Ameixa fina

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Ruditapes decussatus»)
Ameixa fina

Fósil do Plistoceno do Mar do Norte.
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Mollusca
Clase: Bivalvia
Orde: Veneroida
Familia: Veneridae
Xénero: 'Ruditapes'
Especie: ''R. decussatus''
Nome binomial
'Ruditapes decussatus'
Linnaeus, 1758[1]
Sinonimia[1]
Ameixa fina (á dereita, sobre unha cuncha aberta, un berberecho).

A ameixa fina (Ruditapes decussatus) é a variedade máis aprezada entre as distintas especies de ameixas e, con diferenza, a de maior valor comercial.

Sinonimia[editar | editar a fonte]

A denominación comercial en Galicia (común e científica) é ameixa fina (Ruditapes decussatus), segundo a Resolución de 27 de febreiro de 2006, da Secretaría General de Pesca Marítima, pola que se establece e se publica o listado de denominacións comerciais de especies pesqueiras e de acuicultura admitidas en España (BOE nº 69, de 22.03.2006).

Nome científico[editar | editar a fonte]

Ruditapes decussatus (Linnaeus 1758).

Outras formas coas que pode aparecer nomeada son: Tapes decussatus, Venerupis decussatus, Ruditapes decussata, Venerupis decussata, Venus truncata ou Paphia decussata.

Nomes vernáculos[editar | editar a fonte]

  • Galicia: Ameixa fina, ameixa boa, ameixa branca, ameixa de caste, ameixa de exportación, ameixa de lei, ameixa femia, ameixa galega, ameixa lexítima, ameixa natural, ameixa sá.
    • Comercialmente tamén é coñecida como ameixa de Carril (pola sona que ten a pescada nesa parroquia de Vilagarcía).
  • Castela: Almeja Fina
  • Cataluña: Cloïsa, Cloïsa fina
  • Baleares: Copinya, Escopinya llisa
  • País Vasco: Txirla Handia
  • Cantabria: Amayuela
  • Inglés: Grooved Carpet Shell
  • Francés: Palourde Commune
  • Alemán: Teppichmuschel
  • Italiano: Vongola vera

Morfoloxía e anatomía[editar | editar a fonte]

A cuncha, relativamente fina en comparación con outras especies, caracterízase por ter ben marcadas as estrías radiais e as lonxitudinais, que debuxan un cuadriculado patente, sobre todo na parte posterior, ó que lle debe o nome específico (decussatus = entrecruzado). Este debuxo axuda máis a identifica-la especie cá cor da cuncha.

A cor é moi variable, dependendo do tipo e composición do sustrato no que se cría, entre gris clara e castaño escura, con predominio dos tons pardos claro ou grises. Pode presentar manchas máis escuras, irregularmente repartidas. As dúas valvas presentan a mesma cor.

Presenta dous sifóns longos, grazas ós que pode sobrevivir enterrada a profundidades de ata 15–30 cm na area e soportar sen problemas as fases de baixamar. Os sifóns están separados un do outro en toda a súa lonxitude, feito que tamén permite recoñecela fronte a outras especies.

Diferenzas máis importantes coas especies semellantes:
Ameixa fina Ameixa xaponesa Ameixa babosa
Estrías finas e regulares, ben marcadas as radiais e as lonxitudinais. Estrías radiais máis marcadas, e as lonxitudinais non son apreciables na rexión media. Estrías lonxitudinais máis marcadas; pouco apreciables as radiais.
Marca de inserción do ligamento só apreciable na valva dereita. Marcas apreciables nas dúas valvas. Pouco diferenciadas.
Cara interna da cuncha branca ou cun lixeiro ton laranxa. Marrón, violácea ou amarela. Branca, rosada ou alaranxada.
Sifóns separados en toda a súa lonxitude. Soldados na maior parte. Soldados en toda a súa lonxitude.
Dobre fila de tentáculos no bordo do sifón inhalante. Tres filas de tentáculos. Dúas filas.

Hábitat[editar | editar a fonte]

Está presente en todo o litoral atlántico europeo e no canal da Mancha, e resulta escasa no Mediterráneo. Nas costas africanas chega a Senegal.

Medra normalmente en fondos de area limpa e firme ou cascallo, desde o espazo intermareal ata zonas de poucos metros de profundidade.

O desenvolvemento varía moito segundo as temperaturas da auga e a riqueza en plancto, alcanzando o tamaño comercial, de 3-5 centímetros de lonxitude, ó cabo de 3 ou 4 anos. Pode chegar a medir 6–8 cm.

O talle mínimo é de 40 mm no seu eixo maior.

Pesca[editar | editar a fonte]

O método de pesca adoita ser a pé, cun sacho, durante a seca, guiándose polos buratos que deixan os sifóns na area, pero tamén se utiliza o rastro desde as barcas.

Aspectos sanitarios[editar | editar a fonte]

Os perigos sanitarios derivados dunha posible contaminación bacteriana procedente de verteduras fecais son semellantes ós descritos para o resto dos moluscos bivalvos, artigo ó que remitimos ó lector.

Cómpre destacar que a ameixa fina resiste fóra da auga moito tempo, máis cás outras especies de ameixa.

Gastronomía[editar | editar a fonte]

O máis habitual é consumilas en cru, cunhas pingas de limón, pero poden utilizarse noutras preparacións culinarias (caldeiradas, á prancha, á mariñeira, en guisos de fabas, etc.).

Observacións[editar | editar a fonte]

Nalgúns textos ou páxinas web pode lerse que se pode saber se son de orixe galega ou non lendo a etiqueta de depuración, por ser obrigatorio indicar na etiquetaxe a orixe. A realidade é que ese dato non achega esa información, pois o establecemento depurador pode ser galego pero non selo o molusco. A indicación da zona de orixe, a non ser que a especifiquen con exactitude, adoita ser simplemente “Atlántico noreste- Zona FAO 27”, que pouco di da procedencia da ameixa.

Aínda así, cómpre recoñecer que a gran maioría da ameixa fina comercializada en Galicia é de orixe galega, pero tamén a hai importada de Tunisia.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Ruditapes decussatus (Linnaeus, 1758) World Register of Marine Species. Consultado o 17 de xaneiro de 2018.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]