Samuel Colt

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Samuel Colt

Samuel Colt, nado o 19 de xullo de 1814 e finado o 10 de xaneiro de 1862, foi un inventor e empresario estadounidense soado pola súa participación na industria das armas.

Biografía[editar | editar a fonte]

Desde moi novo Colt mostrou grande interese polas armas e explosivos. Foi expulsado aos 16 anos do centro no que estudaba ciencias ao destruír parte do edificio durante un experimento. O seu pai, propietario dunha fábrica de tecidos de seda, enviouno nunha viaxe por mar ata a India. En Calcuta, Colt viu un primitivo modelo de revólver, cun mecanismo moi inseguro e pouco funcional. Ao volver a Estados Unidos observou no barco un trinquete empregado para elevar a áncora e baseándose nel tallou en madeira un mecanismo para accionar o tambor do revólver.

Financiado polo seu pai, Colt creou un modelo funcional de revolver que patentou en Gran Bretaña e EE.UU. en 1835 e 1836 respectivamente. Funda en Patterson, Nova Jersey. a Patterson Arms Manufacturing Company e produce un revólver de cinco disparos do calibre 36 de simple acción. A falta de investidores impídelle comprar maquinaria e os revólveres son fabricados a man polo que o seu prezo é moi alto e a compañía creba en 1842.

Colt inventa prototipos de cables para accionar minas mariñas a distancia para o goberno pero este perde o interese e Colt convence a Samuel Morse para empregar os seus descubrimentos no tendido do primeiro enlace telegráfico submarino entre Nova York e Coney Island en 1843.

Os Rangers de Texas ponse en contacto con Colt, impresionados polo seu primeiro revólver, para encargarlle 1.000 revólveres en 1847. Colt aprendera da súa anterior experiencia e aluga unha industria totalmente equipada para abaratar o custo de cada arma e deseña un novo modelo perfeccionado de seis disparos. Posteriormente Colt funda en Hartford, Connecticut a Colt's Firearms Company e deseña unha liña de montaxe en cadea con pezas estándar totalmente intercambiables entre si, algo totalmente novo na industria de armamento.

A industria de Colt creceu enseguida, sendo provedor de exércitos e particulares de todo o mundo e segue existindo hoxe en día. O seu modelo máis famoso foi posiblemente o revolver Colt 45 de simple acción, utilizado polo exército e actor invitado na maioría das películas do xénero do Oeste.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Samuel Colt

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]