Pementeira falsa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Schinus terebinthifolius»)

A pementeira falsa[1] (Schinus terebinthifolius) é un arbusto ou pequena árbore de 7 a 10 m de altura, nativo de áreas subtropicais e tropicais de América do Sur, sueste do Brasil, norte da Arxentina e de Paraguai. O seu froito desecado, a pementa rosa, de cor rosada e sabor doce lixeiro, emprégase como condimento na gastronomía.

Vista da árbore
Como bonsai
Follas
Flores

Descrición[editar | editar a fonte]

Ten pólas ascendentes e pénsiles na mesma árbore. As follas son alternas, de 10 a 22 cm de lonxitude, pinnadas compostas con 3 a 15 folíolos; os folíolos son ovais (lanceolados a elípticos), de 3 a 6 cm de longo e 2 a 3,5 cm de largo, cas marxes finamente dentadas, con ápice agudo a arredondado. O raque entre os folíolos é usualmente (mais non invariábel) alado. A planta é dioica, con flores pequenas e brancas. O froito é unha drupa miúda, vermella e esférica de 4 a 5 mm de diámetro, en acios mestos de centenares de drupas.

Hai dúas variedades:

  • Schinus terebinthifolius var. acutifolius. Follas de 22 cm, con 7 a 15 folíolos; froito rosado.
  • Schinus terebinthifolius var. terebinthifolius. Follas de 17 cm, con 5 a 13 folíolos; froito arroibado.

Como moitas outras especies da familia das Anacardiaceae, ten un látex recendente que causa reaccións cutáneas (semellante ao veleno da Toxicodendron radicans ou Rhus toxicodendron) en persoas sensíbeis.

Está incluída na lista 100 das especies exóticas invasoras máis daniñas do mundo[2] da Unión Internacional para a Conservación da Natureza.

Cultivo e usos[editar | editar a fonte]

Esta árbore é moi atractiva como ornamental, en rexións libres de xeadas suramericanas pola súa follaxe decorativa e polos seus froitos. Malia non ser unha pementeira (Piper), as súas drupas secas véndense como pementa rosada. As sementes úsanse como unha especia con moderación, engadindo pementa negra, porque senón é tóxica.

Tense convertido en maleza en moitas rexións subtropicais con moderada a alta pluviosidade: zonas de Australia, Bahamas, Bermudas, sur da China, Cuba, Fidxi, Polinesia, Guam, o Perú, Malta, Illas Marshall, Mauritania, Nova Caledonia, Nova Zelandia, Illa Norfolk, Porto Rico, Reunión, e nos Estados Unidos (na Florida e mais en Hawai). En áreas desérticas, coma Israel e no sur da California, medra mais non é invasora.

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Schinus terebinthifolius foi descrita por Giuseppe Raddi e publicada en Memoria di Matematica e di Fisica della Società Italiana del Scienze Residente in Modena, Parte contenente le Memorie di Fisica 18(2): 399–400. 1820.[3]

Etimoloxía

Schinus, é o nome grego do lentisco: arboriña perenne desta mesma familia;

terebinthifolius: epíteto

Sinonimia
  • Rhus schinoides Willd. ex Schult.
  • Rhus trijuga Poir.
  • Sarcotheca bahiensis Turcz.
  • Schinus antiarthriticus Mart. ex Marchand
  • Schinus mellisii Engl.
  • Schinus mucronulatus Mart.[4]

Carece de nome común coñecido, en galego. En castelán recibe os nomes de Pimentero del Brasil, Cerezo de Navidad, Turbinto e, sobre todo, Falsa pimienta [1].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. VV. AA. (2012) Dicionario de alimentación e restauración, Santiago de Compostela, Termigal. Xunta de Galicia. Real Academia Galega
  2. Lowe S., Browne M., Boudjelas S., De Poorter M. (2000). 100 das Especies Exóticas Invasoras máis daniñas do mundo. Unha selección do Global Invasive Species Database Arquivado 24 de xuño de 2021 en Wayback Machine.. Publicado polo Grupo Especialista de Especies Invasoras (GEEI), un grupo especialista da Comisión de Supervivencia de Especies (CSE) da Unión Mundial para a Natureza (UICN), 12 pp. Primeira edición, en inglés, sacada xunto co número 12 da revista Aliens, Decembro de 2000. Versión traducida e actualizada: Novembro 2004.
  3. "Pementeira falsa". Tropicos.org. Missouri Botanical Garden. Consultado o 16 de xullo de 2013. 
  4. Pementeira falsa en PlantList

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Gogue, G. J., Hurst, C. J., & Bancroft, L. 1974. Inhibición del crecimiento por Schinus terebinthifolius. HortScience 9 (3): 301.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]