Sans-culotte

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A expresión sans-culotte significa literalmente "sen calzóns". O termo está relacionado coas modas e costumes da época, o século XVIII, xa que os sectores sociais máis acomodados vestían cunhas calzas curtas e axustadas (os culottes), mentres que moitos membros do Terceiro Estado levaban pantalóns longos.

Cadro representando a un típico sans-culotte de Louis-Léopold Boilly (1761-1845).

Baixo este mote, usado ao principio de forma despectiva e exhibido posteriormente por eles mesmos con orgullo, incluíase a un grupo heteroxéneo de persoas: traballadores independentes, pequenos comerciantes e artesáns (carpinteiros, xastres, etc.). Non se incluían entre eles nin aos máis pobres nin á burguesía acomodada.

Os sans-culottes constituían, polo seu elevado número, unha parte importante do Terceiro Estado da capital francesa. Durante xeracións acháronse expostos a numerosas inxustizas e continuas vexacións por parte dos estamentos privilexiados. Tiñan, xa que logo, acumulado odio e rancor cara a quen gozaban de todos os luxos.

O inicio da Revolución Francesa significou, para moitos deles, o momento da súa vinganza. Ao estalar aquela, os sans-culottes convertéronse na forza de choque popular que asaltou a Bastilla e o palacio das Tullerías. Tamén constituíron a base fundamental do exército francés que se enfrontou ás potencias absolutistas europeas.

Entre 1792 e 1795, os sans-culottes foron os protagonistas da escena política revolucionaria. Asistían aos debates da Asemblea Nacional, Asemblea Constituínte e a Asemblea Lexislativa e alí alentaban aos representantes radicais que con maior ardor defendían os duros castigos para os acaparadores de alimentos ou a fixación dun prezo máximo para os produtos de primeira necesidade.

Para rematar, hai que sinalar que a presión que exerceron sobre os deputados á hora de votar sobre condenar a morte a Luís XVI resultou decisiva para que o monarca acabase na guillotina.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]