Santo André de Comesaña, Vigo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Santo André de Comesaña
Santo André de Comesaña.jpg
Detalle da fachada da igrexa.
Situación Comesaña, Vigo.PNG
Concello Vigo
Poboación 5.905 hab. (2013)
Entidades de poboación 16

Santo André de Comesaña é unha parroquia do concello de Vigo. En 2013 tiña 5.905 habitantes (2.854 homes e 3.051 mulleres), repartidos en 16 entidades de poboación.

Xeografía[editar | editar a fonte]

Limita coas parroquias de Alcabre, Coia, Coruxo, Matamá, Navia e Valadares e pertence ó arciprestado de Vigo-Santo André.

A parroquia está situada na aba sureste do val do Fragoso e atravésaa o río Lagares. Por ela pasaba o camiño que tradicionalmente unía Vigo con Baiona, que saía da Porta da Falperra, logo asfaltada (estrada de Camposancos PO-552). Pola banda que estrema con Coia, Navia e Coruxo pasaba o tranvía Vigo-Baiona, e contaba con dous apeadoiros que hoxe non se conservan, o da Bouza e o de Muíños; o seu trazado converteuse na estrada de Vigo-Nigrán pola costa.

Tradicionalmente foi unha comunidade de labregos e artesáns (ferreiros e canteiros). Coa expansión industrial de Bouzas e Vigo, homes e mulleres comezaron a traballar nas fábricas ou vendendo os produtos procedentes da agricultura e gandaría.. O maior fluxo migratorio do século XX desta parroquia dirixiuse cara á área de Bos Aires e Montevideo, o que explica a frecuencia no lugar de destino do apelido Comesaña.

O polígono do Caramuxo acolle unha das principais zonas industriais de Vigo, ás dúas marxes do río, especializada en empresas do sector da automoción, a conserva, os estaleiros, o téxtil, o transporte e o sector audiovisual. Desde 2007 conta co maior centro privado en xestión de residuos industriais de Galicia. A parroquia modificouse de maneira importante polo medre urbanístico de Vigo na segunda metade do século XX. Primeiro coa expropiación arredor de 1947 de terras de cultivo de Comesaña e Matamá para a construción do polígono de Balaídos (actuais terreos da Zona Franca de Vigo, o Estadio Municipal de Balaídos e pistas de atletismo). Despois, cara ao ano 2000, coa urbanización da área lindeira con Coia e Navia e mais a construción da circunvalación que atravesa toda a parroquia.

Etimoloxía do topónimo[editar | editar a fonte]

O topónimo Comesaña vén do étimo latino comesaniam, sobre o tema prerromano com-.

Historia[editar | editar a fonte]

Os restos arqueolóxicos castrexos evidencian que o primeiro núcleo de poboación, na Idade do Ferro, estaba situado no castro de Casás. As primeiras referencias ao topónimo actual, Comesaña, aparecen no século XII, baixo as denominacións Comesana, Comesanae ou Comesania. Nesa altura era unha entidade tan importante como as aldeas medievais veciñas de Beade, Bembrive, Castrelos, Vigo, Cabral, Freixeiro, Sárdoma, Coruxo, Lavadores e Teis, todas elas con igrexa románica propia. Os bens desta igrexa repártense primeiro a medias entre o bispo de Tui e o Cabido, confirmado polo rei Afonso VII o 1 de decembro de 1156 e polo rei Afonso X o 5 de agosto de 1276, e finalmente pertencen só ao bispo de Tui, en doazón confirmada por Fernando II en agosto de 1180[1].

Por unha carta de 1444, dirixida ao dominico Gonzalo de Medina, sábese que Xoán Rodríguez do Padrón, franciscano e trobador, reclama os beneficios perpetuos da parroquia de Santo André de Comesaña (Reg. lat. t. 407 f. 8):

Gundisalvus de Medina, archidiac. 884: Baptistae, electo concordien., et decano ac thesaurario ecclesiae Tuden. mandat, ut Gundisalvus de Medina, archidiaconum de Olmedo in ecclesia Abulen., inducant in corporalem possessionem simplicium parochialum S. Michaelis de Oya et S. Andreae de Comesana, Tuden. dioec., ecclesiarum perpetuorum beneficiorum, tunc ex eo vacantium, quod dilectus filius Ihoannes Roderici de la Camera, O.F.M., illa tunc obtinens, domum Hierosolymitan. dicti ordinis ingressus, regularem per illius fratres emitti solitam professionem emiserat, et quae a Vasco Stephani, pro clerico direc. se gerente, indebite occupata erant. 1445, martii 9, Romae. Exhibita Nobis pro parte, etc. Datum Romae apud S. Petrum, anno 1444 vii idus maii, anno xiv

O cal vén dicindo que Gonzalo de Medina, arquidiácono. 884: Xoán Bautista, electo concordiense e decano e tesoureiro da diocese de Tui manda que Gonzalo de Medina, arquidiácono de Olmedo, na diocese de Ávila, con dereito á posesión simple material das parroquias de San Miguel de Oia e Santo André de Comesaña, na diocese de Tui, que estaban ocupadas indebidamente polo crego Vasco Esteban, reciba os beneficios perpetuos das devanditas parroquias, agora vacantes pola razón de que o dilecto fillo Xoán Rodríguez da Cámara, O.F.M. que as tiña, deixounas de ocupar logo do seu ingreso no convento de Xerusalén da devandita orde. En San Pedro de Roma, ano 1444, idus de maio, ano xiv[2].

En 1661, durante a guerra de independencia de Portugal, sofre as incursións e pillaxe do exército portugués, ao mando do Conde de Prado, acuartelado en Bouzas.

En 1847 Pascual Madoz fai a seguinte descrición: SIT. a las inmediaciones de la ría de Vigo, en terreno parte llano y parte quebrado con libre ventilación. CLIMA templado un tanto propenso á catarros, pleuresías y fiebres de varias clases. Comprende además del l. de su nombre, los de Casas, Concheiros, Iglesia, Pedreira, Pereiras, Puente, Rial, Pereiras y Sanín, los cuales forman al parecer una sola pobl. por hallarse muy inmediatos, excepto el primero, que está separado hacia el S., reúnen todos unas 100 CASAS y escuela de primeras letras frecuentada por 48 niños de ambos sexos, cada uno de los cuales paga al maestro un ferrado de maíz. Para surtido del vecindario hay una fuente de aguas poco apetecibles. La igl. parr. dedicada a San Andrés está servida por un cura, cuyo destino es de primer ascenso y de provisión de S.M., o del diocesano, según los meses en que vaca. Sobre un monte hacia el S. se halla una ermita con el título de San Ignacio de Freijo, la cual ninguna particularidad ofrece. [...] El terreno es de mediana calidad; le cruzan 2 r., llamado el uno Sárdoma que nace en la parr. de Cabral y desagüa en la ría de Vigo, y el otro denominado del Grangeo confluye en el anterior, habiendo sobre ambos algunos puentes de mala construcción. Además de los caminos locales, atraviesa por el térm. el que desde Vigo conduce a Bayona; el CORREO se recibe en aquella c. PROD.: trigo, centeno, maíz, lino, legumbres, hortaliza y frutas; se cría ganado vacuno y algún lanar, siendo preferidos los bueyes pues en esta felig. engordan mucho, y por lo mismo se estraen para Portugal y otros puntos del estrangero; hay caza de perdices, liebres y conejos en abundancia, y pesca de truchas y anguilas. IND. además de la agricultura y la ganadería, cuentan varios telares de lienzos ordinarios y algunos molinos harineros. POBL. 400 vecinos, 500 alm.

Forma parte do concello de Bouzas até que en 1904 este se anexiona ao de Vigo. No censo de 1929, conta con 1.072 habitantes.

En 1915 sitúase á cabeza do atletismo galego coa creación do Comesaña Sporting Club, agrupación decana deste deporte en Galicia que deu grandes atletas, especialmente nas décadas de 1920 e 1940.

No xornal CNT do 28 de xullo de 1933 infórmase da seguinte nova[3]:

Comunican de San Andrés de Comesaña, que en la casa de Antonio Abalde Pérez hizo explosión una bomba en la habitación donde Abalde acostumbraba a dormir. Se ignoran los móviles del atentado.

En 1981 a mocidade da parroquia funda a asociación Outeiro, coñecida como A Cultural, no local da antiga escola pública, diante do cruceiro do Outeiro. O seu primeiro presidente foi Pablo Prado Álvarez. Pouco despois divídese en dúas entidades, a Asociación de Veciños Outeiro e mais a Sociedade Cultural Recreativa e Deportiva Nautilius, pero o 3 de maio de 2004 volve converterse nunha única asociación co nome de Sociedade Veciñal Cultural e Deportiva Nautilius. Na actualidade o Nautilius canaliza as reivindicacións dos veciños e organiza actividades relacionadas coa cultura tradicional. Na década de 1990 as reivindicacións dos veciños conseguiron o selado do antigo vertedeiro de lixo de Vigo, O Zondal, pechado definitivamente en 2001, para a súa rexeneración. Formou parte da Plataforma pola Defensa da Ría de Vigo-Cíes e entre 2001 e 2004 organizou numerosas protestas contra o trazado e verquidos de terra da actual circunvalación de Vigo. Desde eses mesmos anos participa nas protestas dos veciños de Coruxo e Navia contra a ampliación da depuradora situada na xunqueira do río Lagares á altura dos Muíños e que afecta a esta zona de interese natural.

Patrimonio histórico e artístico[editar | editar a fonte]

Igrexa parroquial de Santo André.

Forma parte do conxunto rupestre das parroquias de Coruxo, Oia, Saiáns, Comesaña e Matamá. En Casás existe un castro catalogado da Idade do Ferro no lugar chamado monte do Castro no que se atopou moita cerámica. Consta de dous recintos cunha extensión total de 190 x 160 m. Achouse moita cerámica e algunhas pezas destacadas como o denominado machado pulimentado de Comesaña e a bifaz de Sanín, depositados no Museo Quiñones de León.[4].

Resulta de interese o conxunto parroquial, considerado ben protexido, formado pola igrexa (de fundación románica pero reconstruída no período barroco con nave única e campanario enriba da porta principal), a casa parroquial e un palco da música oitogonal no torreiro (ou campo da festa); a abadía (ou casa reitoral), de grande interese, está fóra deste conxunto. O adro sufriu varias modificacións, unha recente na década de 1990, que serviu tamén para facer un novo torreiro con palco rectangular. O cemiterio trasladouse á beira do Lagares e conta cunha portada monumental de 1913. Sobresaen os cruceiros e as construcións relacionadas coa auga e o gran. Conta con tres hórreos catalogados que poderían non seguir no mesmo lugar polos cambios urbanísticos ou o seu deterioro (A Bouza, A Ponte e Casás).

O Cristo do Outeiro é un dos máis antigos de Galicia. Ten fuste cilíndrico liso directamente chantado na rocha sen capitel. Representa a Cristo con María e San Xoán ao pé da cruz. O conxunto lembra a iconografía habitual do calvario. De feito o conxunto tamén se coñece por ese nome e forma parte do percorrido procesional de semana santa, que vai da igrexa até ese cruceiro, seguindo un camiño de cruces (via crucis), algunha delas desaparecida e substituída por outra de formigón. No lugar do Outeiro existiu unha antiga canteira. Segundo o arqueólogo José Manuel Hidalgo: Este singular crucero cuenta con mucha devoción y numerosas leyendas que tratan sobre episodios relacionados con él. Es interesante comentar las numerosas cazoletas o huecos artificiales que se pueden observar en la pared delantera de la roca en la que está "clavado" este crucero. Podría estar hablándonos de ritos religiosos primitivos vinculados a este lugar en concreto y que se relacionan en alguna medida con algunas de las costumbres recogidas (como que en Semana Santa al atardecer, se encienden dos antorchas a los lados del mismo...). Sería muy importante estudiar en más profundiad este crucero y el folclore que lo rodea, aún en nuestros días.

O cruceiro do Cristo do Pazo ten base cúbica, columna lisa octogonal rematada en capitel con follas de acanto e volutas. Representa no anverso o Cristo de tres cravos e no reverso unha Dolorosa de estilo barroco. Consta a seguinte inscrición: "ESTA OBRA / LA MANDO ASER C / ( ARLOS DE CUM.... / C..M..T..?) / ANO 1723". Por ampliación da estrada, desprazouse uns metros cara ao solar que ocupaba a chamada Casa da Inquisición.

Cruceiro no adro da igrexa.

O cruceiro da Igrexa ou cruceiro do Adro ten base cúbica, columna lisa rematada en capitel con volutas. Representa un Cristo moi esquematizado sobre cruz con nós. Por remodelación do adro a finais de 1990 desprazouse da porta da sacristía á altura da porta principal.

O peto de ánimas do Romeu é un conxunto en pedra polícroma formado por un peto coroado pola representación da morte (caveira e dúas tibias cruzadas) e un Cristo de tres cravos. No peto represéntanse cinco figuras: un monxe en posición de rezo, dúas figuras de medio corpo e tres caras. Non conserva o peto para as esmolas. Consta a seguinte inscrición: "AÑO 1860 / ANIMAS DEL ROMEU / SAN ANDRÉS DE COMESAÑA". Na actualidade está empotrado no muro dunha leira na estrada de Camposancos. Segundo o arqueólogo José Manuel Hidalgo a lenda di que o peto se puxo en lembranza dun peregrino que de camiño a Santiago parou a descansar nese lugar e morreu.

A fonte e lavadeiro do Regueiro construíronse en 1925 no lugar da Ponte, sendo cubertos na década de 1960. Sitúanse no lugar da Ponte. Fonte de mina. Construción do lavadoiro de tres follas , na actualidade desaparecidos pola construción dun motel.

O lavadeiro da Rodeira construíuse en 1924 no lugar dese nome, aproveitando o regato. Construción de dúas follas con cuberta.

A fonte de cano de Comesaña.

O muíño do Lourenzo (ou muíño do tío Lourenzo), no Granseo, sobre o río Pontón. Empregábase para moer gran (con dúas moas) e serradeiro. Estrema con Coruxo.

O muíño do Vento. Outros muíños eran o muíño do Vento; muíño de Brais, muíño do Granseo, muíño do Grilo e muíño Novo (en Casás); muíño de Sanín e muíño da Presa (en Sanín); muíño de Sandrigo (en Rial); muíño do Topete (de construción máis moderna) e muíño da Laxe (en Topete); muíño de Brais e muíño do Crego (nas Torres).

Vivendas rurais tradicionais catalogadas, do tipo casa con patín (segundo a denominación de Pedro de Llano):

  • Vivenda no Camiño das Cortiñas, núm. 13, A Ponte
  • Vivenda no Camiño das Pereiras, núm. 12, As Pereiras
  • Vivenda no Camiño do Rial, núm. 53-55, Comesaña
  • Vivenda con entrada monumental no Camiño da Seña, núm. 13, A Ponte

Portadas ornamentais catalogadas:

  • Catro portadas no lugar dos Eidos
  • Portada da abadía (ou casa reitoral)
  • Portada do Camiño da Seña, núm. 13

Outro patrimonio catalogado:

  • Un pombal circular no Tombo, feito con muro de cachote revestido.
  • Catro lagares: un no camiño do Tombo; tres no Camiño de Rial, Comesaña.
  • Cinco lagares con alboio: dous na Estrada Matamá-Pazo; un no Camiño dos Regueiros; un no camiño do Tombo; un no Camiño do Outeiro, núm. 8, Casás.
  • Unha adega e lagar, en Camiño da Pedra Branca, núm. 22, Casás.
  • Cinco fornos: dous nas Pereiras; dous en Rial; un na Rodeira.
  • Unha eira enlousada, catalogada e fotografiada en 1996.
  • A nave de Vitrasa, dos arquitectos Xosé Bar Boo e César Portela, de 1974.

Colectivos e equipamentos[editar | editar a fonte]

Colectivos: Comesaña Sporting Club (atletismo); a Comunidade de Montes en Man Común de Comesaña; Confraría da Nosa Señora do Rosario (relixiosa); AVCD Nautilius (veciñal e cultural), a súa sede social é o eixe da vida cultural e asociativa da parroquia, con grupo de gaitas, baile e coral polifónica; O Trasno Novo Teatro; Unión Deportiva Comesaña (fútbol); Os Ventos de Comesaña e S.C.R.D. Nautilius (folclore).

Equipamentos: CEIP Párroco Don Camilo, cemiterio parroquial, centro cultural, campo de fútbol A Xunqueira.

Cultura popular[editar | editar a fonte]

Celebra dúas festas patronais: o 8 de setembro, as da Virxe do Rosario, e o 30 de novembro, as de Santo André.

En xeral mantivéronse festas e actividades tradicionais do calendario anual agrario como o entroido, o San Xoán, as alfombras de Corpus Christi, as festas patronais, o magosto, o belén vivinte e a rondalla (ou rancho) de reis. As rondallas participaron en diversas ocasións en concursos e nos desfiles doutros concellos da bisbarra.

Na actualidade a actividade cultural da parroquia vertébrase arredor da Asociación Cultural Nautilius, organizadora entre outras da Festa do Veciño e a Festa da Orella. Grupo de música e baile tradicional "Os Ventos de Comesaña" e "Nautilius". Coral: Nautilius. Conta cun grupo de teatro afeccionado: O Trasno Novo Teatro.

Itinerarios naturais e culturais[editar | editar a fonte]

O parque forestal de Comesaña ou parque da Fontesanta está situado no Monte da Aguieira, cunha superficie total de 29.200 m² e pertence á Comunidade de Montes de Comesaña. Acondicionouse no ano 2001, e forma parte da ruta GR-53 que atravesa os montes de Vigo pola zona máis alta, desde A Madroa até A Garrida. Está formado por piñeiral, eucaliptal (entre Comesaña e Coruxo fíxose a primeira plantación desta árbore na zona, en socalcos, á beira do río Pontón e do muíño do Lourenzo; para asegurarlle o rego construíuse unha presa), carballos, castiñeiros, bidueiros e salgueiros. Na parte alta do parque conta con interesantes penedos graníticos irregulares froito da erosión. Desde os puntos máis altos hai panorámicas da ría e as illas Cíes.

O paseo fluvial á beira do río Lagares atravesa a cidade de Vigo desde A Raposeira (preto do final da Av. de Madrid) até a praia de Samil, seguindo o curso do río Lagares, cunha lonxitude total de 8,3 km. É un percorrido no que se mestura o rural e o urbano e que está rexenerándose. Pódense ver grupos de patos, gansos e garzas, así como vexetación autóctona, pontes medievais e edificacións típicas da arquitectura popular galega.

O camiño xacobeo forma parte dunha variante do Camiño portugués da Costa ou Camiño Monacal, como evidencia a lenda asociada ao peto de ánimas do Romeu. Segundo o historiador Ernesto Iglesias Almeida, a orixe do microtopónimo Romeu procede dun peregrino que foi soterrado nalgún lugar entre a igrexa de Coruxo e Comesaña cando facía o camiño; como os habitantes do lugar non sabían como se chamaba, sinalaron a súa tumba co nome de Romeu, do romeiro peregrino. Na actualidade non existe sinalización nin camiño diferenciado da estrada de Camposancos pero algunhas asociacións de amigos do camiño propoñen atravesar Comesaña polo paseo fluvial do Lagares, aínda que non sexa o vial vello.

Lugares e parroquias[editar | editar a fonte]

Lugares de Santo André de Comesaña[editar | editar a fonte]

Lugares da parroquia de Santo André de Comesaña no concello de Vigo (Pontevedra)

A Aguieira | A Bouza | A Capela | O Caramuxo | Casás | Os Cocheiros | Comesaña | A Cova da Becha | Os Eidos | Eixido | A Fonte Santa | A Igrexa | Os Muíños | As Nogueiras | O Pazo | Pedra Branca | A Pedreira | As Pereiras | A Ponte | O Rial | Rodeira | Romeu | Sanín | O Tombo | A Viña da Veiga

Parroquias de Vigo[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia de Pontevedra | Parroquias de Vigo

Alcabre (Santa Baia) | Beade (Santo Estevo) | Bembrive (Santiago) | Bouzas (San Miguel) | Cabral (Santa Mariña) | Candeán (San Cristovo) | Castrelos (Santa María) | Coia (San Martiño) | Santo André de Comesaña (Santo André) | Coruxo (San Salvador) | Freixeiro (San Tomé) | Lavadores (Santa Cristina) | Matamá (San Pedro) | Navia (San Paio) | Oia (San Miguel) | Saiáns (San Xurxo) | San Paio (San Paio de Fóra) | San Xoán do Monte (San Xoán) | Sárdoma (San Pedro) | Teis (San Salvador) | Valadares (Santo André) | Vigo Centro | Zamáns (San Mamede)

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Ocaña Eiroa, F. J., 1996 http://sapiens.ya.com/rojea/IGROMAN.htm
  2. Dolz i Ferrer, Enric, 2004 http://parnaseo.uv.es/lemir/Revista/Revista9/Dolz/Dolz.htm
  3. CNT nº 204, Madrid, 28-VII-1933, p.2 pdf
  4. www.phatenea.usc.es

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Amor Moreno, G.E. e outros. El Camino Portugués de la Costa. Asociación de Amigos de los Pazos.
  • Ávila y la Cueva, Francisco. Ciudad de Vigo. Villa de Bouzas : Alcabre, Beade, Bembrive, Cabral, Candeán, Castrelos, Coia, Comesaña, Coruxo, Freixeiro, Lavadores, Matamá, Navia, Oia, Sárdoma, Teis, Valadares, Zamáns. Ed. de Clodio González Pérez. Noia: Toxosoutos, 2003, 113 p.
  • Catálogos do Patrimonio, 1. Etnografía, Concello de Vigo, 1996.
  • Fernández Fandiño, Justo. San Andrés de Comesaña. Diócesis de Tuy-Vigo. Historia de la cofradía de Ntra. Sra. del Rosario, y otras notas de interés. Vigo: [s.n.], 1985 (Imp. Numen), 218 p.
  • Madoz, Pascual. Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar. Impr. P. Madoz y L. Sagasti, 1847.
  • Plan Xeral de Ordenación Municipal de Vigo. Tomo VI: Catálogo de edificios, bens e monumentos protexidos. Vigo: Concello/ Consultora Galega S.L., novembro de 2004.
  • Souto González, Xosé Manuel. Vigo: Cen anos de historia urbana (1880-1980). Vigo: Xerais, 1990.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]