Salto de altura

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O salto de altura é unha modalidade olímpica de atletismo, onde os atletas procuran superar unha barra horizontal colocada a unha determinada altura entre dous soportes verticais separados uns 4 metros. A modalidade integra o programa do décatlon e do héptatlon.

Historia[editar | editar a fonte]

O primeiro evento de salto de altura foi rexistrado en Escocia, no século XIX, coa barra colocada até 1.68 m. A proba forma parte do programa olímpico desde os Xogos de Atenas en 1896, onde o vencedor foi Ellery Clark dos Estados Unidos. O eventos de mulleres estreáronse nos Xogos Olímpicos de 1928 en Amsterdam. A primeira campioa olímpica foi Ethel Catherwood do Canadá.

Regras[editar | editar a fonte]

O saltador inicia a súa competición na altura que estime oportuna e dispón de tres intentos para superala. Unha vez superada a altura, o listón sitúase 5, 4 ou 3 centímetros máis arriba, dependendo da normativa da competición que se dispute. O atleta dispón de outros tres novos intentos para superalo, podendo renunciar a esa altura e solicitar unha superior, e así sucesivamente até que cometa tres intentos falidos de xeito consecutivo, que implican a súa eliminación da proba.

A barra é de fibra de vidro ou aluminio, de peso determinado e con preto de catro metros de lonxitude. A sección da barra é normalmente circular, aínda que tamén pode ser cadrada ou triangular. A barra é soportada por dous postes verticais. Por detrás da barra encontrase unha zona de caída, revestida dun material que amortece a caída. O saltador pode facer unha carreira de balanceo, normalmente cerca de 20 metros, até a barra.

O salto é declarado nulo se a barra cae. Os atletas poden, no entanto, tocar a barra nun salto válido, sempre que esta non caia do seu soporte.

Tipos de salto[editar | editar a fonte]

A saltadora Ethel Catherwood supera unha barra ao estilo tesoira.

Os métodos de salto de altura teñen evolucionado desde a primeira competición oficial. A primeira técnica coñecida, o estilo tesoira, consiste en facer unha aproximación á barra en diagonal e saltar primeiro cunha perna e despois co resto do corpo. No inicio do século XX xurdiu a técnica coñecida como Eastern cut-off, semellante á tesoira. A innovación consistía nun movemento que dobra as costas sobre a barra.

O Western roll dominou os Xogos de Berlín 1936 e consiste tamén nun salto inspirado na tesoira, pero a perna exterior serve de balanceo para o paso do resto do corpo. A evolución seguinte foi a técnica straddle, na que o saltador supera a barra de fronte, co rostro virado para o chan.

A técnica mais moderna é o flop ou estilo Fosbury, onde o saltador supera a barra de costas, pasando primeiro cos ombros e co rostro virado para o ceo, despois co resto do corpo. O creador dese estilo foi o estadounidense Dick Fosbury. Saltou 2,24 metros na Olimpíada de 1968, na Cidade de México, e acadou a medalla de ouro, aínda que non teña batido ningún record mundial. O estilo innovador pasou a ser desde entón a principal técnica utilizada polos saltadores. A introdución de cada unha destas técnicas resultou sempre en novas subidas do record mundial.

Records[editar | editar a fonte]

Javier Sotomayor (Cuba) posúe o record mundial con saltos de 2.43 metros (en interior) e 2.45 metros (en exterior). Stefka Kostadinova (Bulgaria) posúe o record mundial das mulleres de 2.09 m desde 1987, o record máis antigo por bater no atletismo.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]