Romanceiro popular galego de tradizon oral

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Romanceiro popular galego de tradizon oral
OrixePortugal
Lingualingua galega
Xénero(s)romance
Data de pub.1959
EditorLois Carré Alvarellos
editar datos en Wikidata ]

O Romanceiro popular galego de tradizon oral é unha colección de romances galegos recollidos polo etnógrafo Lois Carré Alvarellos, publicada pola Junta de Provincia do Douro Litoral, Porto, en 1959. Este romanceiro agrupa distintos romances escritos en galego recollidos por toda a xeografía galega. Está composto por 147 romances que abarcan temas moi variados.

Contido e estrutura[editar | editar a fonte]

A obra divídese en 147 textos pertencentes a 73 temas e seis fragmentos. Entre estes temas pódense atopar historias de amor e sacrificio, dramáticas, narrativas de aventuras, o coñecemento da vida cotiá e, en menos número, asuntos históricos.

[editar | editar a fonte]

Está escrito por Fernando de Castro Pires de Lima, un bo amigo de Lois Carré. Neste prefacio, Pires de Lima mostra unha admiración por esta obra xa que di que as tradicións portuguesa e galega son moi semellantes, como irmás. Tamén fala da relación que hai entre Coruña e Porto. Celebrouse en Braga os días 29 e 30 de outubro de 1955 unha asemblea lusitano-galega, na que se querían expor os puntos en común entre galegos e portugueses nos temas culturais. Alí estiveron as figuras máis importantes e destacadas das ciencias e das artes de Portugal e Galicia. A conclusión desta asemblea foi que era necesario facer estes encontros máis a miúdo para afianzar a amizade entre os pobos.[1]

Pires de Lima afirma que os romances portugueses foron dos primeiros en aparecer e que os romances peninsulares chegaron ata América do Sur. Agradece a Carré por amosar que grazas a esta colección de romances vese a semellanza entre os dous romanceiros. Fai unha mención especial a Xoán Rodríguez de Padrón e a Almeida Garrett por seren os que primeiro amosaron a importancia dos romances populares, tanto galegos como portugueses.

Introdución á obra[editar | editar a fonte]

Lois Carré di que fixeron este traballo para dar a coñecer os poemas ao público. Sempre que é posíbel, din a fonte da que provén o romance e se foi composto con música ou non. Prescindiron de publicar romances bilingües ou en castelán, así como os que tiñan unha temática de mal gusto ou pouco literaria (pensaban que non era correcto poñelo como literatura tipicamente galega). Arriscáronse a dar este primeiro paso porque entendían que era preciso non demoralo máis para darlle ao noso romanceiro todo o relevo que merecía.

Carré quería, con este romanceiro, reafirmar que existían máis romances galegos dos que Manuel Murguía engadiu no seu primeiro traballo Consideraciones e do que máis tarde rectificou dicindo que se equivocara.[Cómpre referencia] Algúns dos temas máis salientables están divididos nos seguintes apartados: "que é o romance", "o metro", "a rima", "o chamado é paragóxico", "posibre orixe do noso romanceiro", "contaminazón dos romances entre sí", "custión incidental", "antiguedade do romance", "temas do noso romanceiro", "o romance e a música", "quén dicía os romances e quen os dí", e "os nomes dos romances".

"O metro"

Os romances estaban compostos cunha irregularidade métrica xunto con acento libre e rima múltiple; esta combinación facíase desta maneira para crear unha diferenza coa lírica castelá.

"O chamado é paragóxico"

Consiste no emprego dun e final nos versos agudos que lles engade unha dozura xa que o acento orixinal é máis ríxido. Nalgunhas modalidades do galego-portugués úsase esta técnica. Lois Carré di que este e paragóxico non foi consecuencia dunha moda poética senón que era unha realidade da lingua galega dese tempo.

"Posible orixe do noso romanceiro"

Lois Carré di que hai unha posíbel existencia do romanceiro galego no século XII, o cal era de tema histórico, xa que non había guerras, era un país que estaba en paz. Por outra banda, a produción de romances dedicados aos heroes non era moi grande. Unha característica era que a poesía épica galega era narrativa e impersoal xa que o autor facía algunhas apreciacións propias, mais a nome doutra persoa. As formas típicas da muiñeira e do cantar de pandeiro están presentes no romanceiro, xa que estas composicións cantábanse para acompañar ao baile.

"Contaminación dos romances antre sí"

Os trobadores cambiaban partes dos romances, algunhas veces confundíndoas, ou simplemente non as dicían; non seguían ningunha pauta para facer isto. Se estes cambios no romance aparecían sempre no mesmo lugar ou feitos polo mesmo trobador, non eran accidentais, senón que era o trobador quen os cambiaba para formar figuras poéticas.

"Custión incidental"

Había unha dependencia dos romances galegos aos casteláns, colleron a imprenta castelá do século XVI como modelo. Ambos romances teñen unha orixe común, mais se desenvolven de forma diferente. Lois Carré di que o romanceiro galego non é unha imitación do castelán, mais poden aparecer partes del xa que algúns romances galegos teñen relación con Castela.

"Antiguedade do romance"

Os romances máis antigos de autor coñecido son de Carvajal, do ano 1442, aínda que se descubriron 3 novos romances que poden ser máis antigos que estes, do autor Xoán Rodríguez de Padrón. En canto ás composicións épico-líricas de asunto novelesco, di Ramón Menéndez Pidal que nos seus inicios como colector non recollía este tipo de romances, xa que non eran considerados nobres.

"O romance e a música"

Os romances poucas veces son creados para ser cantados; cando un xograr os interpretaba, poñíalle un son distinto.

"Quén dicía os romances e quen os dí"

Ao principio os mesmos compositores cantábanos en tabernas, nas rúas, festas, romarías etc. Os instrumentos que utilizaban eran a zanfona e a gaita, e algunha vez o pandeiro. Máis tarde xa non eran só os xograres nin os seus sucesores os que os interpretaban, senón tamén a xente do campo que acompañaba os bailes. Algúns romances foron utilizados en distintas situacións, como pode ser para expresar un estado de ánimo, acompañar co ritmo unha labor ou para durmir a un neno.

"O nome dos romances"

O título non ten moita importancia nos romances, pode haber varios co mesmo título. Levan o nome do heroe e mesmo podían ter o mesmo nome mais non tiñan ningunha semellanza.

Edición[editar | editar a fonte]

Esta obra foi unha comisión para o departamento de Etnografia e Historia da Junta de Provincia do Douro Litoral, dirixida por João de Espregueira Mendes. O romanceiro pertencía a unha serie na que hai un total de 17 traballos. Outros cancioneiros que tamén foron comisionados son o Cancioneiro de Arouca e Cancioneiro de Resende.

Crítica[editar | editar a fonte]

José Luís Forneiro Pérez na súa tese El bilingüismo en el romancero tradicional gallego dicía que Lois Carré sostiña a existencia dun romanceiro galego anterior ao castelán, e acusaba a uns supostos investigadores de ocultar romances en lingua galega[2]. Jesús Antonio Cid en Nacionalismo y poesía popular. Manuel Murguía y la creación de un romancero apócrifo explicaba que a pesar de ter un premio “Padre Feijóo” e de ter un prefacio feito por un recoñecido etnógrafo portugués, esta obra ten xunto con romances auténticos (aínda que demasiado editados como para ser recoñecíbeis), romances falsificados que nunca existiron na literatura galega.[3]

En Romanceiro en lingua galega, os autores sinalaban que Carré retocaba e manipulaba os textos para evitar castelanismos e outras veces por razóns estilísticas[4]. Por último, en El romancero tradicional de galicia: una poesía entre dos lenguas dise de novo que Carré, no canto de centrarse en obras exemplares como as de Said Armestro ou Aníbal Otero, interesábase máis polos “falsificadores” do romanceiro galego, e afirmaba que a orixe do xénero era galega[5].

Relacións[editar | editar a fonte]

Hoxe en día a recompilación de Carré segue sendo citada como a obra clásica sobre o romanceiro en Galicia, mais carece de validez xa que se publicaron máis versións nos volumes do Cancioneiro popular galego, preparado pola musicóloga Dorothé Schubarth e polo profesor de galego da Universidade de Santiago de Compostela, Antón Santamarina. Tamén son relevantes para a creación do romanceiro Manuel Murguía, Teófilo Braga, Antonio de la Iglesia, Xoán Rodríguez de Padrón e Almeida Garrett.

Poesía popular galega de Said Armesto é unha das recompilacións máis importantes da literatura galega. Said Armesto foi recoñecido por recoller tantos poemas espallados por todas as aldeas de Galicia nas malas condicións que se sufrían nese tempo. Tamén tivo moito mérito porque a súa obra non se chegou a completar, e non foi por falta de material, senón pola morte do autor.[6]

Premios[editar | editar a fonte]

“Padre Feijóo” do Concurso Anual do Centro Gallego de Buenos Aires no ano 1955.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Real Academia Galega (1967). Primera y segunda asambleas lusitano-gallega. pp. 11–12. 
  2. Forneiro Pérez, José Luís. "El bilingüismo en el romancero tradicional gallego" (PDF). Consultado o 20/2/2017. 
  3. Cid 2012, p. 53 "…gracias al Romanceiro de Carré han trascendido fuera de Galicia algunas de las más burdas falsificaciones de la poesía tradicional hispánica"
  4. Mariño Ferro X.R., Bernández C.L. (2002). Romanceiro en lingua galega. Vigo: Xerais. pp. 19–20. ISBN 84-8302-754-2. 
  5. Forneiro Pérez, José Luís (2000). El romancero tradicional de Galicia: una poesía entre dos lenguas. Gipuzkoa: Sendoa. pp. 63–64. ISBN 84-95378-22-1. 
  6. Said Armesto, Víctor (1997). Poesia popular gallega. Pontevedra: Fundación Barrié. pp. 15–17. ISBN 84-87819-99-0. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]