Schachnovelle (ópera)

Este é un artigo bo da Galipedia
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Schachnovelle
FormaÓpera
Actos e escenas1 acto
Idioma orixinal do libretoAlemán
LibretistaWolfgang Haendeler
Fontes literariasSchachnovelle de Stefan Zweig
Estrea18 de maio de 2013
Teatro da estreaOpernhaus Kiel
Lugar da estreaKiel
Duración115 minutos
Música
CompositorCristóbal Halffter
coroSATB

Schachnovelle é unha ópera nun acto composta entre 2010 e 2012 por Cristóbal Halffter con libreto en alemán de Wolfgang Haendeler, baseado na novela homónima de Stefan Zweig.[1] A obra, terceira ópera do compositor español,[2] foi un encargo do Theater Kiel e a Ernst von Siemens Musikstiftung, e foi representada por primeira vez na Opernhaus de Kiel (Alemaña) o 18 de maio de 2013.[1] O compositor adicoulle a ópera ao seu fillo Pedro.[3]

A obra está encadrada no grupo de óperas de Halffter denominado ás veces como Kieler Trilogie (Triloxía de Kiel), xunto ás dúas primeiras óperas do compositor madrileño: Don Quijote e Lázaro. As tres obras de Halffter teñen como denominador común as súas representacións na ópera da cidade alemá. Se ben Don Quijote foi estreada no Teatro Real de Madrid e recuperada para o teatro alemán, Lázaro e Schachnovelle foron estreadas na Opernhaus Kiel.[4]

Historia[editar | editar a fonte]

A Opernhaus de Kiel foi o escenario que acolleu a estrea da ópera Schachnovelle.

Antecedentes[editar | editar a fonte]

A pesar de que a carreira como compositor de Cristóbal Halffter comezou nos anos 1950, o seu debut como compositor operístico non se produciu ata o ano 2000, cando estreou Don Quijote no Teatro Real de Madrid. Esta primeira ópera de Halffter ficou esquecida ata que en 2004 foi presentada na Opernhaus de Kiel (Alemaña), teatro que se convertería no principal escaparate para as súas composicións operísticas.[5]

Á representación en Kiel de Don Quijote seguiulle en 2008 a estrea da segunda ópera de Halffter, Lázaro. Foi durante as representacións de Lázaro cando os directivos do teatro da capital de Schleswig-Holstein lle encargaron unha nova ópera, desta vez en alemán.[Nota 1] O compositor lembraba poucos días antes da estrea de Schachnovelle:[3]

Durante as representacións de Lázaro os directivos do Teatro de Kiel encargáronme unha nova ópera e pedíronme que, a ser posible, fora en alemán, o que me deixou un pouco perdido, porque na literatura alemá que coñecía había demasiada violencia, ou demasiado amor, esas cousas que a min non me van (...) Levo xa tres óperas, e aínda non escribín un só dúo de amor!

— Cristóbal Halffter

Composición[editar | editar a fonte]

A elección da ópera foi do propio compositor, quen descubriu a novela de Zweig de xeito casual durante unha reunión familiar no seu domicilio en Vilafranca do Bierzo. O seu fillo, o director de orquestra Pedro Halffter, coñecedor da literatura alemá, suxeriulle distintas opcións ata que a súa nora Ana faloulle da novela de Zweig. Así lembraba o propio compositor o proceso de elección da obra:[3]

Estabamos ceando aquí, un día do Nadal de 2008. Pedro, que coñece ben a literatura alemá, estaba facéndome suxestións cando de pronto Ana preguntoume se coñecía a Schachnovelle de Stefan Zweig e prometeu enviarma cando chegara a Madrid. En canto me chegou lina e, esa mesma tarde, estaba a ópera. Vina enteira.”

— Cristóbal Halffter

A composición prolongouse por espazo de dous anos (entre 2010 e 2012) e tras finalizala adicoulla ó seu fillo e á súa nora.[1][3] O 19 de febreiro de 2012, Cristóbal Halffter deuna por concluída e enviouna á editorial que imprimiría a partitura, a austríaca Universal Edition.[6]

Estrea[editar | editar a fonte]

Schachnovelle foi estreada na Opernhaus de Kiel o 18 de maio de 2013, dirixida polo alemán Georg Fritzsch á fronte da Philharmonisches Orchester Kiel, e co tamén alemán Daniel Karasek a cargo da dirección de escena.[7] Á fronte do Philharmonischer Chor Kiel estivo Barbara Kler, mentres que a responsable do vestiario foi Claudia Spielmann.[8]

A estrea foi un grande éxito, e asistiron entre outros, personalidades destacadas do mundo da música como o compositor e pianista Aribert Reimann ou o tamén compositor Peter Ruzicka, ámbolos dous alemáns. No diario Die Welt, Peter Krause a define como "xenialmente habilidosa”, e afirma que “En ela loita o idealismo contra o materialismo, o valor do espiritual contra os cartos, a liberdade contra a ditadura”.[9]

Personaxes[editar | editar a fonte]

Personaxe Tesitura Intérpretes na estrea o 18 de maio de 2013
(Director: Georg Fritzsch)[8]
Dr. Leo Berger barítono Jörg Sabrowski
Oficial da Gestapo contratenor Michael Hofmeister
Mirko Czentovic, campión mundial de xadrez baixo Tomohiro Takada / Marco Vassalli
Enfermeira soprano Heike Wittlieb
Primeira dama, unha pasaxeira / peza de xadrez soprano Anna Petrova
Segunda dama, unha pasaxeira / peza de xadrez soprano Susan Gouthro
Terceira dama, unha pasaxeira / peza de xadrez alto Juliane Harberg
Axente Koller, un axente / peón / segundo reporteiro tenor Fred Hoffmann
Primeiro home da Gestapo / Mario Lotto, un pasaxeiro tenor Christoph Woo
Primeiro reporteiro / Ingmar Soderström, un pasaxeiro tenor Thomas Scheler
Scott McConner, un pasaxeiro tenor Michael Müller
Pastor barítono Mikko Järviluoto
Graf Simczik, garda, capitán, camareiro barítono Andreas Winther
Segundo home da Gestapo / José Burgos, un pasaxeiro barítono Ulrich Burdack
Paul Teller, un pasaxeiro / peza de xadrez barítono Salomon Zulic del Canto
Boris (home da pousada) / peza de xadrez / terceiro reporteiro baixo Marek Wojciechowski
Primeiro Kiebitzer (coro de nenos e mozos), un pasaxeiro soprano Rahel Brede
Segundo Kiebitzer, un pasaxeiro alto Bogna Bernagiewicz
Mirko Czentovic de neno Willem Klemmer / Clemens Marcic
Kron papel mudo Extra
Médicos, fotoxornalistas, xornalistas, mozos de telégrafo, repartidores, e mariñeiros coas súas mozas

Características[editar | editar a fonte]

Características xerais e musicais[editar | editar a fonte]

A Schachnovelle de Halffter é unha ópera de gran formato para grande orquestra, solistas, coro e ballet. Nas aproximadamente dúas horas de duración e as oito escenas que a conforman, pasan polo escenario 18 personaxes.[5][6]

Durante o cativerio de Berger en Viena, o único contacto deste é o carcereiro que lle leva a comida, e que responde ás preguntas de Berger cun sonoro portazo. Este elemento é incorporado por Halffter na partitura como símbolo da violencia mental á que é sometido o prisioneiro. Para o compositor, este portazo é considerado case un tema musical, que acaba por converterse en protagonista, e engadía que "interesoume facer que un ruído puidera organizarse musicalmente”.[3]

O compositor baseouse nos recitativos de Mozart para o deseño do canto en Schachnovelle. Tomando a orquestra como base sonora do que está a pasar na escena, os cantantes seguen o seu propio tempo, independentemente do director, en espazos dun máximo de catro compases, coa intención de darlle á ópera vitalidade e credibilidade, un aspecto este último clave en todas as de Halffter.[3]

Tratamento das voces e as personaxes[editar | editar a fonte]

Como ocorre coas óperas anteriores do compositor madrileño e coas dos compositores rusos, en Schachnovelle os papeis protagonistas son interpretados por voces graves: o papel de Berger é cantado por un barítono, mentres que o de Czentovic é interpretado por un baixo. Por contra, o papel do rol negativo (o oficial da Gestapo) corresponde a unha voz masculina aguda, a un contratenor. O compositor explica as causas desta particular asociación de personaxes con voces citando os seguintes versos de Bertolt Brecht[3]

No meu despacho teño a máscara dun demo xaponés. Véndolle a cara e as veas inchadas doume conta de canto esforzo hai que realizar para ser malo.

— Bertolt Brecht

Para Halffter o esforzo que un home ten que facer para cantar como unha soprano reflicte o esforzo que unha persoa ten que realizar para ser mala, e en definitiva esquecer a súa propia dignidade e humanidade.[3]

Tratamento do texto[editar | editar a fonte]

O libreto de Schachnovelle está inspirado na novela homónima e póstuma do escritor austríaco Stefan Zweig. A ópera é unha crítica contra o nazismo e os métodos da Gestapo, como a incomunicación ou o exilio forzado (este último experimentado polo propio Zweig). Todo desenvólvese mediante unha partida de xadrez xogada por dúas personalidades moi diferentes, Czentovi (un prodixio do xadrez de renome mundial) e o Dr. Berger (un refuxiado do réxime nazi).[7][10] A inspiración do compositor é de novo o humanismo do seu pensamento,[9] e explora o tema do triunfo sobre o conflito mental e externo a través da partida de xadrez.[10] Fronte á súa ópera anterior, Lázaro, que tiña un carácter máis espiritual, Schachnovelle narra unha historia.[6] Halffter declarou sobre a súa ópera:[10]

O material expresa que todo o mundo debe loitar – non sempre con armas; hai outras formas de loitar. Berger loita polos seus ideais en contra da violencia. Combate a agresión que experimenta a mans dos nazis en Viena. Czentovic é definido por outro tipo de xogo. Convértese en campión do mundo, gaña moitos cartos, mentres que o seu opoñente xoga o mesmo xogo – mais non por cartos. El loita por outro motivo, contra o poder e a opresión do réxime nazi.

— Cristóbal Halffter

Ao contrario do que ocorre coa novela de Zweig, na que se presenta o relato dunha única personaxe, a ópera de Halffter transforma a historia nun diálogo.[6]

Argumento[editar | editar a fonte]

A ópera está inspirada na novela homónima de Stefan Zweig.

A ópera de Cristóbal Halffter está inspirada na novela homónima de Stefan Zweig, adaptada polo dramaturgo alemán Wolfgang Haendeler.

O protagonista pasa o seu cativerio xogando mentalmente ao xadrez.

A ópera comeza coa visión da infancia do posteriormente inaccesible e arrogante campión mundial de xadrez Mirko Czentovic. Porén, a imaxe parece superflua no medio do agresivo tempo de guerra.[11]

A segunda escena desenvólvese en Viena, a onde levan ao pequeno Czentovic a mostrar o seu talento. Alí o protagonista, o Dr. Berger, é un avogado austríaco que en 1938 convértese en vítima dos nazis e é detido pola Gestapo e confinado nunha pequena habitación de hotel tapiada e completamente illada, tendo como único contacto a un carcereiro que lle leva a comida e responde ás súas preguntas dando un sonoro portazo. Berger consegue sobrevivir ás condicións infrahumanas do seu illamento mediante o xogo do xadrez, a través dun libro que encontra nun descoido dos seus gardiáns, ao mesmo tempo que descobre a división da súa personalidade xogando partidas contra si mesmo que o acaban levando á loucura: aparécenselle as pantasmas dos grandes mestres, así como torres e bispos. Acaban levándoo medio tolo.[3][6][12]

Ao final da guerra, nunha viaxe de Nova York a Buenos Aires no barco de vapor “Santa María”, atrévese a xogar a súa primeira, e última partida, contra o campión do mundo e que resultará ser a súa partida máis bonita. Nela, Berger reencóntrase consigo mesmo e con Viena, e con el celébrano o espírito e os libros de Karl Kraus, Robert Musil, Joseph Roth, Arthur Schnitzler- e por suposto, Stefan Zweig, abrindo a porta a un novo mundo posiblemente mellor.[12]

Instrumentación[editar | editar a fonte]

A partitura de Halffter require da utilización de:

Instrumentación de Schachnovelle
Madeiras
4 frautas (III e IV dobrando con piccolo), 3 óboes, 4 clarinetes (IV dobrando con clarinete baixo),

3 fagots (III dobrando con contrafagot), saxofón alto, saxofón tenor.

Metais
Catro trompas (en fa), 4 trompetas (en do), 4 trombóns, tuba.
Percusión
Catro percusionistas e piano eléctrico.
Cordas
Violíns primeiros (12-16), violíns segundos (12-14), violas (10-12), violonchelos (8-10) e contrabaixos (6-8).

Estrutura[editar | editar a fonte]

A Schachnovelle de Halffter está escrita nun único acto dividido en oito escenas, nela diferéncianse claramente dúas partes separadas por un intermedio orquestral titulado In tempore belli, e que representa ao período da segunda guerra mundial ata 1945.[3]

A primeira parte comeza na casa de Czentovic nunha pequena vila, se ben a partir da segunda escena toda a acción ten lugar en Viena. Nesta parte, máis dramática, transcorre o cativerio do Dr. Berger. Logo do intermedio instrumental, tamén cun carácter moi dramático, comeza a segunda parte, que en palabras de Halffter "é case outra ópera". Na segunda parte, que comeza no peirao do porto de Nova York, a acción transcorre de xeito moi rápido.[3]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. As dúas primeiras óperas de Halffter (Don Quijote e Lázaro) foron escritas e cantadas en castelán.
Referencias
  1. 1,0 1,1 1,2 "Cristóbal Halffter. Schachnovelle" (en inglés). Universal Edition. Arquivado dende o orixinal o 04 de febreiro de 2016. Consultado o 31 de decembro de 2015. 
  2. "Cristóbal Halffter. Biography" (en inglés). Universal Edition. Arquivado dende o orixinal o 04 de febreiro de 2016. Consultado o 31 de decembro de 2015. 
  3. 3,00 3,01 3,02 3,03 3,04 3,05 3,06 3,07 3,08 3,09 3,10 Guibert, Álvaro (10 de maio de 2013). "Cristóbal Halffter" (en castelán). El Cultural. Consultado o 16 de xaneiro de 2016. 
  4. "Schachnovelle" (en alemán). textkunstwh.de. Consultado o 24 de xaneiro de 2016. 
  5. 5,0 5,1 "C. Halffter estrenará su ópera «Schachnovelle» el 18 de mayo en Kiel" (en castelán). Opera World. 23 de febreiro de 2013. Consultado o 16 de xaneiro de 2015. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 "Cristóbal Halffter: "No existe música sin melodía"" (en castelán). chorrodeluz.net. 10 de xullo de 2012. Arquivado dende o orixinal o 29 de xaneiro de 2016. Consultado o 23 de xaneiro de 2016. 
  7. 7,0 7,1 "Cristóbal Halffter estrenará su ópera "Schachnovelle" el 18 de mayo en Kiel". ABC (en inglés). 23 de febreiro de 2013. Consultado o 9 de xaneiro de 2016. 
  8. 8,0 8,1 "Elke Rehder – Stefan Zweig Novela de Ajedrez" (en castelán). elke-rehder.de. Arquivado dende o orixinal o 28 de xaneiro de 2016. Consultado o 18 de xaneiro de 2016. 
  9. 9,0 9,1 "C. Halffter estrena ópera: Schachnovelle. Kiel" (en castelán). Opera World. 29 de setembro de 2013. Consultado o 16 de xaneiro de 2016. 
  10. 10,0 10,1 10,2 "Cristóbal Halffter’s Schachnovelle to Premiere at Theater Kiel" (en inglés). Schott EAM. 1 de maio de 2013. Consultado o 16 de xaneiro de 2016. 
  11. "Musiktheaterkritik. Literatur plus Utopie". Die Deutsche Büehne (en alemán). 27 de maio de 2013. Arquivado dende o orixinal o 10 de outubro de 2016. Consultado o 24 de xaneiro de 2016. 
  12. 12,0 12,1 "Gran éxito para el estreno de “Schachnovelle” de Halffter" (en castelán). Beckmesser. 20 de xuño de 2013. Consultado o 9 de xaneiro de 2016. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]