Revolución romanesa de 1989

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Revolución romanesa de 1989
Revoluţia română din 1989
Romanian Revolution 1989 1.jpg
Revolucionarios
Data 16-22 de decembro de 1989
Lugar Timişoara e Bucarest (Romanía)
Resultado Fin da República Socialista de Romania e execución de Nicolae e Elena Ceauşescu
Belixerantes
Flag of Romania (1965-1989).png República Socialista de Romanía Romania flag 1989 revolution.svg Grupos opositores ao réxime de Ceauşescu
Baixas
1.104 mortos
3.352 feridos

A Revolución Romanesa de 1989 foi unha serie de conflitos e enfrontamentos nos derradeiros días de decembro de 1989. A conclusión deste episodio da historia de Romanía foi o final do réxime stalinista de Nicolae Ceauşescu. Os actos violentos que aconteceron en varias localidades romanesas naqueles días conduciron ao ditador ao abandono do poder e a súa fuxida de Bucarest, en compañía da súa dona, Elena Ceauşescu. Prendidos en Târgovişche, foron axuizados por un tribunal militar creado ex-profeso baixo os cargos de xenocidio, danos á economía nacional e abuso do poder para executar accións militares contra o pobo romanés.[1] Achados culpables de tódolos cargos, foron executados o 25 de decembro de 1989. Romanía foi o único país do Bloque do Leste onde a transición dende o Estado socialista a un de mercado implicou a execución dos líderes do país.

O número total de mortes na Revolución Romanesa foi de 1.104,[2] dos que 162 falecementos aconteceron nas protestas que puxeron punto final ao réxime de Nicolae Ceauşescu (protestas ocorridas do 16 ao 22 de decembro de 1989) e as restantes 942 nos disturbios ocorridos antes da toma do poder por parte dunha nova estrutura política, chamada Fronte de Salvación Nacional (FSN). A maioría das mortes ocorreron en cidades como Timişoara, Bucarest, Sibiu e Arade, onde as protestas acadaron magnitudes maiores. O número de feridos chegou a 3.352, dos que 1.107 corresponden ao período no que Ceauşescu aínda detentaba o poder, e os restantes 2.245 corresponden ao período posterior á toma do poder por parte da Fronte de Salvación Nacional.[3]

Preludio á revolución[editar | editar a fonte]

Bandeira da República Socialista de Romanía

Coma noutros países veciños, en 1989 unha boa parte da sociedade romanesa atopábase en desacordo co goberno socialista de Ceauşescu. Con todo, había unha cuestión que facía diferente o caso de Romanía, e é que esa república balcánica non iniciara nunca o proceso de desestalinización do réxime político. As políticas impostas por Ceauşescu no eido da economía e o desenvolvemento -incluída a construción de grandes obras e un plan de austeridade draconiana que debía favorecer a capacidade de Romanía para liquidar a súa débeda nacional no lapso duns cuantos anos- foron sinaladas con frecuencia como un dos factores que contribuíron ao incremento da pobreza no país. En modo paralelo a este aumento das taxas de pobreza, a policía secreta de Romanía (Securitate) comezou a facerse cada vez máis localizua, de xeito que o país converteuse nun estado policíaco.

A diferenza doutros líderes dos países membros do Pacto de Varsovia, Ceauşescu non era demasiado prol-soviético, e optara por unha política exterior independente. Cando o presidente da Unión Soviética, Mikhail Gorbachev falaba de reformas, Ceauşescu inclinábase polo estilo dos ditadores comunistas da Asia Oriental, como Kim Il Sung de Corea do Norte, caracterizados pola súa política de liña dura e o culto á súa personalidade. Pouco antes da caída do Muro de Berlín e a remoción do búlgaro Todor Zhivkov do goberno do seu país, o ex-presidente romanés ignoraba que a súa posición coma o derradeiro líder socialista da vella garda na Europa Oriental estaba ameazada.

Revolta en Timişoara[editar | editar a fonte]

Catedral Ortodoxa de Timişoara. Deste edificio partiu a noite do 16 de decembro de 1989 unha manifestación popular, tendo en conta que poucas horas antes, a Securitate dispersara aos simpatizantes de Tőkés das inmediacións da casa dese sacerdote maxiar

O 16 de decembro estourou unha protesta en Timişoara (occidente de Romanía) en resposta a un intento do goberno socialista de desafiuzamento en contra de László Tőkés, pastor luterano maxiar,[4] e maila súa dona, que naquel intre se atopaba embarazada. Por aqueles días, Tőkés emitira certas críticas cara ao réxime de Ceauşescu nun medio internacional. No seu discurso, o relixioso acusaba o goberno romanés de propiciar o odio racial. Tőkés foi destituído do seu cargo eclesiástico polo bispo da súa igrexa, a petición expresa do goberno. Ademais, privóuselle do dereito a ocupar un piso ao que tiña dereito en tanto fose membro da congregación relixiosa. Durante algúns días, os simpatizantes do relixioso concentráronse nas inmediacións da devandita vivenda, co propósito de evitar o desaloxo e desafiuzamento de Tőkés. As persoas que pasaban polas inmediacións dos manifestantes, incluídos algúns estudantes relixiosos da cidade, ignoraban os detalles do asunto, mais os simpatizantes do pastor arengáranos para unirse á protesta, dicindo que se achaban fronte a un novo intento do goberno para restrinxir a liberdade de culto en Romanía.

Tendo en conta que os manifestantes non ían esparexerse pola súa propia vontade, o alcalde de Timişoara, Petre Moş, declarara que a orde de desaloxo contra Tőkés quedara sen efecto. Mentres tanto, os impacientes manifestantes -e sobre todo cando o alcalde evitou confirmar a suposta revogación do desaloxamento do pastor maxiar- comezaron a berrar consignas anticomunistas. Iso provocou a intervención da policía local e da Securitate. Ás 7:30 pm, a protesta esparexeuse, mais tamén é certo que para entón o motivo orixinal da revolta popular quedara nun segundo plano: algúns participantes da manifestación tentaron prender lume á sede do Comité Distrital do Partido Comunista Romanés (PCR) en Timişoara. A Securitate respondeu con gas mostaza e chorros de auga, mentres a policía da cidade batía e arrestaba a varios dos amotinados. Ao redor das nove da noite, o motín nas inmediacións do Comité do PCR dispersouse, reagrupándose varios dos participantes nas inmediacións da Catedral Ortodoxa de Timişoara e comezaron unha marcha de protesta polas rúas da cidade. Novamente, enfrontáronse ás forzas da seguridade pública.

Os disturbios en Timişoara continuaron ao día seguinte (17 de decembro). Os manifestantes tomaron a sede do Comité Distrital do PCR, e posteriormente destruíron documentos oficiais, propaganda política, textos escritos por Ceauşescu e outros símbolos do réxime socialista. Por segunda ocasión, a multitude tentou prenderlle lume ao edificio, mais nesta ocasión enfrontáronse co exército. A presenza das forzas militares nas rúas da cidade era significativa: implicaba que recibiran ordes dun comando de alto nivel, presumiblemente o presidente Ceauşescu.

Malia non poder os militares impor orde aos manifestantes, a súa participación implicou que Timişoara convertésese nun campo de batalla: disparos, mortes, liortas, carros incendiados, tanquetas antimotíns enfrontándose aos civís. Despois das oito da noite, as rúas entre a Praza da Liberdade (romanés: Piaţa Libertăţii) e a Ópera de Timişoara —incluídos a Ponte Decebal e as avenidas Lipovei e Girocului— convertéronse en escenario de sanguentos enfrontamentos entre civís e militares. Tanquetas, camionetas de redilas e vehículos blindados bloquearon os accesos á cidade, mentres no ceo, os helicópteros do exército romanés vixiaban os acontecementos. Despois da media noite as protestas baixaran de intensidade. Coman, Ilie Matei e Ştefan Guşă inspeccionaron a cidade, que semellaba ser esceario dunha guerra nalgunhas zonas.

Bandeiras romanesas baleiras exhibidas no Museo Militar de Bucarest. En Timişoara, os manifestantes cortaron o escudo socialista da bandeira romanesa, que loceu cun buraco na banda amarela como rexeitamento ao réxime socialista

A mañá do 18 de decembro de 1989, o centro da cidade ocupouse por soldados e axentes da Securitate, vestidos de civil. O alcalde Moţ convocou unha manifestación na Universidade de Occidente en Timişoara (romanés: Universitatea de Vest din Timişoara), co propósito de condenar os actos vandálicos do día anterior. Ademais, Moţ decretou a lei marcial na cidade, co que quedaron prohibidas as reunións de máis de dúas persoas na cidade, so pena de cárcere. Desafiando o decreto do alcalde, un grupo de trinta novos concentráronse na Catedral de Timişoara, onde izaron e ondearon a bandeira da Revolución Romanesa, que non era outra que a bandeira da república socialista cun buraco no sitio onde debía portar o escudo. Sabendo que poderían ser atacados polas forzas da orde, comezaron a cantar Deşteaptă-te, române! (en galego, Esperta, romanés!), antiga canción nacionalista proscrita desde 1947 e actual himno nacional de Romanía. Os manifestantes da catedral foron atacados polas forzas da orde, algúns deles morreron e os seus cadáveres foron ultraxados na Praza da Vitoria. Outros, con mellor sorte, puideron escapar con vida.

O 19 de decembro Radu Bălan e Ştefan Guşă visitaron aos obreiros das fábricas da cidade, mais fallaron no seu obxectivo de impulsalos a tomar novamente os seus traballos. Ao día seguinte, grandes continxentes de obreiros marcharon pola cidade. Cen mil obreiros apostáronse na Praza de Ópera -chamada actualmente Praza da Vitoria (romanés: Piaţa Victoriei)- e emitiron protestas en contra do réxime socialista: Noi suntem poporul! ("Nós somos o pobo!"), Armata e cu noi! ("O exército está connosco!"), Nu vă fie frică, Ceauşescu pică! ("Non temos medo, Ceauşescu pică!").

Entre tanto, Emil Bobu e Constantin Dăscălescu foron enviados por Elena Ceauşescu -posto que o presidente romanés atopábase neses días de xira por Irán- a resolver o conflito. Os comisionados reuníronse cunha delegación dos manifestantes, e aceptaron ceibar a un bo número dos prendidos nos días anteriores. En contraste, negáronse a presionar para o cumprimento da principal demanda dos amotinados, a saber, a renuncia de Nicolae Ceauşescu. Desta sorte, a situación política en Romanía continuou sendo esencialmente a mesma ca nos días anteriores.

Manisfestación nas rúa

O 21 de decembro chegaron a Timişoara varios trens cargados de obreiros procedentes de Oltenia. A intención do goberno romanés era empregalos para reprimir as protestas en Timişoara, aínda que finalmente os obreiros oltenos remataron por unirse aos manifestantes da cidade. Un deles comentou que

Onte, o xefe da nosa fábrica e o Partido Comunista reuníronnos no campo, armáronnos con garrotes e dixeron que maxiares e hooligans estaban a destruír Timişoara, e que por iso debiamos vir aquí para axudar a controlar os disturbios. Pero hoxe, sei que iso non era certo.

O exército romanés interveu novamente e Timişoara foi declarada cidade libre de xeito oficial. Novos ataques a manifestantes opositores ao réxime dos esposos Ceauşescu rexistráronse nas cidades de Sibiu, Brasov, Arade e Tirgu Mureş despois das manifestacións en Timişoara.

Revolta en Bucarest[editar | editar a fonte]

Emblema do Partido Comunista Romanés, ilegalizado despois da Revolución de 1989

Os sucesos das revoltas anticomunistas en Bucarest -capital de Romanía- foron amplamente difundidos por Radio Free Europe, Voice of America e por estudantes que saíron de Romanía con motivo das festas do Nadal. Hai varios puntos de vista atopados nas narrativas sobre os acontecementos en Bucarest, os mesmos que levaron á conclusión do réxime socialista de Romanía e o axustizamento de Ceauşescu en 1989. Un deles é que unha parte do Concello Político Executivo do PCR (CPE-PCR) tentou falidamente unha transición semellante á doutros países do Bloque do Leste, onde os líderes socialistas dimitiron dos seus cargos en masa logo da caída do Muro de Berlín. Isto permitiu que en países como Checoslovaquia -hoxe desaparecida- os novos sistemas de goberno emerxesen dunha maneira pacífica. Outra versión sinala que os oficiais do exército romanés plantexaron unha conspiración en contra de Ceauşescu. Varios mandos militares do exército romanés daquela época sinalaron que tomaran parte na devandita conspiración, pero a evidencia de apoio a estas declaracións é escasa no mellor dos casos. Esta versión é apoiada polas declaracións do coronel Dumitru Burlan (realizadas en 2003 e 2004[5]), xefe da Securitate en 1989 e antigo garda persoal de Ceauşescu. Ambas as dúas teorías non se exclúen necesariamente.

En novembro de 1989, Ceauşescu visitara ao seu homólogo ruso Mikhail Gorbachev, quen o convidou a deixar o poder: Ceauşescu sinxelamente rexeitou facelo. A cuestión dunha posible renuncia do presidente romanés tomou novos aires o 17 de decembro de 1989, cando Ceauşescu reuniu ao Concello Político Executivo do seu partido para tomar medidas sobre as manifestacións en Timişoara. Algunhas páxinas da minuta da reunión desapareceron, incluídas aquelas onde supostamente rexistrouse a discusión sobre a renuncia de Ceauşescu.

De acordo co testemuño de Paul Niculescu-Mizil e Ion Dincă, antigos membros do CPE, dado no xuízo que se lles seguiu, na reunión do 17 de decembro dous dos membros do Concello mostráronse en desacordo co emprego da forza pública para reprimir as manifestacións en Timişoara. En resposta, Ceauşescu ofreceu a súa renuncia, e solicitou aos presentes a elección dun novo líder. Con todo, algúns deles, incluídos Gheorghe Oprea e Constantin Dăscălescu instarían a Ceauşescu a non dimitir do seu cargo e a expulsar aos membros disidentes. Ese mesmo día, Ceauşescu saíu de Romanía a unha xira por Irán, deixando en mans da súa dona e outros membros do partido a resolución do conflito político iniciado en Timişoara.[6]

Ceauşescu regresou a Romanía só para atopar que o conflito complicárase aínda máis. Ás sete da noite desa xornada, emitiu un discurso por televisión dende a sé do Comité Central do PCR, no que cualificou de inimigos da revolución socialista aos participantes nas manifestacións de Timişoara.[7]

Na mañá do 21 de decembro, encabezou unha asemblea organizada polo PCR, en que participarían miles de persoas para condenar á disidencia de Timişoara. Situado nun dos balcóns do Comité Central do PCR, Ceauşescu falou dos beneficios da revolución socialista e a multilateralmente desenvolvida sociedade socialista de Romanía. Pero na praza onde se atopaba reunida a asemblea, fronte a un anodadado Ceauşescu, a multitude lanzou vivas aos disidentes de Timişoara -a quen o ditador chamara hoolligans' noutras ocasións mdash; e increpara de diversas maneiras. Ceauşescu tentou acougar á asemblea cun xesto manual, e logo tentou chamar á orde mediante frases como Alo, Alo! (Ola, ola!, dito con enerxía). Elena pedíalle ao seu home que contivese a situación: Vorbeşte-le, vorbeşte-le! (Fálalles, fálalles!) e logo, dirixíndose á multitude pedía aos asistentes que acougasen e sentasen. Finalmente, Ceauşescu foi conducido ao interior da sede do Comité Central do PCR.[8]

Bandeira da revolución romanesa

Asubíos e aplausos xurdiron de súpeto entre os participantes no acto oficial. Aos poucos, foron abandonando a praza, mais apostáronse polas rúas da cidade, tomándoa de feito como pasara uns días antes en Timişoara. Algunhas persoas berraban consignas en contra do ditador, as cales axiña se espallaron á multitude. Dicían Jos dictatorul!, moarte criminalului! (Abaixo o ditador, morte aos criminais!), Noi suntem poporul, jos cu dictatorul! (O pobo somos nós, abaixo co ditador!) Ceauşescu cine eşti?: criminal din Scorniceşti! (Quen es ti, Ceauşescu: un criminal de Scorniceşti!). Máis tarde, a manifestación popular ocupaba practicamente todo o centro de Bucarest. Preto da Universidade de Bucarest os mozos ondeaban bandeiras romanesas co escudo curtado, tal como acontecera en Timişoara.

Pasaran algunhas horas, e as rúas bucarestinas ocupáranse polos habitantes da cidade. Axiña os manifestantes deberon enfrontarse aos soldados, axentes da policía e da Unidade Especial para a Loita Antiterrorista (romanés: Unitate Specială pentru Lupta Antiteroristă) así como axentes encubertos da Securitate. A multitude nas rúas foi atacada por francotiradores dende varios edificios na cidade, e cercada nas rúas por vehículos blindados e tanquetas. Houbo unha gran cantidade de mortes polos ataques contra os civís, incluídos xornalistas que cubrían os sucesos en Bucarest. Os axentes antimotíns atacaron aos manifestantes con chorros de auga, e logo os policías arrestaron a algunhas persoas, ás que someteron a golpes. Pola súa banda, os opositores ao réxime de Ceauşescu decidiron facerse fortes nunha barricada construída fronte a un restaurante, onde resistiron até a media noite do 21 de decembro, para ser finalmente sometidos polas forzas do goberno. Os tiros nas rúas de Bucarest continuaron até as tres da madrugada do 22 de decembro.

Civís romaneses loitando contra os terroristas do vello réxime

É probable que na mañá do 22 de decembro de 1989, o ditador romanés aínda considerase a posibilidade de controlar a manifestación opositora que estourara en varias partes de Romanía por eses días: convocara unha segunda asemblea para a mañá seguinte. Con todo, tamén moi cedo nese día, a súa dona, Elena Ceauşescu foi posta en coñecemento de novas manifestacións de grupos opositores, nesta ocasión, traballadores das zonas industriais da cidade. As columnas de obreiros dirixíanse nese momento cara ao centro de Bucarest.

As barricadas que a policía instalara nos accesos ás prazas da Universidade e do Palacio resultaron insuficientes para conter a manifestación. Ás 9:30 a.m., a praza da Universidade estaba ateigada de xente. Axentes de seguridade pública entraron en escea, pero só para unirse case todos á manifestación. Media hora máis tarde, a radio local anunciaba o establecemento de lei marcial e a prohibición de reunións de máis de cinco membros. Mais a pesar da prohibición, miles de persoas xa se atopaban nas rúas de Bucarest.

Ceauşescu tentou dirixirse á multitude dende un dos balcóns da sé do Comité Central do PCR, pero só obtivo abertas mostras de rexeitamento. Entre o nove e once da mañá do 22 de decembro, o ministro de defensa do goberno de Romanía, Vasile Milea foi asasinado baixo circunstancias que non foron esclarecidas. Un escrito de Ceauşescu establecía que Milea foi achado culpable de traizón e que se suicidou antes de que a súa traizón fose descuberta publicamente.

Sabendo que Milea suicidárase, Ceauşescu nomeou a Victor Stănculescu como ministro de Defensa. Xa á fronte do exército romanés, Victor Stănculescu ordenou ás tropas despregadas que volvesen aos cuarteis, orde que por certo foi emitida sen o coñecemento de Ceauşescu. Ademais, o novo ministro de defensa persuadiu ao ditador de abordar nun helicóptero para fuxirse da cidade que saíra do seu control. Ao terse negado a seguir a orde de represión de Ceauşescu, o xeneral Stănculescu xogou un papel central no desenlace da revolución.

Celebracións na Praza do Palacio de Bucarest

Trala fuxida de Ceauşescu, a xente concentrada na Praza do Palacio (Bucarest) estourou en celebracións, especialmente intensas por mor da violencia vivida nesa semana de decembro de 1989. A continuación, sobreveu a ocupación da sé do Partido Comunista. A xente destruíu escritos de Ceauşescu, retratos oficiais do líder romanés, lanzou libros polas xanelas do edificio. Axiña, algúns deles se aprestaron a derrubar as grandes letras da palabra communist (comunista) na lema Trăiască Partidul Communist Român!! (Viva o Partido Comunista Romanés!) que coroaba o edificio. Novamente apareceron as bandeiras romanesas ás que se lles cortou o escudo da república socialista.

Mentres isto acontecía no centro de Bucarest, máis tropas militares arribaron ao Aeroporto Internacional Henri Coandă da capital, aos que como antes en Timişoara dixéraselles que ían combater a terroristas. De acordo cun libro do gardacostas de Nicolae Ceauşescu e coronel da Securitate, Dumitru Burlan, os membros do exército que formaron parte da conspiración contra o ditador tentaban crear unha atmosfera de ataques terroristas co propósito de inducirlles medo e facer que algúns soldados unísense aos opositores.

A pesar do anterior, a toma do poder político por parte do Fronte de Salvación Nacional (FSN) -xurdido da segunda fila do PCR con apoio dos militares disidentes do goberno de Ceauşescu non estaba completa aínda. Grupos leais ao réxime socialista de Romanía -tachados polos participantes no golpe de estado de terroristas- abriron fogo contra os manifestantes nas rúas de Bucarest e arremeteron contra algúns puntos crave da vida política e social desa cidade, especialmente contra a Praza do Palacio, a Universidade de Bucarest, a Praza da Universidade, os aeroportos e o Ministerio de Defensa.

A noite do 22 de decembro, os bucarestinos aínda permanecían pelexando nas rúas, especialmente nas áreas da cidade que foran atacadas polos simpatizantes do réxime socialista. Coa participación do exército en ambos os bandos, as pelexas nas rúas arroxaron un saldo de varias decenas de mortos. Ao nove da noite do 23 de decembro chegaron até o Palacio da República algúns tanques e unidades paramilitares. Tachados de terroristas, a identidade destes grupos continúa descoñecida. Ningunha persoa foi procesada de modo oficial polo cargo de terrorismo, e existen sospeitas de que ditas unidades puideron ter relación co novo goberno romanés.

Xuízo e execución de Nicolae e Elena Ceauşescu[editar | editar a fonte]

Ceauşescu e maila súa dona Elena abandonaron Bucarest por medio dun helicóptero. Na súa fuxida, foron acompañados por dous colaboradores moi achegados: Emil Bobu e Tudor Postelnicu. Estes dous acompañaron aos Ceauşescu á súa residencia de Snagov, de onde se dirixiron a Târgovişte. En Boteni, localidade próxima a Târgovişte, os Ceauşescu e mailos seus acompañantes abandonaron o helicóptero, posto que, segundo os pilotos, os mandos do exército romanés ordenáranlles aterrar inmediatamente. Para entón, tamén se ordenou o peche do espazo aéreo romanés.

Os Ceauşescu e os seus acompañantes chegaron a Târgovişte abordo dun automóbil. Entrando polos complexos industriais da localidade, os fuxitivos decidiron refuxiarse nun edificio preto dunha planta siderúrxica. Un enxeñeiro que traballaba no lugar chamou á policía. Pouco tempo despois, Nicolae e Elena Ceauşescu foron capturados e conducidos ao cuartel militar a través das rúas da cidade. Só cando chegaron ao cuartel, o ditador e a súa dona foron informados de que estaban oficialmente presos.

Mortos durante a revolución romanesa no Instituto Forense de Bucarest

O 25 de decembro de 1989, tanto Nicolae como Elena foron xulgados e condeados á morte. A sentenza foi emitida por un tribunal creado ex profeso(tribunal ilegal sen ningunha garantia legal formado por direnxentes do PCR de segunda fila) para procesalos por cargos como xenocidio -máis de sesenta mil vítimas, e unha das probas principais foi o descubrimento dunhas fosas clandestinas apócrifas en Timişoara, uns días antes-, (isto non é certo non foron 60.000 mortos foron moi poucos. Os mortos de Timişoara demostrándose máis tarde que provenian da morgue do hospital de timisoara) dano á economía nacional, enriquecemento inxustificable e uso das forzas armadas en accións en contra dos civís. No estenograma do xuízo, Ceauşescu responde con fecuencia aos seus interlocutores que el non recoñece a autoridade desa corte, e que só declarará ante a Gran Asemblea Nacional,[1] que fora abolida polo goberno de Iliescu e o FSN. Ese mesmo día foron fusilados no pobo de Târgovişte. As primeiras imaxes dos cadáveres de Elena e Nicolae foron difundidas días despois do axustizamento.

Transición cara a un novo réxime político[editar | editar a fonte]

Tras coñecerse no estranxeiro a nova da fuxida de Ceauşescu no contexto das revoltas en Bucarest, chegaron ao país mensaxes de apoio de varios países; entre eles hai que citar o de George Bush (presidente dos Estados Unidos), da Unión Soviética, do Partido Socialista de Hungría, do goberno da Alemaña Oriental, dos partidos comunistas de Bulgaria e Checoslovaquia, de François Mitterrand, de Margaret Thatcher, do Partido Comunista do Xapón e de varios países máis, principalmente da Europa Occidental.

Ao apoio moral achegado aos romaneses sumouse nos días posteriores o apoio material. Grandes cantidades de alimentos, fármacos, roupa, equipo médico e outros bens necesarios foron enviados dende múltiples países a Romanía. Ao redor do mundo, os acontecementos en Bucarest ocupaban espazos importantes nos medios de comunicación.

O 24 de decembro, Bucarest foi novamente esceario de enfrontamentos entre a disidencia e os grupos leais a Ceauşescu. A cidade continuaba baixo vixiancia da policía e o exército. As así chamadas actividades terroristas continuaron até o 27 de decembro, cando remataron abruptamente.

Ion Iliescu, antigo membro do PCR caído en desgraza e un dos personaxes máis representativos do movemento que derrocou a Ceauşescu, foi elixido líder do FSN, que como se dixo, foi a formación política que se encargou do goberno do país despois do abandono do poder por parte do ditador. O FSN conformábase na súa maioría por membros da segunda liña do PCR.

Selo conmemorativo da revolución

Eles asumiron inmediatamente o control das institucións estatais, incluídos os medios. Empregaron esta posición de poder para lanzar virulentos ataques contra os opositores ao novo réxime, especialmente contra os antigos partidos liberais e demócratas que permaneceran na clandestinidade dende a instauración da República Popular en 1947 -coma o Partido Nacional Liberal e mailo Partido Democrático dos Campesiños-. Algúns autores opinan que o ascenso ao poder doutros membros do PCR tivo repercusións na nova organización política de Romanía:

As consecuencias deste feito son obvias: por unha banda, as dificultades para pensar alén do adoutrinamiento comunista, dá lugar a unha falta dunha estratexia clara para o paso ao capitalismo, e, por outra, ás demoras lexislativas e na toma de decisións con respecto a outros países veciños na adopción de reformas e a integración nas estruturas europeas e euro-atlánticas.[9]

A Fronte de Salvación Nacional compoñíase de representantes de diversos sectores da sociedade romanesa, mais a presenza dos antigos membros do Partido Comunista Romanés foi copando practicamente os principais espazos do poder. Unha proba diso é que en maio de 1990, nas primeiras eleccións da era post-comunista de Romanía, Ion Iliscu saiu coma presidente co 85% dos sufraxios. Asóciase este feito co uso parcial por parte do grupo dominante do FSN, que deixou case sen espazos mediáticos aos partidos da oposición. En virtude do anterior, as eleccións romanesas de 1990 foron tachadas de antidemocráticas, tanto pola oposición como polos medios estranxeiros.

Aínda que a Fronte de Salvación Nacional gañouse a simpatía de varios axentes políticos en todo o mundo, axiña o goberno de Iliescu e Mănescu foi perdendo credibilidade, tanto no interno como no externo. O aproveitamento da conxuntura con fins persoais foi unha constante entre varios dos membros do goberno provisional.[10] Exemplo diso é a Mineirada de xaneiro de 1990, cando os mineiros de Valea Juilui acompañados pola policía e convocados polo propio goberno de Iliescu ateigaron as rúas de Bucarest para arremeter contra as protestas opositoras ao novo réxime do FSN.[10] Antes das eleccións, Romanía xa enfrontaba conflitos interétnicos -especialmente en Transilvania, onde o movemento nacionalista maxiar encabezado por László Tőkés[11] provocou o arrefriamento das relacións entre Hungría e Romanía-; conflitos entre a Igrexa católica e a Igrexa Ortodoxa, a máis de varios retrocesos na economía nacional.[12]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Stenograma procesului Ceauşescu (en romanés), en ro:Wikisource, consultado o 22 de decembro de 2009.
  2. "A revolución romanesa e as súas vítimas", no sitio en internet de Radio Romania International, consultada o 22 de decembro de 2009.
  3. [1]. Marius Mioc, Revoluşia din Timişoara aşa cum fost, 1997.
  4. Andreescu, Gabriel Páxinas da Reconciliación Romanés-Húngara, 1989-1999: O Papel das Organizacións Cívicas , no sitio en Internet do Institute of International Education, consultado o 22 de decembro de 2009.
  5. "Conspiratia Securitatii - Marturii pentru trecut", no sitio en internet de HotNews.ro, consultado o 24 de decembro de 2009.
  6. Por certo que foi durante esta ausencia cando se descubriron unhas fosas en Timişoara, onde supostamente había cadáveres de persoas torturadas durante o réxime comunista. Despois haberíase de descubrir que foi unha fraude, aínda cando foron unha das principais evidencias empregadas en contra do ditador romanés no xuízo militar que se lle seguiu en Târgovişche o 25 de decembro de 1989 (Ramonet, Ignacio: "Información e conflitos armados", en Analítica Venezuela).
  7. [2] [3]
  8. Chavero Pozo, José Javier (2001): "La revolución rumana de 1989", en Papeles del Este, Universidade Complutense de Madrid, consultada o 24 de decembro de 2009.
  9. Stefanescu, Barbu (2004), "A transición da ditadura á democracia. O caso de Romanía", versión electrónica de Pasado e Memoria. Revista de Historia Contemporánea, no sitio en internet da Universidade de Alacante, consultado o 23 de decembro de 2009.
  10. 10,0 10,1 Stefanescu, Barbu, op. cit., p. 21.
  11. O mesmo pastor luterano que foi motivo do inicio dos sucesos de Timisoara.
  12. Stefanescu, Barbu, op. cit., pp. 21-25.

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Nota: a maior parte deste artigo é una tradución das versións en inglés e romanés de Wikipedia.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Revolución romanesa de 1989