Resposta sensorial meridiana autónoma

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A resposta sensorial meridiana autónoma (ASMR nas súas siglas en inglés), é un fenómeno sensorio-perceptivo caracterizado por unha pracenteira sensación de formigo que se sente habitualmente na sección superior e posterior da cabeza, coiro cabeludo, caluga, ombreiros e lombo en resposta a determinados estímulos externos tras ser percibidos a través dos sentidos da vista, do oído ou do tacto fundamentalmente e interpretados polo suxeito sensible a este fenómeno.

O nome, que é un neoloxismo, deuse a coñecer como parte da cultura de Internet, Isto é, a través de blogs e videoblogs.

Orixes do termo na cultura popular[editar | editar a fonte]

Segundo Know Your Meme, o termo ASMR foi usado por vez primeira o 25 de febreiro de 2010, no grupo de Facebook «Autonomous Sensory Meridian Response Group» despois de ser acuñado por Jennifer Allen (alias "Envelope Nomia" no Facebook), creadora do grupo, en resposta a unha publicación do foro SteadyHealth no cal algunhas persoas mantiñan un longo debate sobre a estraña sensación.[1] Allen explica que "Autónomo" se refire á idiosincrasia ao redor das persoas que experimentan ASMR, xa que a natureza da reacción varía dunha persoa á outra, e que o termo meridiana en resposta sensorial meridiana autónoma se trata dunha palabra menos explícita usada no lugar da palabra orgasmo.

Debates en liña nalgúns grupos como un de Yahoo! chamado Society of Sensationalists formado en 2008, ou The Unnamed Feeling, blog formado por Adrew MacMuiris en 2010, focalizáronse nunha aprendizaxe máis en profundidade por parte da xente sobre a sensación e en fomentar a partilla de ideas e experiencias persoais. Algúns nomes alternativos para a ASMR en relación a estes grupos de debate son Attention Induced Head Orgasm, Attention Induced Euphoria, e Attention Induced Observant Euphoria.[2]

Outras frases para describir a sensación refírense a ela como «orgasmo cerebral», «masaxe cerebral», «formigo na cabeza», «orgasmo da cabeza» ou «formigo na espiña».

Cobertura nos medios[editar | editar a fonte]

Unha conferencia no Reino Unido (Boring 2012) mencionou vídeos ASMR na súa lista de temas a debater. A cobertura desta conferencia, como se informou no Slate magazine, mencionou o músico e xornalista Rhodri Marsden presentando a ASMR declarando que este fenómeno é un estilo de vídeos tipo xogo de roles non sexual do YouTube.

Algúns artigos no The Huffington Post suxiren certos tipos de «desencadeantes» para evocar a ASMR. Os artigos mencionan pracenteiros formigos ou sensacións de «murmurio» na cabeza que algúns vídeos do YouTube ou o simple feito de escoitar a xente murmurar, poderían estimular esta sensación. Outros tipos de causantes poderían ser tarefas orientadas a un obxectivo, o feito de falar suavemente, os xogos de rol ou a música.

Un artigo sobre o fenómeno de «calafríos» inducido por momentos específicos dunha peza musical, menciona distincións feitas polos usuarios da sección ASMR en Reddit co fin de distinguir a valencia entre a ASMR e o «calafrío» (tamén chamado frisson). Un artigo semellante na revista musical británica New Musical Express, ou NME, mencionou distincións entre ASMR e frisson. Sinalou que aínda que ambas as reaccións tenden a evocar a «pel de galiña» no observador, as reaccións emocionais e fisiolóxicas son diferentes.

O escritor Sean T. Collins citou o catedrático David Huron da Ohio State University, quen imparte aulas na Escola de Música da Universidade, declarando que a ASMR e a sensación de «calafrío» son diferentes e que «o efecto ASMR está clara e intensamente relacionado á percepción de non-ameaza e atención altruísta», di Huron, quen observa que hai unha grande semellanza ao aseo físico nos primates. «Os primates non humanos obteñen grande pracer (achegándose á euforia) cando son aseados por un compañeiro». E, di Huron, eles aséanse mutuamente non para estaren limpos, senón para conectar uns cos outros.

Reaccións científicas[editar | editar a fonte]

Steven Novella, director de Neuroloxía Xeral na Escola de Medicina da Universidade de Yale é contribuidor activo de temas que implican escepticismo cientifíco escribiu no seu blog de neurociencia acerca da falta de investigación científica en relación á ASMR, dicindo que as tecnoloxías da imaxe por resonancia magnética funcional e a estimulación magnética transcraniana deberían ser usadas co fin de estudar o funcionamento cerebral de persoas que experimenten ASMR en relación a persoas que non o experimenten. Novella discute o concepto de neurodiversidade e menciona como a complexidade do cerebro humano é debida a comportamentos de deenvolvemento a través da escala de tempo evolutivo. Este tamén suxire a posibilidade de a ASMR ser un tipo de incautación do pracer ou algunha outra maneira de activar a reacción pracenteira.[3]

Pode ser un fenómeno real, mais é inherentemente difícil de investigar. A experiencia interna é a chave de grande parte da investigación psicolóxica, mais cando te topas con algo como isto, o cal non podes ver nin sentir, e nin sequera lle pasa a todo o mundo, cae nun punto cego. É como a sinestesia, que durante anos foi un mito, até que na década de noventa apareceu un xeito fiábel de medila.
Tom Stafford, profesor de Psicoloxía e Ciencias Cognitivas da Universidade de Sheffield[4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Autonomous Sensory Meridian Response (ASMR)". Know Your Meme. Consultado o 21 de decembro de 2012. 
  2. Cheadle, Harry. "ASMR, the Good Feeling No One Can Explain". Consultado o 2 de decembro de 2012. 
  3. Novella, Steven. "ASMR". Consultado o 2 de decembro de 2012. 
  4. «“María spends 20 minutes folding towels”: why millions are mesmerised by ASMR videos», artigo de Rhodri Marsden no xornal The Independent de 21 de xullo de 2012. Consultado o 10 de xuño de 2013.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]