Salvador Puig Antich

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Salvador Puig Antich, nado en Barcelona o 30 de maio de 1948 e finado na mesma cidade o 2 de marzo de 1974, foi un anarquista catalán, activo durante os anos sesenta e comezos do setenta, que morreu executado polo réxime franquista despois de ser xulgado por un Tribunal Militar e condenado como culpable da morte dun garda civil en Barcelona.

Biografía[editar | editar a fonte]

Familia[editar | editar a fonte]

Fillo dunha familia traballadora de clase media, Salvador era o terceiro de seis irmáns. O seu pai, Joaquim Puig, fora militante de Acció Catalana durante a República. Exiliado a Francia no campo de refuxiados de Argelès, foi condenado a morte ó seu retorno a Cataluña e indultado no último momento.

Mocidade[editar | editar a fonte]

De novo comezou a estudar no colexio La Salle Bonanova até que foi expulsado por indisciplina. A partir dos dezaseis anos compaxina o traballo nunha oficina cos estudos nocturnos no Institut Maragall, onde fai amizade con Xavier Garriga e os irmáns Solé Sugranyes (Oriol e Ignasi), todos eles futuros compañeiros do MIL (Movimiento Ibérico de Liberación).

Militancia[editar | editar a fonte]

Os episodios do maio francés de 1968 foron decisivos para que Puig Antich decidise implicarse na loita. A súa primeira militancia será en Comisións Obreiras e formará parte da Comisión de Estudantes do Institut Maragall. Ideoloxicamente axiña evoluciona cara a posicións anarquistas, que rexeitaban calquera tipo de dirixismo e xerarquía dentro das organizacións políticas e sindicais na loita da clase obreira cara a súa emancipación. Após iniciar estudos universitarios de Ciencias Económicas, fai o servizo militar en Eivisa onde é destinado na enfermería do cuartel. Unha vez licenciado, incorpórase á nova organización MIL, integrándose na parte armada. Participa, facendo de chofer, nas accións do grupo, que consisten xeralmente en realizar atracos a bancos. O botín destinábase a potenciar as publicacións clandestinas do grupo e a axudar ós folguistas e os obreiros detidos.

Puig Antich e os seus compañeiros movíanse con facilidade no mundo da loita clandestina e viaxaban a miúdo ó sur de Francia, onde se relacionaban con vellos militantes cenetistas.

En agosto de 1973, xuntáronse en Francia para celebraren o Congreso de Autodisolución do MIL. Ó mes seguinte, despois do atraco a unha oficina de La Caixa en Bellver de Cerdanya, comezaría unha forte ofensiva policial contra os militantes do MIL.

Primeiro caeron Oriol Solé Sugranyes e Josep Lluís Pons Llobet, e, a continuación Santi Soler, que foi detido, interrogado e torturado e remata por confesar os lugares de encontro clandestino dos seus compañeiros. O mesmo Santi Soler será empregado de trampa pola policía de paisano para deter a Xavier Garriga e Salvador Puig Antich. A operación, coidadosamente preparada, efectuouse o 25 de setembro de 1973 en Barcelona. Os dous anarquistas son detidos e, acto seguido no portal do número 70 da rúa Girona, ten lugar un tiroteo a consecuencia do cal Puig Antich ficou ferido e o novo garda civil Francisco Anguas Barragán resulta morto.

Encarceramento e execución[editar | editar a fonte]

Puig Antich foi encarcerado, acusado de ser o autor dos disparos que causaron a morte a Anguas Barragán, e posteriormente xulgado en consello de guerra e condenado a morte por un réxime con sede de vinganza tralo atentado contra Carrero Blanco. En toda Europa organizáronse manifestacións pedindo a conmutación da pena capital, pero Francisco Franco mantívose firme e non concedeu o indulto. Salvador Puig Antich, de 25 anos, foi executado mediante garrote vil nunha cela do Cárcere Modelo de Barcelona o 2 de marzo de 1974 ás 9:40 horas da mañá.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]