Saramaganta

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saramaganta
Chioglossa lusitanica
Chioglossa lusitanica
Chioglossa lusitanica
Estado de conservación
Vulnerable
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Amphibia
Orde: Caudata/Urodela
Familia: Salamandridae
Xénero: Chioglossa
Bocage, 1820
Especie: C. lusitanica
Nome binomial
Chioglossa lusitanica
Bocage, 1864
Distribución da salamántiga galega

Distribución da salamántiga galega

A saramaganta, salamántiga galega, píntega rabilonga ou pinchorra rabilonga (Chioglossa lusitanica) é unha especie de anfibio urodelo da familia dos salamándridos (Salamandridae), a única do xénero Chioglossa, endémica do noroeste da península Ibérica (Galicia, Asturias e norte de Portugal, país no que chega até o Texo).

É unha saramaganta pequena, alongada e esvelta cunha cola moi longa, que pode amputarse como o rabo dos lagartos. Malia recibir ocasionalmente o nome de píntega, non ten pintas.

Descrición e bioloxía[editar | editar a fonte]

Moi vivaz, de corpo alongado, pel moi lisa, co dorso moi escuro, de cor parda broncínea, case negra, con dúas liñas lonxitudinais de contornos irregulares de cor parda dourada que se unen nunha na base da cola, moi longa (chega medir dúas veces e media o tamaño do tronco), que tamén percorre.[1] [2]

En total mide de 12 a 15 cm de lonxitude total (máximo de 16 ou máis), dos que case os dous terzos corresponden á cola. O tronco ten 10 ou 11 sucos laterais, que se continúan pola cola, cada vez menos pronunciados. Os ollos son grandes e saíntes e as extremidades de reducido tamaño.[3]

Coa súa lingua evaxinábel e protráctil, captura pequenas arañas, lesmas, coleópteros e outros insectos para alimentarse.

Máis activa durante a noite, é semiterrestre e áchase baixo pedras, entre os musgos ou follas secas, sempre preto de arroios con agua corrente e limpia. En terra desplázase moi rápido, como se fose un lagarto.

As larvas nacen de 6 a 9 semanas tras o amplexo. Son moi alongadas, e duns 4 ou 5 cm de lonxitude antes da metamorfose, aínda que ás veces chegan a 9 cm.

As branquias están pouco desenvolvidas e a cola está comprimida lateralmente. Pouco pigmentadas ao naceren van escurecendo coa idade, sendo moi escuras as que pasan o invierno nese estado larvario. A maioría dos individuos metamorfoséanse no primeiro ano, pero poden tardar dous en facelo.[4]

Hábitat[editar | editar a fonte]

É unha especie característica das rexións de media e baixa altitude, e rara vez aparecen por riba dos 1 000 m. Habita zonas de clima atlántico moi húmido, en bosques caducifolios. Por iso é escasa no SE da provincia de Ourense, faltando nas zonas máis secas des zona.[2]

Sistemática[editar | editar a fonte]

Acuarela de Bocage na descrición orixinal da especie.

Foi descrita por primeira vez en 1864 polo zoólogo e político portugués José Vicente Barbosa du Bocage.[5]

Existen dúas subespecies:

  • C. l. lusitanica, ao sur do Mondego en Portugal, e
  • C. l. longipes, ao norte deste río.

Ademais de polo rango de distribución, diferéncianse porque a subespecie setentrional ten as patas e os dedos máis longos.[6]

Chioglossa lusitanica no Parque Natural das Fragas do Eume (A Coruña).

Estatus de conservación[editar | editar a fonte]

É unha especie protexida polo Convenio relativo á Conservación da Vida Silvestre e do Medio Natural de Europa (Convenio de Berna) e aparece no Real Decreto 439/1990, que regula o catálogo de especies ameazadas en España.

Catalogada como "vulnerábel" na Lista Vermella da IUCN, as súas maiores ameazas son a contaminación por produtos agroquímicos, perda do hábitat boscoso adxacente aos arroios, detracción de auga para rega e outros usos, canalizacións dos regatos, plantacións de eucaliptos e piñeiros e perda do hábitat por incendios forestais.[7]

Galería[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. SGHN/CCG (1995<), p. 97.
  2. 2,0 2,1 Galán (1993), p. 111.
  3. Andrada (1980), p. 40)
  4. Masó e Pijoan (2011).
  5. Bocage (1864).
  6. Arntzen et al. (2007).
  7. Arntzen et al. (2009).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Saramaganta
Wikispecies-logo.svg
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Saramaganta

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Andrada, Javier ((1980): Guía de campo de los anfibios y reptiles de la península Ibérica. Barcelona: Omega. ISBN 84-282-0589-2.
  • Arnold, E. N. e J. A. Burton (1978): Guía de campo de los reptiles y anfibios de España y Europa. Barcelona: Omega. ISBN 84-282-0488-8.
  • Arntzen, J.W., J. Bosch, M. Denoël, M. Tejedo, P. Edgar, M. Lizana, I. Martínez-Solano, A. Salvador, M. García-París, E. Recuero Gil, P. Sá-Sousa & R. Marquez (2009): Chioglossa lusitanica. In: IUCN 2011. IUCN Red List of Threatened Species. Version 2011.2.
  • Bocage, J. V. B. d. (1864): "Note sur un nouveau batracien du Portugal, Chioglossa lusitanica, et sur une grenouille nouvelle de l'Afrique occidentale". Revue et Magasin de Zoologie Pure et Appliquée, Serie 2, 16, pp. 248-253. [1] Texto íntegro. (en francés) Consultada o 7/10/2012.
  • Frost, Darrel R. (2011): Amphibian Species of the World: an Online Reference. Version 5.5 American Museum of Natural History, New York, USA.
  • Galán Regalado, Pedro e Gustavo Fernández Arias (1993): Anfibios e réptiles de Galicia. Vigo: Xerais. ISBN 84-7507-722-6.
  • Masó, A. e M. Pijoan (2011): Anfibios y reptiles de la península Ibérica, Baleares y Canarias. Barcelona: Omega.ISBN 978-84-282-1368-4.
  • SGHN / CCG (1995): Atlas de vertebrados de Galicia. Tomo I. Peixes, anfibios, réptiles e mamíferos. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega / Sociedade Galega de Historia Natural. ISBN 84-87172-89-X.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]