Secuestro do Alakrana

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O barco foi secuestrado fronte ás costas de Somalia.
O cadrado vermello sinala a posición inicial da Canarias
O cadrado negro situado ao sur indica o punto de secuestro do Alakrana
O que está ao norte, o lugar onde estivo retido.
A zona sombreada representa a área protexida pola operación Atalanta.

O secuestro do barco Alakrana, obra de piratas somalís, produciuse o 3 de outubro de 2009, ben a 413 millas das costas do sur de Somalia segundo algunhas fontes,[1] ben a 120 millas náuticas (dentro da ZEE de Somalia) segundo a Audiencia Nacional.[2] No momento da abordaxe, o pesqueiro atopábase faenando fóra da zona protexida pola Operación Atalanta.[3][4][5]

O buque[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Alakrana.

O buque secuestrado consistía nun atuneiro conxelador propiedade da empresa Echebaster Fleet,[1] con sede no municipio biscaíño de Bermeo.[1]

A súa tripulación estaba composta no momento do secuestro por 36 tripulantes: 7 vascos, 1 andaluz e 8 galegos,[6] estando o resto da tripulación composta por tripulantes de Indonesia, Ghana, Senegal, Costa do Marfil, Madagascar e Seychelles.[7][8]

O secuestro[editar | editar a fonte]

Fragata Canarias (F-86).

No seu auxilio acudiu a fragata Canarias, que levantara áncora o 10 de agosto de Rota (Cádiz) para incorporarse á Operación Atalanta canda outras forzas españolas.[1]

A Canarias, se ben non conseguiu interceptar o atuneiro antes de que chegase a Harardhere,[9] porto base dos piratas, si conseguiu capturar dous piratas que abandonaron o barco nun esquife.[10] Estes foron enviados a España para ser xulgados por pirataría a requirimento da Audiencia Nacional.[11]

Un dos piratas, Abdu Willy, declarou á súa chegada a España ser menor de idade. As primeiras probas, realizadas no Hospital Gregorio Marañón, acreditaron a súa maioría de idade. O xuíz solicitou probas adicionais, que foron realizadas por tres forenses da Audiencia Nacional e só puideron determinar con seguridade que era maior de 17 anos, co que o seu caso debía trasladarse á Fiscalía de Menores. Dito organismo declarouse non competente ao non ter cometido o presunto menor delito na Comunidade de Madrid. Finalmente, mediante unha ortopantomografía e radiografías óseas, determinouse que tiña unha idade superior a 18 anos, polo que o caso volveu ao xuíz Pedraz.[12]

Piratas somalís. Foto tomada no 2006 pola Armada dos Estados Unidos.

A finais de outubro de 2009, tras concluír a súa participación na operación Active Endeavour da OTAN no Mediterráneo oriental, a fragata Méndez Núñez foi enviada como reforzo á zona para relevar a Canarias na operación Atalanta e permitirlle realizar os seus labores de mantemento, repostaxe de víveres e combustible.[13][14] Logo, ambas fragatas permaneceron na zona.

Durante o secuestro, os piratas transvasaron gasolina do Alakrana ao Ariana MV, barco grego con bandeira de Malta e operado por axentes británicos que levaba secuestrado desde o 2 de maio de 2009 con 24 tripulantes ucraínos a bordo (3 mulleres entre eles) e que sería liberado 7 meses máis tarde.[15][16]. Ao levarse a cabo esa operación de transvasamento de gasolina, os tripulantes do Alakrana que visitaron o outro barco decidiron darlle comida e medicamentos aos outros secuestrados, xa que, segundo palabras dos mariñeiros do barco español, unha das mulleres desa embarcación fora violada varias veces, quedándose embarazada e abortando; outra refén, unha nena duns 12 anos, tamén sufriu violacións por un "neno pirata". A medicación que lles subministraron os tripulantes do Alakrana foi tirada polos piratas á auga. A nai da nena violada intentou en van que os piratas permitisen que os mariñeiros españois levasen a súa filla.[17][18][19][20]

Como medio de presión para conseguir a liberación dos dous piratas detidos en España, o xoves 5 de novembro de 2009 os piratas aseguraron ter desembarcado tres tripulantes do Alakrana: Patxi Valdés, primeiro oficial do buque; Antonio Manuel Pérez, electricista; e o mariñeiro Joaquín Fernández. En caso de non producirse a liberación dos seus compañeiros presos, ameazaron con asasinar ao cabo de tres días os reféns desembarcados, ou ben entregarllos ás familias dos piratas detidos. Esta mesma operación repetiríase con máis mariñeiros en caso de non ceder o Goberno español ás presións. Finalmente, foron devoltos a bordo o 7 de novembro.[21] Posteriormente descubriuse que en ningún momento os levaron a terra e todo foi unha estratexia dos piratas para forzar ao Goberno.[22]

O 16 de novembro a fiscalía da Audiencia Nacional rexeitou un acordo coas defensas dos presuntos piratas Raagegeesey e Abdu Willy, e anunciou que pediría para eles penas que poderían superarar os 200 anos de cárcere.[23]

Fragata Méndez Núñez (F-104).

O 17 de novembro de 2009, tras 47 días de secuestro, o Alakrana foi liberado tras o pago dun rescate duns 4 millóns de dólares (2,68 millóns de euros),[24][25] pago que días antes da liberación, o armador xa realizara, segundo palabras do patrón da embarcación.[26] Segundo o portavoz dos piratas, o pago xa se fixera dúas semanas antes. A demora entre o pago e a liberación final podería terse debido á xestión dos intermediarios.[27] Ao igual que no secuestro do Playa de Bakio, o rescate foi pagado polo armador e o que a este lle reintegrase o seu seguro, pero para adiantar os trámites, parte da cantidade foi adiantada polos fondos reservados do CNI. No secuestro do Playa de Bakio, o CNI tivo que adiantar todo o rescate.[28][29]

No momento do pago había 63 piratas de diferentes clans a bordo,[30][31] o que parece indicar que no tempo que mediou entre o acordo e o pago en si, os piratas avisaron outros piratas para que participasen do botín. Durante o secuestro os piratas leváronse todas as pertenenzas dos tripulantes,[17] polo que algúns dos familiares que viaxaron ás Seychelles tiveron que levar roupa para que se puidesen cambiar.

Durante a liberación, os helicópteros das fragatas Canarias e Méndez Núñez intentaron sen éxito a captura dos últimos piratas que abandonaron o buque, chegando incluso a disparar contra eles.[32] Tamén, e ao igual que ocorreu co Playa de Bakio, tivo que evitarse que fora recapturado por piratas doutro clan.[31] Esta versión foi desmentida polo patrón do Alakrana, quen negou que se produciran disparos ou que se intentase capturar os piratas.[33]

Tras a liberación, o Alakrana dirixiuse ás Illas Seychelles escoltado polas dúas fragatas,[31] onde arribou o 20 de novembro de 2009.

O 3 de maio de 2011, os dous piratas somalís capturados, Cabdullahi Cabduwily, coñecido como Abdu Willy, e Raageggesey Hassan Aji foron condenados pola Audiencia Nacional a 439 anos de cadea, ao ser considerados culpables de 36 delitos de detención ilegal (11 anos por un), cinco anos por roubo con violencia e 36 delitos contra a integridade moral (un ano por cada un), absolvéndoos non obstante dos delitos de terrorismo, integración en banda armada, lesións e torturas, que solicitaban as acusacións particulares.[34]

Bandeira do Alakrana[editar | editar a fonte]

Durante este secuestro, ao igual que durante o do Playa de Bakio, produciuse un debate sobre se estes barcos levaban izado o pavillón español, o que xustificaría ou non a súa asistencia por parte do goberno español. Publicáronse informacións alegando motivos nacionalistas polos que non levaría izado o pavillón español,[35][36][37] até o punto de que a propia defensa dos piratas retidos en España recorreu a esas informacións para rebaixar as súas penas.[38][39] A vicepresidenta do goberno María Teresa Fernández de la Vega asegurou que o Alakrana é "un buque con pavillón español", feito que tamén asegura o IOTC.[40] Os avogados dos piratas sinalaron que "ese dato non aparece nas dilixencias".[41]

Efectivamente, o Alakrana, ao igual que o Playa de Bakio, figura nos rexistros internacionais como español,[42] ao contrario que outros buques da frota atuneira española que utilizan pavillóns estranxeiros, como os Intertuna I, II, III e IV, que levan bandeira das Seychelles.[43][44] [45] É frecuente o uso de pavillóns de conveniencia en augas do Índico.[46] Aínda que o de Seychelles oficialmente non sexa considerado un, é tamén habitual entre a frota atuneira do Índico por motivos de evasión de impostos ou pola posibilidade de levar armas.[47] Ademais, Port Victoria (Seychelles) resulta ser un dos portos seguros máis próximos á zona de pesca dos atuneiros, polo que en caso de calquera incidente, embarco e desembarco de persoal,[5] ou descarga de pescado, ter unha bandeira dese país facilita poder atracar nese porto e navegar por esas augas.[45][48]

Retorno a España[editar | editar a fonte]

Manifestación en Ribeira pedindo o regreso dos secuestrados.

Os 16 tripulantes españois retornaron a España o 21 de novembro de 2009 nun avión do Exército do Aire que aterrou na base de Torrejón de Ardoz.[49] Mentres que os familiares galegos se trasladaron ás Seychelles no avión do exército para reencontrarse con eles o mesmo día 20 de novembro; os familiares vascos esperáronos na casa, uns por diversos motivos persoais e outros porque acordaron que o recibimento fose en privado, aínda que algúns medios obviaron eses motivos achacándoo a motivos nacionalistas.[50][51] Os familiares do mariñeiro andaluz tampouco foron ás Seychelles.

Consecuencias[editar | editar a fonte]

Durante o secuestro, o 2 de novembro de 2009, a lei española foi modificada para permitirlle aos vixilantes de seguridade empregar armamento de até 12,70 mm nos buques con bandeira española, sempre que este sexa adquirido a fabricantes ou distribuidores asentados en España.[52] Igualmente, na nova reforma do código penal aprobada o 13 de novembro de 2009, contémplase a nova figura do delito de pirataría, que será castigado con até 15 anos de cárcere.[53]

Ademais disto, desde o 14 de novembro, 54 vixilantes privados embarcaron nos pesqueiros españois que faenan no Índico.[23]

O Partido Popular, apoiado polo Partido Nacionalista Vasco e o Bloque Nacionalista Galego, intentou reprobar no congreso a Vicepresidenta primeira, María Teresa Fernández de la Vega, a ministra de Defensa, Carme Chacón, e o ministro de Xustiza, Francisco Caamaño, pola xestión do secuestro, perdendo finalmente a votación.[54]

Telefilme[editar | editar a fonte]

Telecinco emitiu o 25 de maio e 1 de xuño de 2012 un telefilme sobre o secuestro. Dirixiuno Salvador Calvo, escrito por Jorge Guerricaechevarría e protagonizado por Miguel Ángel Silvestre, xunto con Fernando Cayo. A produtora foi Telecinco Cinema.[55]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 El País (ed.). "Trece piratas con lanzagranadas y fusiles controlan el buque 'Alakrana'". Consultado o 30 de xullo de 2014. 
  2. "Sentencia de la Sección Cuarta, Sala de lo Penal de la Audiencia Nacional" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 02 de novembro de 2013. Consultado o 29 de xullo de 2014. 
  3. El Mundo (ed.). "Defensa dice que el barco secuestrado faenaba 'lejos' de la zona protegida". Consultado o 30 de xullo de 2014. 
  4. Ministerio de Defensa. "Misiones en curso. Operaciones con unidades.". Consultado o 7 de marzo de 2016. ATALANTA - Aguas de Somalia 
  5. 5,0 5,1 Noticias de Gipuzkoa (ed.). ""El "Alakrana" estaba dentro del área de seguridad; está claro que la operación "Atalanta" hace agua"". Arquivado dende o orixinal o 10 de decembro de 2011. Consultado o 30 de xullo de 2014. 
  6. Faro de Vigo (ed.). "Piratas somalíes secuestran al atunero vasco "Alakrana" con 36 tripulantes, ocho gallegos". Consultado o 31 de xullo de 2014. 
  7. Gara (ed.). "El «Alakrana», con 36 tripulantes y base en Bermeo, apresado por piratas". Arquivado dende o orixinal o 08 de xaneiro de 2010. Consultado o 31 de xullo de 2014. 
  8. "Los piratas exigen por el ´Alakrana´ más de un millón de rescate para liberarlo". 
  9. Cadena Ser (ed.). "El 'Alakrana' se encuentra fondeado en el puerto de Haradere". Arquivado dende o orixinal o 21 de novembro de 2011. Consultado o 31 de xullo de 2014. 
  10. La Vanguardia (ed.). "Detienen a dos piratas que participaron en el secuestro del 'Alakrana'". Arquivado dende o orixinal o 11 de agosto de 2014. Consultado o 31 de xullo de 2014. 
  11. El País (ed.). "A la caza del 'Alakrana'". Consultado o 31 de xullo de 2014. 
  12. Libertad Digital (ed.). "El pirata es otra vez mayor de edad y el caso volverá a Pedraz". Consultado o 31 de xullo de 2014. 
  13. El Mundo (ed.). "Defensa envía otra fragata a Somalia". Consultado o 31 de xullo de 2014. 
  14. Diario Vasco (ed.). "La fragata 'Méndez Núñez' releva a la 'Canarias' en la operación Atalanta". Consultado o 31 de xullo de 2014. 
  15. Cadena Ser (ed.). "Los piratas planean traspasar combustible del Alakrana a otro buque secuestrado". Arquivado dende o orixinal o 21 de novembro de 2011. Consultado o 31 de xullo de 2014. 
  16. Canarias7 (ed.). "Una docena de barcos siguen secuestrados por los piratas". Arquivado dende o orixinal o 10 de agosto de 2014. Consultado o 31 de xullo de 2014. 
  17. 17,0 17,1 Diario Vasco (ed.). "«No nos dejaban dormir porque nos daban patadas constantemente»". Consultado o 31 de xullo de 2014. 
  18. Antena 3 (ed.). "El patrón del Alakrana reconoce a los acusados como parte de los secuestradores". Consultado o 3 de febreiro de 2011. 
  19. El Mundo (ed.). "'No dejo de pensar en aquella niña de 12 años y en la cocinera violada'". Consultado o 31 de xullo de 2014. 
  20. El Periódico de Aragón (ed.). "España se lanza al rescate de las tres mujeres rehenes del ´Ariana´". Arquivado dende o orixinal o 28 de novembro de 2009. Consultado o 31 de xullo de 2014. 
  21. La Opinión (ed.). "Los piratas devuelven al ´Alakrana´ a los tres marineros que habían sido llevados a tierra". Consultado o 31 de xullo de 2014. 
  22. El Correo (ed.). "El primer oficial del 'Alakrana' confirma que no llevaron a tierra a tres rehenes, como adelantó EL CORREO". Arquivado dende o orixinal o 07 de xaneiro de 2010. Consultado o 31 de xullo de 2014. 
  23. 23,0 23,1 El Correo (ed.). "Cronología del secuestro del 'Alakrana'". Arquivado dende o orixinal o 29 de agosto de 2010. Consultado o 31 de xullo de 2014. 
  24. 20 minutos (ed.). "¿De dónde sale el dinero que se ha pagado a los piratas que secuestraron el Alakrana?". Consultado o 31 de xullo de 2014. 
  25. El País (ed.). "Zapatero: "El 'Alakrana' navega libremente hacia aguas seguras"". Consultado o 31 de xullo de 2014. 
  26. E. O’Regan (07 de novembro de 2009). "El armador reconoce que se ha pagado rescate". La gaceta (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 29 de xuño de 2012. Consultado o 2018-07-02. 
  27. Diario Vasco (ed.). "Helicópteros de la Armada persiguieron a los piratas al abandonar el 'Alakrana'". Consultado o 31 de xullo de 2014. 
  28. El Confidencial (ed.). "Agentes del CNI entregaron el rescate a los piratas con fondos reservados". Arquivado dende o orixinal o 29 de xullo de 2014. Consultado o 31 de xullo de 2014. 
  29. El Confidencial (ed.). "El seguro del 'Alakrana' cubrirá al menos dos millones de euros del rescate exigido por los piratas". Arquivado dende o orixinal o 29 de xullo de 2014. Consultado o 31 de xullo de 2014. 
  30. Faro de Vigo (ed.). "Los piratas somalíes liberan al "Alakrana" tras recibir un rescate de 2,7 millones de euros". Consultado o 31 de xullo de 2014. 
  31. 31,0 31,1 31,2 El Mundo (ed.). "Así fue liberado el 'Alakrana'". Consultado o 31 de xullo de 2014. 
  32. TVE (ed.). "Defensa da más detalles del fin del secuestro del Alakrana" (vídeo). Consultado o 31 de xullo de 2014. 
  33. ABC (ed.). "Caso Alakrana, Cine ficción". Consultado o 31 de xullo de 2014. 
  34. Europa Press, ed. (3 de maio de 2011). "Los dos somalíes que secuestraron el Alakrana, condenados a 439 años de prisión". Europa Press. Consultado o 31 de xullo de 2014. 
  35. Vidal, César. La Razón, ed. "El embrollo del Alakrana" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 11 de novembro de 2009. Consultado o 18 de novembro de 2009. 
  36. Intereconomía (ed.). "Sin bandera española por el ancho mar". Arquivado dende o orixinal o 14 de novembro de 2009. Consultado o 18 de novembro de 2009. 
  37. periodistadigital.com (ed.). "¿Qué bandera llevaba el Alakrana?". Consultado o 31 de xullo de 2014. 
  38. El Mundo (ed.). "Los piratas se aferran a una 'ikurriña' del 'Alakrana' para no ser juzgados". Consultado o 31 de xullo de 2014. 
  39. Libertad Digital (ed.). "El abogado del pirata Abdu Willy pregunta qué bandera llevaba el Alakrana". Consultado o 31 de xullo de 2014. 
  40. "ALAKRANA". Arquivado dende o orixinal o 28 de novembro de 2009. Consultado o 18 de novembro de 2009. 
  41. Libertad Digital (ed.). "De la Vega asume "toda la responsabilidad" en la gestión del Alakrana". Consultado o 31 de xullo de 2014. 
  42. Rexistro de buques (en inglés)
  43. TVE (ed.). "El atunero vasco 'Intertuna dos' escapa a un intento de asalto pirata en el Índico". Consultado o 31 de xullo de 2014. 
  44. Público (ed.). "Un atunero vasco repele un nuevo ataque pirata en el Índico". Consultado o 31 de xullo de 2014. 
  45. 45,0 45,1 Levante-EMV (ed.). "La mitad de los barcos españoles que faenan en el Océano Índico tienen bandera de conveniencia". Consultado o 31 de xullo de 2014. 
  46. El País (ed.). "EL 30% de la flota mercante mundial, bajo bandera de conveniencia". Consultado o 31 de xullo de 2014. 
  47. El Correo (ed.). "Ocho atuneros embarcarán ex militares de élite desde el viernes para protegerse". Arquivado dende o orixinal o 03 de decembro de 2009. Consultado o 31 de xullo de 2014. 
  48. La Vanguardia (ed.). "Más de medio centenar de agentes privados embarcarán en 13 atuneros españoles". Arquivado dende o orixinal o 15 de setembro de 2019. Consultado o 31 de xullo de 2014. 
  49. La Opinión (ed.). "Los marineros del ´Alakrana´ ya están camino de casa". Consultado o 31 de xullo de 2014. 
  50. La Voz de Galicia (ed.). "Los vascos declinaron viajar en un avión del Ejército". Arquivado dende o orixinal o 29 de xullo de 2014. Consultado o 31 de xullo de 2014. 
  51. Onda Cero (ed.). "Los vascos no hemos rechazado la ayuda del Gobierno". Arquivado dende o orixinal o 12 de decembro de 2009. Consultado o 21 de novembro de 2009. 
  52. BOE 2 de noviembre de 2009: Orden PRE/2914/2009, de 30 de octubre, que desarrolla lo dispuesto en el Real Decreto 1628/2009, de 30 de octubre, por el que se modifican determinados preceptos del Reglamento de Seguridad Privada, aprobado por Real Decreto 2364/1994, de 9 de diciembre, y del Reglamento de Armas, aprobado por Real Decreto 137/1993, de 29 de enero
  53. 20 minutos (ed.). "El delito de piratería estará castigado con penas de hasta 15 años de prisión". Consultado o 31 de xullo de 2014. 
  54. El País (ed.). "El Congreso rechaza reprobar al Gobierno por el 'Alakrana'". Consultado o 31 de xullo de 2014. 
  55. FormulaTV, ed. (21 de maio de 2011). "Telecinco estrena este miércoles 'Alakrana', con Miguel Ángel Silvestre". Consultado o 31 de xullo de 2014. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]