Roman de Brut

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O Roman de Brut

O Roman de Brut é unha historia lendaria de Inglaterra escrita en anglo-normando polo poeta Wace contra o ano 1155. Dedicado á raíña Leonor de Aquitania, relata a historia dos antepasados do rei Henrique II, que se remontarían a Brutus, e ao mesmo Eneas.

Características[editar | editar a fonte]

O material narrativo do Roman de Brut está sacado da Historia Regum Britanniae de Geoffroy de Monmouth, hábil obra de propaganda destinada a asentar a lexitimidade da dinastía Plantagenet retomando a historia da Illa de Gran Bretaña e facéndoa remontar á época do mítico Bruto de Troia.

A obra, como a súa predecesora latina, que gozou de grande éxito, aspira á verdade histórica, e incide na sucesión xenealóxica, sendo un relato, segundo o seu autor, de rei en rei, e de eir en eir (de rei en rei, e de herdeiro en herdeiro).

Non obstante, á parte do uso da lingua francesa, introduce algunhas importantes innovacions con respecto ao seu modelo, sobre todo canto á técnica, que fan da obra unha etapa intermedia entre o estilo historiográfico e a novela artúrica[1]. Destaca a dramatización de certas pasaxes, a inclusión de diálogos e monólogos construídos en períodos anafóricos e que poden versar incluso sobre sentimentos.

Relevante é tamén a introdución de novos termos que acabarán designando e fixando as cualidades cabaleirescas: noblesse (nobreza), corteisie (cortesía), richesse (riqueza), largesse (liberalidade) e onor (honor).

Por outra parte, o personaxe do rei Artur é, como na obra de Geoffrey de Monmouth, un guerreiro e conquistador ante todo, lonxe da imaxe cortesá, de espléndido anfitrión xusticeiro, pero ocioso, que terá na novela cortés, a partir de Chrétien de Troyes.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. García Gual, Carlos Los orígenes de la novela, Madrid. Istmo, 1972