Rula

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Rula
Streptopelia turtur01.JPG
Estado de conservación
Status iucn3.1 LC gl.svg
Pouco preocupante
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Columbiformes
Familia: Columbidae
Xénero: Streptopelia
Nome científico
Streptopelia turtur''
Wikispecies-logo.svg Coñeza toda a Bioloxía en Wikispecies, o directorio dos seres vivos

A rula (Streptopelia turtur) (ou rula común, para diferenciala de especies próximas como a rula turca (Streptopelia decaocto)) é unha ave migratoria da familia Columbidae.

Descrición[editar | editar a fonte]

Son máis pequenas e delgadas cás pombas: miden entre 26 e 29 cm e pesan uns 300 gramos. Teñen un debuxo branco e negro nos lados do pescozo. A parte inferior do corpo é branca e e papo avermellado. A cola é escura cunha faixa terminal branca e as beiras tamén brancas. As aves adultas teñen a cabeza, o pescozo, os lados e o torso gris azulados e as alas da cor cinamomo manchadas de negro. O peito e de cor aviñado e o abdome e as plumas inferiores da cola son brancas. O bico é negro e as patas e os aneis oculares vermellos. As listas brancas e negras do pescozo non están presentes nas aves inmaturas, que son máis pardas e mates e teñen as patas castañas.

O seu berro, do que lle ven o nome vulgar, é unha sorte de rrur, rrur ou "turr turr".

Hábitat e distribución xeográfica[editar | editar a fonte]

Son aves dos bosques abertos máis cá dos mestos, que ocasionalmente poden face-los seus niños tamén en grandes xardíns, pero son en xeral aves moi tímidas. Crían no Paleártico occidental, a onde chegan a finais de abril, permanecendo ata setembro. En Europa faltan completamente só en Islandia, Irlanda e Escandinavia. Pasan o inverno en África, ó sur do Sahara. A especie está a sufrir unha forte redución das súas poboación en Europa, causada polos cambios nos métodos agrícolas que provocan a escaseza das sementes das que se alimenta, pola presión cinexética, sobre todo cando cruzan o Mediterráneo durante as migracións, a destrución das sebes e o emprego de pesticidas.

Alimentación[editar | editar a fonte]

Comen principalmente sementes, buscándoas a miúdo no chan, moitas veces en campos cultivados ou noutras superficies planas.

Reprodución[editar | editar a fonte]

A súa época reproductora vai de maio a agosto. En chegando ós territorios de cría déixane oír o seu rular profundo e vibrante. O voo nupcial, alto e en círculos é acompañado polo son das alas batendo. O niño, feito con coteliños e follas e máis axiña chafalleiro, constrúeno nas árbores ou en sebes mestas a non moita altura. Poñen dous ovos brancos a finais de maio ou primeiros de xuño e a miúdo fan unha segunda posta en xullo ou agosto. Chocan uns 17 ou 18 días.

Nomes vulgares noutras linguas[editar | editar a fonte]

  • Alemán: Turteltaube
  • Catalán: Tórtora
  • Español: Tórtola común
  • Euskara: Usapal
  • Francés: Tourterelle des bois
  • Inglés: Turtle dove
  • Italiano: Tortora
  • Polaco: Turkawka
  • Portugues: Rôla
  • Sueco: Turturduva

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Rula