Saartjie Baartman

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Sarah Saartjie Baartman
Unha caricatura de Baartman

Saartjie Baartman, tamén coñecida polo alcume de A venus hotentote, foi unha bailarina surafricana, nada en 1789 preto do río Gamtoos, na Colonia do Cabo (actual República de Suráfrica) e falecida o 15 de decembro de 1815 en París.

A vida[editar | editar a fonte]

Saartjie Baartman nace nunha familia khoisan na fronteira oriental da provincia neerlandesa de Colonia do Cabo, que se estendía por toda a metade occidental do cono sur surafricano. Cando nena, queda orfa logo dun ataque do exército neerlandés, e é levada como criada a unha facenda preto de Cidade do Cabo, onde lle impoñen este nome, que vén significando Sariña. O seu nome real descoñécese.

O seu dono é Hendryk Cesars, un asistente de raza negra e libre do doutor e militar británico Alexander Dunlop. Dunlop convence a Cesars de que lle pode sacar partido económico ao corpo de Baartman en Inglaterra, posto que como correspondía á súa raza, tiña unhas nádegas moi prominentes, o que se coñece co nome científico de esteatopixía, e uns labios vaxinais moi visíbeis (frontal hotentote). Con 21 anos, por volta de 1810, é levada máis ou menos ás agachadas dende Cidade do Cabo, xa baixo o dominio británico ata Londres. Algunhas fontes apuntan que o gobernador británico Du Pre Alexander sabía desta viaxe; outras a que se fixo sen o seu permiso.

Publicitada como a venus hotentote Baartman actuou como bailarina por primeira vez o 24 de setembro de 1810 en Piccadilly (Londres). A súa sona fíxose importante a gran velocidade, axudada polo contexto social e político, e especialmente polas súas caricaturas. Porén, só uns meses despois, os abolicionistas británicos, convencidos de que a Baartman a trouxeran ao Reino Unido pola forza, abren un preito público sobre a súa situación legal. Ela di que quere quedar, e ante a falta de probas, o caso remata aí, outorgándolle unha maior publicidade aínda.

En 1814 viaxa a Francia, onde é recibida como unha grande estrela. Daquela é un comerciante de animais o que se fai cargo da súa representación e exhibición. En 1815 posa durante tres días como modelo vivinte diante de científicos (Georges Cuvier, Henri de Blainville, Étienne Saint-Hilaire...) e artistas (Léon de Wailly, Nicolas Huet, Jean-Baptiste Berré...).

Só unhas semanas despois, o 15 de decembro falece, con 26 anos, probabelmente vítima das vexigas. O seu cadáver foi diseccionado, os ósos fervidos e os xenitais e mais o cerebro conservados en formol. Todos estes órganos foron exhibidos durante case dous séculos no Muséum National d'Histoire Naturelle de París primeiro, e logo no Musée de l'Homme.

Iconografía[editar | editar a fonte]

A súa imaxe non foi a única, pero si unha das máis reproducidas como emblema da beleza da muller africana, vista, iso si, dende a perspectiva do ollo masculino e colonial, especialmente británico e francés. A súa figura foi reproducida en gravados científicos e anatómicos, en folletos e pósters, en banda deseñada, en pinturas e en esculturas.

Quizais a súa representación máis coñecida foi a que lle fixo o pintor Léon de Wailly, imitando a pose da renacentista Venus Cnidia.

O corpo de Baartman foi un dos modelos empregados polo pintor Henri Matisse como inspiración do seu libro O espido azul (1907).

Papel político[editar | editar a fonte]

Na sociedade xurxiá británica, o cu prominente era un tema de discusión permanente, e a aparición de Saartjie Baartman non fixo máis que acender os debates. Coincidiu no tempo co ascenso ao posto de primeiro ministro de William Wyndham Grenville, que tiña unhas nádegas avultadas tamén. De feito, a coalición Whig que apoiaba a Grenville eran chamados os cu-grandes e os cuístas (bottomites). Baartman foi así empregada tamén no xénero do caricaturismo político, como símbolo da coalición gobernante.

A repatriación[editar | editar a fonte]

Co remate do apartheid e o ascenso ao poder en Suráfrica de Nelson Mandela (1994), Baartman regresa á actualidade. O antropólogo Philip Tobias iniciou unha campaña para o regreso do cadáver ao continente africano, e o tema foi central na axenda política durante a primeira visita de François Mitterrand á Suráfrica de Mandela. A repatriación do cadáver foi respaldada polos políticos e a opinión pública francesa, pero tivo que defrontar as críticas dalgúns conservadores de arte e responsábeis de museos, que entendían que o seu corpo formaba parte do patrimonio francés.

Pero as cousas levaron o seu tempo, e non foi ata o ano 2002 cando Baartman regresou a Suráfrica. En maio de 2002 os seus restos chegaron a Suráfrica, e o 9 de agosto, o día nacional da muller, Baartman foi incinerada con funeral de estado no val do río Gamtoos, nun outeiro sobre a viliña de Hankey onde se supón que naceu.

Cinema[editar | editar a fonte]

En 1998, a directora Zola Maseko rodou un documental en Francia sobre a súa vida, titulado A venus hotentote.

Curiosidades[editar | editar a fonte]

  • O escritor de ciencia ficción Paul Di Filippo usou a súa historia como base da segunda parte da súa Steampunk Trilogy.
  • A dramaturga Suzan-Lori Parks fixo o propio na súa obra de teatro Venus.
  • O primeiro buque de protección ambiental de Suráfrica recibiu o nome de Sarah Baartman (2005).
  • Victor Hugo fala dela na súa obra Os Miserábeis en 1862: «Paris est bon enfant. Il accepte royalement tout ; il n'est pas difficile en fait de Vénus ; sa callipyge est hottentote ; pourvu qu'il rie, il amnistie ; la laideur l'égaye, la difformité le désopile, le vice le distrait [...] ». Tamén o cantante Georges Brassens a cita na peza Entre la rue Didot et la rue de Vanves: « Passait une belle gretchen au carrefour du château [...] callipyge à prétendre jouer les Vénus chez les hottentots. »

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Gilman, Sander L. (1986). Black Bodies, White Bodies: Toward an Iconography of Female Sexuality in Late Nineteenth-Century Art, Medicine, and Literature. ISBN 0226284344.
  • Gould, Stephen Jay (1985). The Hottentot Venus. ISBN 0393022285.
  • Holmes, Rachel (2006). African queen: the real life of the Hottentot Venus. ISBN 1400061369.
  • Strother, Z.S. (1999). Display of the Body Hottentot. ISBN 0253334683.