Ricimer

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Monograma de Ricimer no reverso desta moeda de Libio Severo. Libio foi un dos emperadores "monicreque" que controlou Ricimer, para poder gobernar 'de facto'.

Ricimer ou Ricimero, nado cara ao ano 405 e falecido o 18 de agosto de 472, foi un xeneral xermánico que gobernou o Imperio Romano Occidental durante parte do século V.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Mocidade[editar | editar a fonte]

Ricimer foi ariano, fillo de Requila, Rei Suevo de Galicia, e da filla de Walia, rei dos visigodos. Pasou a súa xuventude na corte de Valentiniano III, onde se distinguiu no exército ás ordes de Flavio Aecio, o magister militum de Valentiniano na parte occidental do Imperio Romano.

Reinado de Avito[editar | editar a fonte]

As mortes de Valentiniano e Aecio en 454 ou 455 produciron un baleiro de poder no oeste. Primeiro, Petronio Máximo tentou obter o control do trono, pero foi asasinado cando o rei vándalo Xeiserico saqueou Roma en maio de 455. Avito foi o seguinte emperador, co apoio dos exércitos galos e os visigodos de Tolosa. Logo da súa chegada a Roma, Avito nomeou a Ricimer comes. Recrutou un novo exército e unha frota sobre todo con mercenarios das xermanas que estaban dispoñibles en gran número en Italia.

Despois de abandonar Roma, Xeiserico deixara unha potente frota bloqueando as costas italianas. En 456, Ricimer, comandando a súa propia frota, derrotou os vándalos nunha batalla naval preto de Córsega. Tamén os derrotou en terra preto de Agrigento en Sicilia. Amparado pola popularidade conseguida, Ricimer obtivo o consentimento do senado romano para unha expedición contra o emperador Avito, a quen derrotou nunha sanguenta batalla en Piacenza o 16 de outubro de 456. Avito foi feito prisioneiro, consagrado bispo de Piacenza, e pouco despois sentenciado a morte. Após isto Ricimer obtivo de León I, o emperador oriental en Constantinopla, o título de patricio.

Consolidación do seu poder[editar | editar a fonte]

Ricimer foi o resto da súa vida o gobernante de facto do que quedaba do imperio occidental, agora reducido ao sur da Galia e a Italia. Porén, o seu xeito de exercer o poder fixo del unha das figuras máis controvertidas do seu tempo. Como bárbaro que era, non puido asumir a púrpura imperial e o título de augusto (emperador) el mesmo; por outra banda, a súa influencia poderosa sobre os augustos en Roma deulle prestixio e influencia sobre os outros pobos xermánicos que ocupaban a Gallia, Hispania, África. Isto deulle dúas opcións; disolver a corte imperial occidental e gobernar oficialmente coma un dux, ou gobernador, dun único emperador en Constantinopla, ou elevar as súas propias figuras decorativas e gobernar por medio deles. Escolleu o segundo camiño, mesmo indo tan lonxe como para inscribir o seu nome nas moedas xunto co emperador.

En 457, Ricimer estableceu a Maioriano como emperador do oeste e induciu a León a que dese o seu consentimento. Porén, Maioriano resultou ser un gobernante capacitado e en pouco tempo a situación tensouse ao aspirar a actuar sen o placet de Ricimer. Maioriano foi derrotado (unha posibilidade é que fose traizoado) por Xeiserico preto da actual cidade de Valencia, mentres tentaba organizar unha expedición contra o vándalo en 461. Ricimer obrigouno entón a abdicar e probabelmente ordenou o seu asasinato o 7 de agosto de 461. O sucesor que Ricimer situou agora no trono foi Libio Severo, quen resultou ser máis dócil que Maioriano, pero tivo que afrontar o rexeitamento de León no leste e a rivalidade de Exidio na Galia. Despois da morte de Libio Severo en 465; segundo algúns debido ao envelenamento ordenado polo propio Ricimer; este mesmo gobernou o Oeste sen emperador durante dezaoito meses.

Finalmente, despois de longas negociacións nas que el e Xeiserico, agora traballando en conxunto, intentaron impoñer o seu propio candidato coma emperador a León, Ricimer aceptou o candidato de León, Antemio. Diplomaticamente casou coa filla de Antemio e por algún tempo viviu en paz con el.

Ricimer dirixiu unha parte importante das forzas romanas que participaron nunha expedición de León contra Xeiserico en 468. O seu comportamento levantou sospeitas de que tivese a secreta intención de facer fracasar os plans, o que finalmente aconteceu.

Toma de Roma e pasamento[editar | editar a fonte]

Catro anos máis tarde, trasladouse a Mediolanum (Milán), listo para enfrontarse a Antemio. Epifanio, bispo de Milán, puido lograr un acordo que durou pouco tempo, despois do cal Ricimer se volveu contra Roma á fronte dun exército de xermanos. Proclamou emperador a Olibrio, o candidato que el e Xeiserico apoiaran anteriormente. Após tres meses de asedio tomou a cidade o 1 de xullo de 472. Antemio foi executado. Malia todo, Ricimer morreu menos de dous meses despois de febres. O título de patricio pasou ao seu sobriño Gundobado.

Ricimer defendería, no último período da súa vida, as provincias contra os ostrogodos e os alanos, e decorou a igrexa ariana de Sant'Agata en Roma, máis tarde coñecida coma Santa Ágata dos Godos.

Casamento[editar | editar a fonte]

Ricimer casou con Alipia, unha filla de Antemio e Marcia Eufemia. Non se sabe que tivesen fillos[1].

Notas[editar | editar a fonte]