Sándor Petőfi

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Sándor Petőfi

Sándor Petőfi, nado en Kiskőrös o 1 de xaneiro de 1823 e finado posibelmente en Segesvár (hoxe Sighişoara, Romanía) o 31 de xullo de 1849, é o poeta nacional húngaro. Foi ademais unha figura chave na Revolución húngara de 1848, contra os Habsburgo. O seu verdadeiro nome era Alexander Petrovics, e a orde, segundo o costume húngaro, do seu nome é Petőfi Sándor.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

O seu pai Stevan Petrović (en húngaro István Petrovics) era de lingua materna húngara (aínda que era de ascendencia serbia), e a súa nai Mária Hrúzová era de lingua materna eslovaca.

Petöfi adquiriu unha forte e saliente consciencia húngara, converténdose no xefe espiritual de grupos radicais revolucionarios que arelaban unha Hungría libre con total independencia da monarquía dos Habsburgo. Xuntouse ao "Exército transilvano" do xeneral revolucionario polaco Józef Bem, combatendo en sucesivas campañas contra as tropas dos Habsburgo en Romanía e Transilvania, mais o exército sería derrotado sucesivamente cando tropas imperiais rusas interviron a prol dos austríacos. Foi visto vivo por última vez na batalla de Segesvár (Sighişoara), librada o 31 de xullo de 1849. Cóidase que morreu ese mesmo día.

Escribiu unha parte da máis grande poesía nacional maxiar.

Velaí unha mostra do seu poema Nemzeti Dal (Canto nacional), titulado En pé húngaros en tradución literal:

Polo Deus dos húngaros
Nós xuramos,
Nós xuramos,
Non sermos escravos
Nunca xamais !

Petőfi na Galiza[editar | editar a fonte]

O poeta húngaro foi recordado por Aquilino Iglesia Alvariño nun dos poemas de Nenías, evocando ao tempo o seu lugar de nacemento e morte:

Hasta Kioskörös mismo chegaban os carreiriños de herba verde
(...)
Ai, Petöfi, Petöfi, doce poeta dos adioses para sempre!
Como revoaban as capas dos cosacos en Segosvar!

Tamén Álvaro Cunqueiro lle adicou o poema "Na véspera", centrado no momento da súa morte e que remata cos versos:

E xa se segara en Segesvar.
A chaira parecía que xa se ancheara
pra que nela coubera a batalla,
toda a batalla cos seus mortos.

Obra[editar | editar a fonte]

  • Versek (1844)
  • A helység kalapácsa (1844)
  • Cipruslombok Etelke sírjáról (1845)
  • János Vitéz (1845)
  • Versek II (1845)
  • Úti jegyzetek (1845)
  • A hóhér kötele (1846)
  • Felhők (1846)
  • Versei (1846)
  • Tigris és hiéna (1847)
  • Összes költeményei (1847)
  • Bolond Istók (1847)
  • Nemzeti Dal (1848)
  • Az apostol (1848)