Robert Edward Lee

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Robert E. Lee

Robert Edward Lee, nado en Stratford (condado de Westmoreland, Virxinia) o 19 de xaneiro de 1807, e finado en Lexington o 12 de outubro de 1870, foi un xeneral estadounidense cuxo xenio militar constituíu probablemente o principal factor que prolongou a existencia da Confederación durante os catro anos que durou a Guerra Civil estadounidense.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Lee foi o cuarto fillo do heroe da Guerra de Independencia dos Estados Unidos Henry Lee ("Lighthorse Harry") e Anne Hill (nada Carter) Lee. Ingresou na Academia Militar de West Point en 1825, onde se graduou en 1829 (segundo de 46) co grao de alférez do Corpo de Enxeñeiros do exército.

Serve por varios meses en Fort Pulaski na illa Cockspur, Xeorxia. En 1831, transfíreselle a Fort Monroe na Península de Virxinia e desempeña un papel importante na construción final de Fort Monroe e o seu oposto, Fort Calhoun. Fort Monroe está completamente rodeado por un foso. Fort Calhoun, posteriormente renomeado Fort Wool, é construído sobre unha illa artificial en metade da canle de navegación de Old Point Comfort no medio dos montes de Hampton Roads. Cando se completa a construción en 1834, chámase a Fort Monroe o "Xibraltar da Baía de Chesapeake".

Durante a súa permanencia en Fort Monroe, casa con Mary Anna Custis Lee (1808-1873), parente de Martha Washington, con quen ten sete fillos, tres nenos e catro nenas : George Wáshington Custis, William H. Fitzhugh, Robert Edward, Mary, Annie, Agnes, y Mildred.

Serve como asistente da oficina do xefe do Corpo Enxeñeiros en Washington, DC de 1834 a 1837, axudando no verán de 1835 a marcar a fronteira estatal entre Ohio e Michigan. En 1837, ten o seu primeiro mando de importancia. Como tenente primeiro de enxeñeiros, supervisa as obras de enxeñería no porto de St. Louis e nos ríos Mississippi e Missouri. É ascendido por iso a capitán. En 1841, é transferido a Fort Hamilton no porto de Nova York, onde se encarga da construción de fortificacións. Durante ese tempo é membro do consello da parroquia Episcopal de San Juan en Fort Hamilton.

Distinguiuse durante a Guerra México-Estados Unidos (1846-1848). Foi un dos axudantes do xeneral Winfield Scott desde Veracruz ata a Cidade de México, sendo a causa de varias das vitorias estadounidenses, ao atopar rutas de ataque que o exército de México non defendía por consideralas impracticables.

Ascende a maior tras a Batalla de Cerro Gordo en abril de 1847. Participa na Batalla de Contreras, Batalla de Churubusco, e a Batalla de Chapultepec, onde resulta ferido ao enfrontarse aos cadetes do colexio militar. Ao finalizar a guerra é ascendido a tenente coronel.

Destínaselle tres anos en Fort Carroll no porto de Baltimore, Maryland, tras do que é nomeado superintendente da Academia Militar de West Point en 1852. Durante os seus tres anos ao mando mellorará os edificios e cursos, e dedicará moito do seu tempo a estar cos cadetes. O seu fillo George Wáshington Custis Lee entrará en West Point nese período, graduándose en 1854 como o primeiro da súa promoción.

En 1855, Lee é nomeado Tenente Coronel do Segundo de Cabalería de Estados Unidos (baixo o mando do Coronel Albert Sidney Johnston) e é enviado á fronteira de Texas, onde axuda a protexer aos colonos dos ataques dos apaches e os comanches.

Non foron anos felices para Lee, que tiña que permanecer lonxe da súa familia por longos períodos de tempo, especialmente porque a súa muller estaba cada vez máis enferma. Lee volvía a casa en canto tiña ocasión.

Lee atopábase en Wáshington cando o abolicionista John Brown ataca o arsenal federal de Harpers Ferry, en outubro de 1859. Recibe orde do Secretario (equivalente ao Ministro en USA) de Guerra o 17 de outubro, informando dunha sublevación de escravos en Virxinia, e pónselle ao mando dos destacamentos das milicias de Maryland e Virxinia, soldados de Fort Monroe, e Marines, para suprimir a sublevación e arrestar aos seus líderes. O tenente J.E.B. Stuart, que se atopaba casualmente en Washington por negocios, recibe permiso para acompañar a Lee na súa misión. Cando Lee chega esa noite, a milicia da zona cercara a Brown e os seus partidarios na caseta do coche de bombeiros no arsenal con varios reféns brancos tomados das familias de escravistas da zona. Lee rodea a casa con tropas e envía a Stuart a entregar unha demanda de rendición inmediata á primeira hora do 18 de outubro. Cando Brown rexéitaa e pide paso franco fóra da cidade como condición para liberar aos reféns, Stuart sinálallo a Lee e Lee envía os marines ao asalto da caseta. Uns tres minutos despois o ataque finalizou, con dous marines caídos e catro dos partidarios de Brown mortos. O mesmo Brown é gravemente ferido e capturado.

Lee participa no interrogatorio de Brown esa mesma tarde, e entrega a Brow e os seus partidarios ao estado de Virxinia o 19 de outubro. Volve a casa brevemente, pois ao pouco ordénaselle que volva ao transbordador de Harper en novembro, ao mando dun destacamento de tropas federais para protexer o arsenal de futuros ataques. O 9 de decembro, unha semana despois do aforcamento de Brown, Lee recibe orde de volver a casa. Testifica ante o Senado sobre o ataque e volve ao seu rexemento o 10 de febreiro de 1860. Cando Texas sepárase da Unión en 1861, Lee é chamado de volta a Washington, DC, á espera de futuras ordes.

Ao principio de 1861, cando a guerra entre os estados do Sur e do Norte parecía inminente o presidente Abraham Lincoln (a través do Secretario de Guerra Simon Cameron), ofreceulle o mando do exército da Unión, ofrecemento que Lee declinou. O 20 de abril, tres días despois de que o estado de Virxinia declarase o seu afastamento da Unión, Lee presentou a súa renuncia no Exército estadounidense. O 23 de abril foi designado comandante xeral das forzas terrestres e navais de Virxinia. Durante anos foi asesor militar do presidente da Confederación Sureña, Jefferson Davis e concedéuselle o mando do exército de Virxinia do Norte. En febreiro de 1865 Lee foi nomeado comandante xeral de tódolos exércitos confederados. Dous meses máis tarde a guerra finalizou coa súa rendición ao xeneral Ulysses S. Grant en Appomattox. Librou grandes batallas entre as cales sobresaen as de: Antietam, Chancellorsville, Fredericksburg, e Gettysburg.

Monumento fúnebre de Robert E. Lee na Capela Lee de Lexington, Virxinia, esculpida por Edward Valentine.

Tras a guerra, solicitou inutilmente a amnistía oficial. Aceptou a presidencia do Washington College (agora Universidade Wáshington e Lee) en 1865, un escuro colexio que ofrecía clases de negocios, xornalismo, e castelán. Lee dálle un xiro e impón un simple concepto da honra - "Só hai unha regra, e é que todo estudante é un cabaleiro" - que aínda permanece hoxe na Wáshington and Lee e outra serie de colexios. Orienta o colexio para atraer estudantes masculinos do Norte, e tamén do Sur, e en pouco chega a ser unha destacada institución. Como moitos outros nos Estados Unidos por entón, permanecerá segregado racialmente. Tras John Chavis, admitido en 1795, a Univeridade non volveu admitir un estudante negro ata 1966.

Na tarde do 28 de setembro de 1870 cae enfermo, incapaz de falar coherentemente. Cando chamaron aos médicos o máis que puideron facer por el foi deitarlle e esperar. É case seguro que Lee sufriu un accidente cerebrovascular (un ataque dese tipo dana os lóbulos frontais do cerebro, impedindo a fala). O seu estado complicouse ao desenvolver unha pneumonía, unha enfermidade secundaria frecuente nestes casos, e morre por ela na mañá do 12 de outubro de 1870, dúas semanas despois do ataque. É enterrado nunha capela da Universidade.

En 1975 o Congreso dos Estados Unidos restauroulle a título póstumo a cidadanía estadounidense.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Robert E. Lee