Revolución de Veludo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A revolución de veludo foi o movemento pacífico polo cal o partido comunista de Checoslovaquia perdeu o monopolio do poder e volveuse á democracia.[cando?]

Historia[editar | editar a fonte]

Os ventos aperturistas e liberalizadores procedentes da Unión Soviética a través da denominada Perestroika, levada a cabo por Mikhail Gorbachev, a partir de 1985, concretáronse no conxunto dos seus países satélites co inicio de paulatinas reformas políticas. No caso de Checoslovaquia hai que remontarse ao ano 1977, data na que un grupo de intelectuais seguindo a liña do espírito da Primavera de Praga, publicaban un manifesto denominado "Carta 77", onde expresaban a súa disidencia co réxime establecido.

En 1989, o tempo de cambios en Europa, a xente de Checoslovaquia sabía sobre a caída do imperio Soviético e as caídas dos réximes en países próximos a través da radio (Radio Free Europe). O 17 de novembro en Praga a policía atacou a miles de estudantes que protestaban contra o réxime comunista. Este suceso provocou o inicio das manifestacións. Creouse o Foro Cívico dirixido polo dramaturgo Václav Havel, e dentro do Partido Comunista Checoslovaco evidéncianse loitas de poder entre sectores inmovilistas como Gustav Husak e reformistas como Lasdislav Adamec. Como consecuencia créase un clima tenso.

Tras a folga xeral do 27 de novembro de 1989 e a falta de apoio do aliado soviético, o Partido Comunista Checoslovaco abandona o poder. O ata entón valedor da ortodoxia comunista, Gustav Husak, dimitía o 10 de decembro como Presidente da República. Os acontecementos precipitáronse e antes de finalizar o ano 1989 Vaclav Havel accedeu á xefatura do Estado e Alexander Dubcek á presidencia do Parlamento. En xuño de 1990 celebráronse eleccións democráticas das que sairían vencedores o Foro Cívico e o Foro Público Contra a Violencia, variante eslovaca do primeiro.

A evolución política e as escisións posteriores destes partidos íanse plasmar durante os anos 1991 e 1992, así como un poderoso movemento nacionalista secesionista que se traduciría na independencia entre a República Checa e Eslovaquia no ano 1993, Vaclav Havel converteríase no primeiro presidenre da República Checa e Vaclav Klaus no primeiro ministro, mentres que en Eslovaquia sería Vladimir Meciar o novo xefe de Estado. En 2004 ambos países ingresaron de forma conxunta na Unión Europea e a Alianza do Atlántico Norte (OTAN).