Robert Millar

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Robert Millar no Tour de Francia de 1993.

Robert Millar, nado en Glasgow o 13 de setembro de 1958, foi un ciclista escocés.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Dende un principio obtivo salientables posicións en probas de gran prestixio internacional. Así, en 1982 foi segundo no Tour do Porvir e en 1983 foi segundo na Dauphiné Libéré e, debutando no Tour de Francia, gañou unha tirada e quedou terceiro no Gran Premio da Montaña. O ano da súa consagración foi 1984, cando obtivo outra importante vitoria de etapa no Tour, gañou o Gran Premio da Montaña e acabou de cuarto na clasificación xeral, só por detrás de figuras como Laurent Fignon, Bernard Hinault e Greg Lemond.

En 1985, gañou a Volta a Cataluña. Foi o gran dominador da Vuelta Ciclista a España dese ano, pero un inesperado golpe de man dos equipos españois privouno do xersei amarelo na penúltima etapa a prol de Pedro Delgado, quen ata daquela ocupaba a sexta praza da xeral, a moito tempo do escocés. En 1986, volveu á Vuelta a España como un dos grandes favoritos. Gañou a célebre subida aos Lagos de Covadonga. O seu duelo na montaña con Álvaro Pino e Pedro Delgado, foi deixando sen opción a primeiras figuras como Sean Kelly ou Laurent Fignon. A superioridade de Alvaro Pino nas tiradas contra o crono, volveuno deixar en segunda posición. A mesma posición acadou na Volta a Suíza.

No Giro de Italia de 1987 mostrou un gran nivel, quedando segundo na xeral por detrás de Stephen Roche, gañando a clasificación da montaña e unha tirada. En 1988 foi terceiro na Liexa-Bastogne-Liexa e segundo na Volta ao País Vasco. En 1989 gañou unha tirada na Dauphiné Liberé e foi segundo na xeral. No Tour logrou unha nova victoria parcial e finalizou de décimo na xeral. Gañou a Volta a Gran Bretaña. Xa en 1990 gañou a Dauphiné Liberé e foi segundo na Volta a Gran Bretaña. O seu derradeiro éxito foi o campionato do Reino Unido de fondo en estrada en 1995.