Ría de Vigo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ría de Vigo
Localización administrativa
EstadoGaliza Galiza
DivisiónGaliza Galiza
SubdivisiónPontevedra
Localización xeográfica
Océano / MarOcéano Atlántico
ContinenteEuropa
Xeografía
SubdivisiónsBaía de Vigo, Baía de Baiona enseada de San Simón
Illas interioresIllas Cíes, Toralla e San Simón
AfluentesOitavén (34 km), Verdugo (41 km), Alvedosa e Lagares (17,5 km)
Cidades ribeiregasVigo, Baiona, Nigrán, Redondela, Soutomaior, Vilaboa, Moaña e Cangas do Morrazo
Accidentes
CabosCabo Silleiro e cabo Home
EstreitosEstreito de Rande
Características
Superficie176 km²
Lonxitude máxima35 km.
Anchura máxima10-0,6 km
Capacidade3.117 hm³

A ría de Vigo é a ría galega máis ao sur das Rías Baixas e unha das maiores en extensión. Ábrese ao Atlántico desde cabo Home, ao norte, ata ao cabo Silleiro, ao sur, e queda pechada na metade da boca polas Illas Cíes. A ría estreita na enseada de San Simón. Alí forma un estuario interior no que verten na boca da ría os principais afluentes: Oitavén-Vergudo e o Ulló[1][2][3][4].

A ría baña os concellos de Cangas do Morrazo, Moaña, Vilaboa, Pontevedra, Soutomaior, Redondela, Vigo, Nigrán e Baiona. A riqueza en recursos mariños da ría, os caladoiros e a presenza dun dos principais portos pesqueiros na costa da ría fan posible e explican a alta urbanización do litoral e a alta densidade demográfica[1].

Os principais espazos naturais que alberga a ría son a enseada de San Simón, as mariñas da Ramallosa e as Illas Cíes[3].

Características[editar | editar a fonte]

É a máis meridional das Rías Baixas, e presenta unha forma de cuña orientada en dirección nordeste suroeste. A súa superficie total é de 176 km2, cunhas dimensións de 33 km de lonxitude e anchura variábel de 10 km na boca, entre cabo Home e a península de Monteferro, e 600 m no estreito de Rande, volvéndose ensanchar no fondo da ría, na enseada de San Simón. O volume total de auga, 3.117 Hm3, convértena na segunda ría, despois da de Arousa, en volume de auga.

A ría de Vigo é unha das rías con máis produción mariña e de maior calidade no mundo. Isto é porque os ventos nórdicos arrastran no verán as augas superficiais quentes permitindo o afloramento das frías, ricas en nutrientes. Debido á súa temperatura, esas augas non forman nubes, o que provoca a falta de chuvia no verán.

Malia a contaminación da ría, destacan os avistamentos de mamíferos mariños entre os cales os arroaces e as toniñas son os máis abondosos.[5]

Ponte de Rande na ría de Vigo.

Ríos[editar | editar a fonte]

No norte da ría desembocan os ríos da Fraga e o do Pontillón. No sur fano o Alvedosa, o Oitavén e o Verdugo, o Miñor, o de Baredo, o da Groba e o Lagares. A principal afluencia de auga procede do Oitavén-Verdugo, xa que teñen un caudal medio de 16 m3 por segundo; o do Alvedosa, que ten 2 m3 por segundo de caudal; e o Lagares, que ten uns 2,5 m3 por segundo. Porén, o río Lagares, non exerce, debido á súa situación, unha grande influencia no esquema xeral de circulación da ría.

Zonas protexidas[editar | editar a fonte]

A Ría de Vigo presenta zonas legalmente protexidas, como son as Illas Cíes, como Parque nacional das Illas Atlánticas, a enseada de San Simón, a Costa da Vela, as Illas Estelas e A Ramallosa como integrantes da Rede Natura 2000.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "Turgalicia. Ría de Vigo.". Arquivado dende o orixinal o 21 de decembro de 2012. Consultado o 05 de maio de 2015. 
  2. Turgalicia. Ría de Vigo, Información básica.
  3. 3,0 3,1 Museo do Mar. Ría de Vigo
  4. González-Garcés-Santiso, A. (Alberto); Vilas-Martín, F. (Federico); Álvarez-Salgado, X.A. (Xosé Antón) (2009). La Ría de Vigo. Una aproximación integral al ecosistema marino de la Ría de Vigo. Vigo: Instituto de Estudios Vigueses. p. 417. ISBN 978-84-89599-34-5. 
  5. "O porto de Vigo ten os niveis máis altos de contaminación acústica do norte peninsular". Arquivado dende o orixinal o 27 de agosto de 2008. Consultado o 23 de xullo de 2008. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • "Guía cidadá de Vigo y su área metropolitana", Faro de Vigo (2002). Depósito legal: V-5016-2002.

Outros artigos[editar | editar a fonte]