Segundo Ventín Cerviño

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Segundo Ventín Cerviño
Nacemento1936
Lugar de nacementoMonteagudo
Falecemento21 de xullo de 2016
Lugar de falecementoCombarro
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónmestre e escritor
editar datos en Wikidata ]

Segundo Ventín Cerviño, nado en Monteagudo (Codeseda, A Estrada) en 1936, e finado en Combarro (Poio) o 21 de xullo de 2016, foi un mestre e escritor galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Naceu nunha familia labrega. En decembro de 1936 o seu pai e dous irmáns, canteiros, foron fusilados en Zamora pola súa militancia socialista. Aos oito anos comezou a ir á escola no Codesal, no colexio de Miguel Sieiro e Manuel Iglesias Cabada (curmán de Xosé Manuel Cabada). Rematou os estudos na Estrada, e na revista do centro publicou o seu primeiro poema.

Comezou a estudar Medicina na Universidade de Santiago de Compostela, pero logo de dous anos deixouno e estudou Maxisterio en Pontevedra. En 1956 montou unha academia privada na casa de Vilas, e tras aprobar as oposicións públicas en 1960 comezou a dar clase na escola mixta de Armonda (Moimenta, Campo Lameiro). Logo de dous anos alí estivo cinco cursos en Anllares del Sil (Páramo del Sil, provincia de León) e despois pasou á escola mixta de Chacente (O Campo, Campo Lameiro), onde foi director do centro. Participou na vida social de Campo Lameiro, e foi secretario de Cámara Agraria, correspondente do INSS, tenente de alcalde, secretario da sociedade de caza e do club de fútbol. Pasou a dar clase no CP Isidora Riestra de Poio e despois foi profesor de lingua castelá no IES dese mesmo concello até a súa xubilación en 2001.

Obra[editar | editar a fonte]

  • O rei de Ovisterre (conto infantil, 1992)
  • Instantes de sentimiento (poesía en castelán e galego, 1993)
  • Biografía da primavera en catro tempos (teatro, inédito)
  • A fuga a Exipto (teatro, inédito)
  • A nova mestra (teatro, inédito)
  • O coelliño (relato, inédito)
  • A deusa do mar (relato, inédito)