San Galo - St. Gallen
| San Galo | |
|---|---|
| Situación | |
| País | |
| Cantón | |
| Distrito | San Galo |
| Nome | |
| Nome oficial | St. Gallen |
| Francés | Saint-Gall |
| Italiano | San Gallo |
| Romanche | Son Gagl |
| Xeografía | |
| Superficie | 39,41 km2 |
| Altitude • Máxima • Mínima |
675 m 1.074 m (Birt) 496 m (Goldachtobel) |
| Poboación | |
| Poboación | 72.642 (2010) |
| Densidade | 1.843 hab/km2 |
| Lingua | Alemán |
| Información | |
| Código postal | 9000 |
| Alcalde | Thomas Scheitlin (FDP) |
| Sitio na web | www.stadt.sg.ch |
San Galo ou San Gall (
Sankt Gallen (axuda · info) en alemán, Saint-Gall en francés, San Gallo en italiano e Sogn Gagl en romanche) é unha cidade suíza, capital do distrito e do cantón de San Galo. Segundo datos do 2010 conta con 72.642 habitantes, o que a converte na sétima cidade do país.
A cidade é o centro económico e cultural da rexión leste de Suíza. A abadía de San Galo é a maior atracción turística da cidade e está inscrita na lista do Patrimonio da Humanidade da Unesco.
Índice |
Xeografía [editar]
San Galo está situada na rexión noreste de Suíza, nun val a aproximadamente 700 metros sobre o nivel do mar, o que fai que sexa unha das cidades de maior altura do país e que reciba unha grande cantidade de neve no inverno. O lugar está situado entre o lago de Constanza e os Alpes appenzellenses.
Os límites da cidade son: ao norte coas comunas de Gaiserwald, Wittenbach e Mörschwil, ao leste con Untereggen, Eggersriet e Speicher (AR), ao sur con Teufen (AR), Stein (AR) e Herisau (AR), e ao oeste con Gossau. Ademais, a cidade atópase dividida administrativamente en barrios e localidades: Bruggen, Hafnersberg, Heiligkreuz, Kräzern, Krontal, Lachen, Notkersegg, Riet, Rotmonten, Sankt Fiden, Sankt Georgen, Sittertal e Winkeln.
O centro da cidade está construído sobre un terreo inestable, os edificios do fondo do val atópanse construídos sobre pilotes. Un claro exemplo é a estación de trens e a praza adxacente.
Historia [editar]
O comezo da urbanización da cidade débese ao monxe irlandés Gallus (ou Galo: *550; ?640), quen chegou como estudante do misioneiro Columbano de Lexehuil á zona do que hoxe é Suíza, para converter os Alamáns ao cristianismo. Sobre o 720 o sacerdote alamán Othmar construíu unha abadía e deulle o nome de Abadía de St. Gallen. No 926, xinetes húngaros atacaron a vila e maila abadía e en 954 foi rodeada dunha muralla para protexela dos sarracenos.
Durante a Idade Media formou parte do Sacro Imperio Romano Xermánico, chegando a ser unha Cidade Imperial Libre (título que o emperador concedía a algunhas vilas polo cal el gobernaba directamente sobre elas sen a mediación de ningún príncipe) en 1311. Máis tarde os gremios gañaron o control do goberno civil, ata que lle mercaron a liberdade ao emperador xermánico Sexismundo de Luxemburgo, entrando a formar parte da Antiga Confederación Suíza en 1412.
En 1526 o humanista Joachim Vadian introduciu as ideas da Reforma Protestante en St. Gallen. Deste xeito, a cidade converteuse á nova relixión, mentres que a abadía permaneceu fiel á fe católica ata 1803, no marco da desaparición da República Helvética creada cinco anos antes por Napoleón ao invadir a Antiga Confedración Suíza e sancionar a fin do Antigo Réxime. O feito supuxo a creación do cantón protestante de San Galo, do que a vila foi nomeada capital, e a deportación dos monxes católicos da abadía.
San Galo foi dende o século XV un importante centro da industria téxtil, acadando o seu clímax a principios do século XVIII. A partir de mediados do mesmo século iniciouse unha depresión na produción como consecuencia da competencia estranxeira, recuperándose novamente no XIX e principios do XX. Hoxe en día, só sobrevive unha pequena industria debido á alta especialización e á produción maioritariamente mecánica, mais de recoñecida calidade.
Transporte [editar]
A cidade conta cun denso sistema de transporte urbano, operado pola VBSG (Verkehrs Betriebe-Sankt Gallen). Ademais existe unha ampla rede de autobuses postais (Postauto) que conectan á cidade coa área de Appenzell. A cidade conta tamén cun sistema de trens rexionais (S-Bahn).
A estación de trens de San Galo ten unha excelente conexión coa rede de Ferrocarrís Federales Suizos. Os trens InterCity que conectan a cidade con Zúric saen cada media hora. A cidade é tamén sé dalgunhas empresas ferroviarias privadas como a Südostbahn (SOB) que conecta San Galo con Lucerna, as ferrovías de Appenzell (Appenzeller Bahnen) que a unen con Appenzell e a Trogenerbahn que a unen con Trogen.
San Galo conta co seu propio aeroporto, o aeroporto de St. Gallen-Altenrhein, que non é de gran talla e non recibe grandes voos comerciais. Atópase preto do lago de Constanza e recibe voos desde Viena e algúns outros destinos.
A cidade está conectada á Autopista A1 que a conectan con Sankt Margrethen, Zúric, Berna e Xenebra.
Cultura [editar]
A Universidade de San Galo (en alemán, Universität St. Gallen (Hochschule für Wirtschafts-, Rechts- und Sozialwissenschaften HSG)), creada en 1898, ofrece formacións en ciencias económicas e sociais e en dereito. Considerada como unha das mellores universidades de lingua alemá, ademais de ser recoñecida a nivel mundial pola súa formación en ciencias económicas.
De acordo con datos do ano 2000 o 44% dos habitantes de San Galo son católicos e un 27% son protestantes, mentres que un 10% non practica ningunha relixión.
A abadía de San Galo é o emblema da cidade. Declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 1983, ao considerala un perfecto exemplo dos mosteiros carolinxios, data do século VIII. A súa biblioteca, unha das máis ricas do mundo en libros medievais, contén obras do século IX.
Véxase tamén [editar]
Outros artigos [editar]
| Listaxe | Cidade | Cantón | Pob. | Listaxe | Cidade | Cantón | Listaxe | Zúric Xenebra Basilea |
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| 1 | Zúric | Zúric | 372.047 | 11 | Thun | Berna | 42.330 | |
| 2 | Xenebra | Xenebra | 191.415 | 12 | Köniz | Berna | 38.793 | |
| 3 | Basilea | Basilea-Cidade | 169.019 | 13 | La Chaux-de-Fonds | Neuchâtel | 37.523 | |
| 4 | Lausana | Vaud | 133.280 | 14 | Schaffhausen | Schaffhausen | 34.587 | |
| 5 | Berna | Berna | 123.466 | 14 | Friburgo | Friburgo | 34.490 | |
| 6 | Winterthur | Zúric | 101.203 | 16 | Vernier | Xenebra | 33.517 | |
| 7 | San Galo | San Galo | 72.642 | 17 | Coira | Grisóns | 33.377 | |
| 8 | Lucerna | Lucerna | 59.509 | 18 | Neuchâtel | Neuchâtel | 32.770 | |
| 9 | Lugano | Tesino | 55.060 | 19 | Uster | Zúric | 32.285 | |
| 10 | Biel/Bienne | Berna | 50.455 | 20 | Sion | Valais | 29.718 | |
| Censo 2010 | ||||||||