Robustiano Fernández Cochón

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Robustiano Fernández Cochón
Nacemento8 de outubro de 1907
Lugar de nacementoMeis
Falecemento31 de xaneiro de 1956
Lugar de falecementoPontevedra
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónarquitecto
Coñecido porCaixa de Aforros Provincial de Pontevedra, Pazo da Xustiza de Pontevedra e Xefatura de Obras Públicas de Pontevedra
editar datos en Wikidata ]

Robustiano Fernández Cochón, coñecido como Tano, nado en Nogueira (Meis) o 8 de outubro de 1907 e finado en Pontevedra o 31 de xaneiro de 1956, foi un arquitecto galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

SEG en 1934: Entre outros: Otero Pedrayo, Iglesias Vilarelle, Parga Pondal, Ferreiro Panadeiro, Fernández Osorio, Fernández Cochón, Vicente Risco, González García-Paz, Antón Taboada Roca, Paulino Pedret, Xesús Carro, Antón Fraguas, Xohán Ledo, Isla Couto, Ferreirós Espinosa, López Cuevillas e Ramos Colemán

Fillo de Arminda Cochón Rey e Robustiano Fernández. Estudou o Bacharelato no Instituto de Pontevedra (1918-1924). Comezou os estudos superiores na Universidade de Madrid (1924-1926), e rematounos na Universidade de Santiago de Compostela en 1927. Asentouse en Lérez cara 1926. Colaborou co Seminario de Estudos Galegos nas súas xeiras realizando debuxos dos monumentos máis representativos. En 1935 ofreceuse ao concello de Meis para facer de balde o proxecto dos Grupos Escolares, realizou o proxecto do Bar-Salón de té da praia de Compostela de Vilagarcía de Arousa e en 1936 realizou o dos Grupos Escolares de Portas. No franquismo foi arquitecto da Deputación de Pontevedra. Formou parte da Xunta Directiva do Pontevedra C.F., do que foi vocal en 1947 e ao que axudou con achegas económicas. Participou na Comisión das Festas Patronais, na Delegación de Cultura, en 1945 e 1947. En 1945 foi vicepresidente do Liceo Casino de Pontevedra e en 1946 o seu Presidente.

Os seus proxectos máis importantes foron o bosquexo do Cine Malvar de Pontevedra, formando parte dun edificio de vivendas (1943) e o Instituto Provincial de Hixiene (1945). E entre as súas obras están o anexo ao edificio de Caixanova en Pontevedra e o Templo Novo de Marín, ambas de 1956. Outras obras menores son os pasadizos en arcos para unir varias casas no Museo de Pontevedra (1943) e a escalinata de ermida dos Miragres de Amil (1948-1952).

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

O Concello de Pontevedra dedicoulle en 1962 unha rúa en Lérez, lugar onde residiu até o seu pasamento.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]