Ryszard Kapuściński

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ryszard Kapuściński.

Ryszard Kapuściński, nado en Pińsk o 4 de marzo de 1932 e finado en Varsovia o 23 de xaneiro de 2007, foi un xornalista, escritor e ensaísta polaco.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Pińsk, a súa cidade natal, pertencía nos anos trinta á provincia polaca de Kresy, na súa fronteira oriental, mais na actualidade é territorio bielorruso. Sufriu na súa infancia as consecuencias da Segunda Guerra Mundial, o que marcou a súa vida e obra posteriores. Despois de estudar Historia e Arte na universidade de Varsovia, comezou a traballar no semanario Sztandar Młodych a comezos da década de 1950 como reporteiro de asuntos locais. Por unha casualidade foi destinado á India para facer reportaxes sobre aquel país, como consecuencia da visita do Pandit Nehru a Polonia e do achegamento entre os gobernos dos dous países. A partir de aí comezou unha carreira como xornalista internacional por China, América Latina e sobre todo a África da descolonización, como único correspondente da Axencia Polaca de Prensa no mundo en desenvolvemento.

Colaborou tamén en Time, The New York Times e Frankfurter Allgemeine Zeitung, como correspondente de guerra durante moitos anos e acadando un grande éxito grazas ó seu peculiar estilo, que o converteu nun xornalista de culto e figura relevante da cultura a nivel mundial.

A partir de 1960, Kapuściński comeza a publicar o seu labor xornalístico en libros, mais non en escolma de reportaxes, senón como obras autenticamente novas. O seu estilo foxe dos grandes acontecementos históricos e das datas oficiais, para narrar a caída e a proclamación dos réximes polos personaxes cos que ten contacto, dende taxistas a xenerais. O seu foi un xornalismo fondamente literario, cunha linguaxe moi coidada e expresiva, e inzada de xogos metaliterarios con referencia aos libros cos que el vai tomando contacto coas novas realidades de países descoñecidos.

Desde 1962 compaxinou as súas colaboracións periodísticas coa actividade literaria e exerceu como profesor en varias universidades. Na actualidade forma parte da Asociación polaca de Artistas Fotógrafos. Foi nomeado doutor honoris causa pola Universidade de Silesia en 1997 e ata 1981 foi correspondente no estranxeiro.

A súa produción literaria foi traducida a multitude de idiomas e recibiu unha excelente acollida por parte do público e da crítica amante dos relatos de viaxes. Falaba con fluidez oito idiomas, entre eles o francés, o inglés, o ruso e o español.

Premios e recoñecementos[editar | editar a fonte]

  • Príncipe de Asturias de Comunicación e Humanidades, 2003.
  • Distinguido co título de Xornalista do Século nunha consulta realizada ós lectores da revista mensual Press.
  • Premio J. Parandowski do Pen Club polaco (1989).
  • Premio Goethe (Hamburgo)
  • Premio da fundación A. Jurzykowski (Nova York)
  • Premio de l´Astrolabe (Francia)
  • Premio dos editores e libreiros alemáns
  • Premio da Fundación Turzanski (Toronto)
  • Premio Literario Linda das cidades de Toruń e Göttingen
  • Premio Icaro
  • Premio Bruno Kreisky para libros políticos (2004).
  • Doutor honoris causa pola Universidade Ramon Llull (2005).
  • Soou como favorito para acadar o premio Nobel de Literatura, pero non o conseguiu.

Obra literaria[editar | editar a fonte]

Ningunha das súas obras foi traducida polo de agora ao galego.

  • Busz po polsku (1962).
  • Czarne gwiazdy (1963).
  • Kirgiz schodzi z konia (1968).
  • Gdyby cała Afryka (1969).
  • Che Guevara - Dziennik z Boliwii (1969).
  • Dlaczego zginął Karl von Spreti? (1970).
  • Chrystus z karabinem na ramieni (1975).
  • Jeszcze dzień życia ("Un día máis con vida", 1976). Narra a descolonización portuguesa de Angola en 1975 e as súas consecuencias: a guerra civil que asolou a rexión ata hai pouco.
  • Wojna futbolowa ("A guerra do fútbol" 1978). Fala sobre diversos conflitos africanos e latinoamericanos. A reportaxe que lle dá título ó libro narra a guerra que mantiveron Honduras e O Salvador, cuxo detonante foi un partido de fútbol entre as seleccións de ambos países da fase previa do Mundial de Fútbol México 1970.
  • Cesarz (1975). Narra a caída do emperador de Etiopía, Haile Selassie.
  • Szachinszach (1982). Narra a caída do emperador de Irán, o Reza Pahlevi.
  • Notes (1986). Poesía.
  • Lapidarium (1990).
  • Imperium (1993). Sobre o derrubamento da Unión Soviética.
  • Lapidarium II (1995).
  • Lapidarium III (1997).
  • Heban (1998). Contén reportaxes localizadas en varios países de África.
  • Lapidarium IV (2000).
  • Z Afryki (2000). Álbum fotográfico.
  • Lapidarium V (2001).
  • Los cínicos no sirven para este oficio (2000). Editado en castelán, recompila entrevistas e conversas moderadas por Maria Nadotti.
  • Autoportret reportera (2003).
  • Podróże z Herodotem (2004). Conta os seus comezos como xornalista e a axuda que lle proporcionou a lectura da Historia de Herodoto.
  • Prawa natury (2006).
  • Ten Inny (2006).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]