Rito
Rito (do latín ritus) é un acto relixioso ou cerimonial repetido invariablemente, con arranxo a unhas normas estritas. Os ritos son as celebracións dos mitos, por tanto non se poden entender separadamente deles. Teñen un carácter simbólico, expresión do contido dos mitos. A celebración dos ritos (ritual) pode consistir en festas e cerimonias, de carácter máis ou menos solemne, segundo pautas que establece a tradición ou a autoridade relixiosa.
Principais tipos de ritos [editar]
- De purificación, que se celebran por medio da auga: por exemplo, os baños rituais e os bautismos. Lavan ao home da súa culpa e fano digno ante a divindade.
- De sangue, que consisten no derramamiento de sangue: por exemplo, a circuncisión ou os sacrificios.
- De tránsito ou de paso: danse en momentos craves da vida dunha persoa (nacemento, puberdade, matrimonio, morte).
- Funerarios: relacionados coa morte e o (suposto) paso á outra vida.
- De iniciación: relativos á introdución aos misterios ou prácticas relixiosas secretas.
- Relativos a fenómenos naturais: a primavera, a sementeira, a colleita, as tempestades...
- Exorcismos: para afastar os malos espíritos.
- De consagración: de persoas (reis, sacerdotes) ou de lugares (templos).
- De conmemoración: en lembranza de acontecementos, institucións, feitos fundacionais...
- De acción de grazas: polas colleitas, por saír dunha enfermidade grave, por ser salvado dun perigo...
- De expiación: para pedir o perdón divino.
Nalgunhas relixións, os rituais pode levalos a cabo calquera crente, mentres que noutras necesítase a mediación dunha persoa ou institución especial: o oficiante. Esta é a diferenza que existe entre as relixións individualistas como, por exemplo, a relixión dos esquimós, e as relixións comunitarias e eclesiásticas, como a cristiá ou a islámica, que presupoñen a tarefa dun sacerdote ou mediador.