e estandartes da Irmandade da Santa Cruz, Irmandade das Sete Palabras, Confraría do Santísimo Cristo da Piedade e a Irmandade do Prendemento.

Un total de oito Confrarías e Irmandades participan nos actos da Semana Santa de Viveiro. As súas confrarías máis veteranas datan do século XIII e XIV. Non sería até o século XX cando se incorporasen novas confrarías á Semana Santa, incorporacións que continúan durante o século XXI.

Vestimenta e estandarte da Confraría da Misericordia.
Confrarías e Irmandades fundadas no século XIII e XIV
Confrarías e Irmandades fundadas no século XX
Confrarías e Irmandades fundadas no século XXI

Sedes das confrarías da Semana Santa de Viveiro[editar | editar a fonte]

Sedes das confrarías
Igrexa de Santa María do Campo.
Igrexa de Santa María do Campo.
Igrexa de San Francisco.
Igrexa de San Francisco.
Capela da Misericordia.
Capela da Misericordia.

A Semana Santa de Viveiro está repartida en tres sedes distintas: a Igrexa de Santa María do Campo, a Igrexa de San Francisco e a Capela da Misericordia.

Igrexa de Santa María do Campo

O templo parroquial de Santa María do Campo é o edificio relixioso máis antigo da cidade de Viveiro, situado na parte máis alta da cidade, xunto ao Mosteiro da Concepción.[69] Nesta igrexa está situada a Ilustre e Venerable Confraría do Santísimo Rosario.

Igrexa de San Francisco

A igrexa do Convento de San Francisco é unha construción do século XIV, con nave única. A súa construción comezárona os franciscanos no século XIII, como un anexo dos claustros do antigo convento ao que está unido.[70] É a sede que máis confrarías e irmandades congrega, cun total de seis.

Capela da Misericordia

A Capela da Misericordia é un pequeno templo do século XVII, que está retirado do núcleo da poboación, ao outro lado da ría de Viveiro, cruzando a Ponte da Misericordia.[71] Pertence á Parroquia de Santiago en San Francisco.[71] Nesta capela está congregada a Confraría da Misericordia.

Imaxineiros da Semana Santa de Viveiro[editar | editar a fonte]

Retrato de Gregorio Fernández, exposto no Museo Nacional de Escultura.

Coñécese como imaxineiros[72] aos escultores que tallan en madeira imaxes relixiosas, preferentemente pasos e retablos. As súas figuras adoitan ser de tamaño maior que o natural e é por iso que lle fan ocos á madeira en que traballaban (xeralmente madeira de pino), co fin de facer máis lixeiros os pasos que eran transportados "en andas". Xunto a eles traballan carpinteiros, pintores e douradores que achegaban o seu traballo e coñecementos na elaboración completa das obras.[73]

As imaxes máis antigas das levadas en procesión na Semana Santa de Viveiro datan de entre o século XV e o XVIII, sendo case todos os seus autores descoñecidos. De feito, de entre todo o inventario de imaxes que procesionan, contabilízanse un total de catorce esculturas anónimas. Entre elas destaca o «Cristo da Vera Cruz», as tres virxes dolorosas, tres dos Ecce-Homo e a imaxe da «Oración no Horto». Algúns expertos en historia da arte catalogan esta última imaxe como unha posible obra de taller de Gregorio Fernández, un dos grandes expoñentes da chamada Escola Castelá.[74]

Das outras imaxes coñécese a súa autoría, pola existencia de contratos, orzamentos, esbozos e outros documentos en posesión das confrarías. De entre elas encontrámonos co imaxineiro Juan Sarmiento natural da veciña localidade de San Ciprián (municipio de Cervo), quen realizou diversos traballos no século XIX.[75] Xa entrados no século XX, encontramos traballos dos imaxineiros valencianos José Tena e Modesto Quilis,[76] así como dos galegos José Rivas, Ángel Rodríguez, José Puente, José Otero e Juan Luis Otero.[77]

No século XXI, continúan as incorporacións de imaxes para a Semana Santa de Viveiro, con traballos dos imaxineiros andaluces Francisco Romero Zafra e Antonio Bernal, así como do madrileño Francisco Gijón e do galego Leopoldo Rodríguez.[26]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Páxina web da Semana Santa de Viveiro.". Arquivado dende o orixinal o 11 de abril de 2011. Consultado o 03 de abril de 2011. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 Donapetry Yribarnegaray 1953, p. 373
  3. "Viveiro, una Semana Santa a la gallega a punto de cumplir 800 años" (en castelán). Periodista Digital. Consultado o 22 de decembro do 2016. 
  4. VV.AA. 2008, p. 271
  5. "Concello de Viveiro - Fiestas" (en español). Arquivado dende o orixinal o 03 de setembro de 2011. Consultado o 24 de xaneiro de 2021. 
  6. La Voz de Galicia (ed.). "Viveiro consegue a declaración de interese turístico internacional para a súa Semana Santa". Consultado o 19 de abril de 2013. 
  7. Boletín Oficial del Estado (29 de abril de 2013). "Resolución de 16 de abril de 2013, de la Secretaría de Estado de Turismo, por la que se concede el título de «Fiesta de Interés Turístico Internacional» a la «Semana Santa» de Viveiro (Lugo)" (PDF). Consultado o 30 de abril de 2013. 
  8. 8,0 8,1 Fernández García 2000, p. 13
  9. 9,0 9,1 "Xunta de Cofradías Semana Santa de Viveiro" (en español). Consultado o 8 de marzo de 2011. 
  10. Gamurrini 1887.
  11. 11,0 11,1 "Análisis del Itinerarium Egeriae". Universidad Católica de Santiago de Chile. Consultado o 9 de abril de 2011. 
  12. 12,0 12,1 Donapetry Yribarnegaray 1953, p. 372
  13. 13,0 13,1 13,2 13,3 VV.AA. 2008, p. 272
  14. 14,0 14,1 Donapetry Yribarnegaray 1953, p. 374
  15. 15,0 15,1 15,2 VV.AA. 2008, p. 274
  16. 16,0 16,1 Donapetry Yribarnegaray 1953, p. 269
  17. 17,0 17,1 17,2 VV.AA. 2008, p. 277
  18. AA., VV. (2010). "Libro Pregón, Edición 2010" (en español). Semana Santa de Viveiro. Arquivado dende o orixinal o 29 de marzo de 2015. Consultado o 22 de marzo de 2011. 
  19. AA., VV. (2001). "Libro Pregón, Edición 2001" (PDF) (en español). Semana Santa de Viveiro. Consultado o 22 de marzo de 2011. 
  20. 20,0 20,1 20,2 VV.AA. 2011, p. 17
  21. 21,0 21,1 21,2 VV.AA. 2008, p. 280
  22. 22,0 22,1 22,2 22,3 Donapetry Yribarnegaray 1953, p. 375
  23. 23,0 23,1 Chao Espina 1988, p. 291-292
  24. Cal Pardo 2009, p. 192
  25. 25,0 25,1 25,2 25,3 Donapetry Yribarnegaray 1953, p. 376
  26. 26,0 26,1 Rivera, Javier (29 de marzo de 2010). "El arraigo social de La Pasión crece en Viveiro". El Progreso. Consultado o 26 de xaneiro de 2011. 
  27. 27,0 27,1 VV.AA. 2008, p. 295
  28. "Resolución do 23 de setembro de 1998, da Dirección Xeral de Turismo, pola que se publican as festas de Galicia de interese turístico, declaradas pola Administración turística estatal como de interese turístico nacional e local" (PDF). DOG (en gallego). 2 de outubro de 1998. Consultado o 18 de maio de 2011. 
  29. VV.AA. 2008, p. 293
  30. Semana Santa de Viveiro. "Hermandad de las Siete Palabras - Publicaciones" (en español). Consultado o 27 de febreiro de 2011. 
  31. 31,0 31,1 "Cofradía de la Misericordia". Semana Santa Viveiro. Arquivado dende o orixinal o 14 de xuño de 2021. Consultado o 24 de xaneiro de 2021. 
  32. Serantes, Salvador (16 de febreiro de 2011). "Viveiro intenta que su Semana Santa sea de interés internacional" (en español). La Voz de Galicia. Consultado o 27 de febreiro de 2011. 
  33. "Viveiro celebra que su Semana Santa sea de Interés Turístico Internacional". La Región. Arquivado dende o orixinal o 01 de xullo de 2013. Consultado o 24 de xaneiro de 2021. 
  34. Montenegro, Eva (23 de marzo de 2011). "Adral enriquece la Semana Santa de Viveiro con cultura" (en español). La Voz de Galicia. Consultado o 24 de marzo de 2011. 
  35. 35,0 35,1 35,2 "Que ver y que hacer en Viveiro Nº 15". Excmo. Concello de Viveiro. Consultado o 28 de febreiro de 2011. 
  36. "Viveiro vive su Semana Santa entre música y conferencias". Berenguela. Consultado o 5 de abril de 2011. 
  37. Semana Santa Viveiro. "Pregón" (en español). Arquivado dende o orixinal o 12 de setembro de 2019. Consultado o 25 de febreiro de 2011. 
  38. "Procesión de la Entrada Triunfal de Jesús en Jerusalén o de “La Borriquita”" (en español). Consultado o 24 de marzo de 2011. 
  39. Fernández García 2000, p. 54
  40. VV.AA. 2008, p. 297
  41. 41,0 41,1 "Semana Santa de Viveiro - Domingo de Ramos" (en español). Arquivado dende o orixinal o 04 de febreiro de 2011. Consultado o 24 de xaneiro de 2021. 
  42. 42,0 42,1 42,2 42,3 42,4 "Venerable Orden Tercera Franciscana". Semana Santa Viveiro. Consultado o 28 de febreiro de 2011. 
  43. Fernández García 2000, p. 62
  44. Fernández García 2000, p. 66
  45. Fernández García 2000, p. 69-95
  46. Fernández García 2000, p. 97-101
  47. Fernández García 2000, p. 103-105
  48. Fernández García 2000, p. 111-113
  49. Fernández García 2000, p. 107-109
  50. Fernández García 2000, p. 115-123
  51. "Nueva obra de Antonio Bernal Redondo para Viveiro (Lugo)" (en español). Consultado o 22 de marzo de 2011. 
  52. "La Procesión de La Misericordia, de la Semana Santa de Viveiro, reducirá su recorrido habitual". La Voz de Galicia. 27 de xaneiro de 2015. Consultado o 1 de febreiro de 2015. 
  53. Fernández García 2000, p. 215-217
  54. F. C., A. (3 de marzo de 2011). "A Misericordia estrena procesión y trono de plata para la Virgen" (en español). La Voz de Galicia. Consultado o 3 de marzo de 2011. 
  55. VV.AA. 2008, p. 334
  56. "Spain.info: Semana Santa de Viveiro". Turespaña. Arquivado dende o orixinal o 21 de xullo de 2010. Consultado o 24 de xaneiro de 2021. 
  57. VV.AA. 2008, p. 350
  58. Adrán Goás, Kawamura Kawamura & Pardo de Cela 2001
  59. VV.AA. 2008, p. 357
  60. VV.AA. 2008, p. 369
  61. "Procesión de la esperanza de la Resurección". Galicia Digital. Consultado o 22 de marzo de 2011. 
  62. "Procesión del Encuentro de Resurrección" (en español). Galicia Digital. Consultado o 22 de marzo de 2011. 
  63. 63,0 63,1 "Santa Misa con las estaciones del Vía Lucis" (en español). Galicia Digital. Consultado o 22 de marzo de 2011. 
  64. "Ilustre y Venerable Cofradía del Santísimo Rosario". Semana Santa Viveiro. Consultado o 28 de febreiro de 2011. 
  65. "Hermandad del Prendimiento". Semana Santa Viveiro. Consultado o 28 de febreiro de 2011. 
  66. "Hermandad de las Siete Palabras". Semana Santa Viveiro. Consultado o 28 de febreiro de 2011. 
  67. "Hermandad de la Santa Cruz". Semana Santa Viveiro. Consultado o 28 de febreiro de 2011. 
  68. "Cofradía de O Nazareno dos de Fóra". Semana Santa Viveiro. Consultado o 28 de febreiro de 2011. 
  69. Donapetry Yribarnegaray 1953, p. 91
  70. Donapetry Yribarnegaray 1953, p. 119
  71. 71,0 71,1 Donapetry Yribarnegaray 1953, p. 221
  72. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para Imaxineiro.
  73. Fernández García 2000, p. 43
  74. Fernández García 2000, p. 98
  75. Barro Quelle 1989, p. 261
  76. Fernández García 2000, p. 49
  77. Fernández García 2000, p. 47

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Adrán Goás, Carlos; Kawamura Kawamura, Yayoi; Pardo de Cela, Santiago F. (2001). Cruces parroquiales de la ribera del Landro (en español). Fundación Caixa Galicia. ISBN 84-95491-26-5. 
  • Barro Quelle, Manuel (1989). San Ciprián, parroquia de Lieiro (en español). Ediciós do Castro. ISBN 84-7492-441-3. 
  • Cal Pardo, Enrique (2009). "Estudios Mindonienses Nº 25 - Anuario de Estudios Histórico-Teológicos de la Diócesis de Mondoñedo-Ferrol" (en español). Centro de Estudos da Diocese de Mondoñedo-Ferrol. ISSN 0213-4357. 
  • Chao Espina, Enrique (1988). Historia de Viveiro (Documentos para a historia contemporánea de Galicia) (en español). Ediciós do Castro. ISBN 84-7492-396-4. 
  • Donapetry Yribarnegaray, Juan (1953). Historia de Vivero y su concejo (en español). Deputación Provincial de Lugo. ISBN 84-8682-400-1. 
  • Fernández García, M. Begoña (2000). La imaginería religiosa en la Semana Santa de Viveiro (en español). Deputación Provincial de Lugo. ISBN 84-8192-173-4. 
  • Gamurrini, Gian Francesco (1887). Sancti Hilarii Tractatus de Mysteriis et Hymni et S. Silviae peregrinatio ad loca sancta, quae inedita ex codice Arretino deprompsit (en latín). 
  • VV.AA. (2008). La Semana Santa en Galicia (en español). Hércules de Ediciones. ISBN 978-84-96314-74-0. 
  • VV.AA. (2011). "Revista Pregón - Semana Santa de Viveiro" (en español). Xunta de Confrarías da Semana Santa de Viveiro. 

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]