Relato de un náufrago

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Relato de un náufrago (título orixinal completo en castelán Relato de un náufrago que estuvo diez días a la deriva en una balsa sin comer ni beber, que fue proclamado héroe de la patria, besado por las reinas de la belleza y hecho rico por la publicidad, y luego aborrecido por el gobierno y olvidado para siempre), é unha obra narrativa de Gabriel García Márquez baseada nos feitos que lle aconteceron a un rapaz que aguantou dez días nunha balsa no mar. Está narrado en primeira persoa, e foi publicado en 14 días consecutivos no xornal colombiano El Espectador en 1955, durante a ditadura militar de Gustavo Rojas Pinilla. A primeira edición como libro foi publicada en Barcelona en 1970.

Trama[editar | editar a fonte]

Nárrase a historia de Luis Alejandro Velasco, un tripulante colombiano de vinte anos do destrutor militar A. R. C. Caldas, que sobreviviu durante dez días en alto mar tras caer del. Logo dunha estancia de 8 meses en Mobile (Alabama) para reparar o buque, regresan cara a Cartagena de Indias (Colombia). O 28 de febreiro el e mais outros sete tripulantes foron golpeados e tirados ao mar por unha onda, debido a que o buque escoraba por mor dunha carga mal estibada de electrodomésticos de contrabando. Aquí comeza a odisea do náufrago, que debe loitar contra múltiples adversidades ao longo de dez días.

Nun principio agárrase a unhas caixas caídas do barco, e despois logra chegar a unha balsa. Desde ela observa catro compañeiros, e malia que intenta remar cara a eles, a corrente impídelle rescatalos e ve como morren afogados, iniciando así un período de total soidade. Os seus inimigos son o Sol (que xunto coa auga salgada comezan a queimarlle a pel), a sede, a fame e as quenllas. Conta cun reloxo, e para non perder de todo a conciencia do paso do tempo, vai facendo marcas cunha chave na balsa para contar o paso dos días.

Durante o primeiro día está seguro de que vai ser rescatado, pero tras o avistamento de varios avións e un barco que non o ven, comeza a perder a esperanza do rescate. Logo de ter unha alucinación coa pantasma de Jaime Manjarrés, un dos náufragos, empeza a pensar en procurar comida. Primeiro come unhas tarxetas de cartón que levaba nun dos petos. Intenta mascar o cinto e os zapatos de caucho, pero resúltanlle moi duros. Mata unha pequena gaivota, pero en parte polo sentimento de culpa e en parte polo noxo que lle produce, non é quen de comela. Captura un peixe grande que saltou ao interior da balsa, e dálle dous mordiscos, pero cando intentaba lavalo para conservalo, unha quenlla leva o resto do peixe e un anaco dun remo.

Co paso dos días invádeo un sentimento de desesperación, chegando a desexar a morte, pero tras o mencer do décimo día, avista a terra. Cun último esforzo deixa a balsa e comeza a nadar uns dous quilómetros. Pensa que está nunha illa ou nun país estranxeiro, pero tras ser atopado por un home, este confírmalle que está en Colombia.

O home lévao a Mulatos, a súa aldea, onde lle dan auga e azucre. Despois lévano á vila de San Juan de Urabá, onde recibe a visita dun médico. Ao regreso a Cartagena, nos días que está no hospital, recibe a visita dalgúns xornalistas, pero o exército non lles permite facerlle preguntas, senón simplemente tomarlle fotos. Un xornalista, facéndose pasar por un psiquiatra, consegue dous debuxos, que aparecen publicados ao día seguinte nun xornal. Velasco é aclamado coma un heroe, é ascendido a cadete e mesmo recibe unha medalla do presidente, pero el non se sente tal heroe, senón que di que simplemente loitou pola súa supervivencia. Asina varias ofertas con axencias de publicidade para anunciar reloxos, zapatos e outros produtos, que lle fan gañar cartos.

Publicación e consecuencias[editar | editar a fonte]

O relato publicouse en 1955 en 14 capítulos, coa firma de Velasco. Tivo forte repercusión nacional ao desvelarse que caída se producira por culpa de cargamentos de contrabando que se soltaron na cuberta, e non por unha tormenta como se informara inicialmente. Dado que o relato estaba a ter unha boa acollida entre o público, o goberno non o censurou, pero posteriormente provocou o peche do xornal. García Márquez pasou a ser persoa non grata e emigrou a Italia. García Márquez non era moi partidario da publicación en libro, consciente de que era unha obra menor publicada porque naquel momento xa era un autor que vendía moitos exemplares.

Luis Alejandro Velasco Rodríguez deixou a armada e comezou a traballar no sector privado, comezando nunha compañía de autobuses, e posteriormente como axente comercial nunha compañía de seguros de Bogotá. Cando se publicou o libro en 1970 García Márquez cedeulle os dereitos de autor. En 1983 reclamou os dereitos de tradución, pero perdeu a demanda. Velasco morreu en Bogotá o 2 de agosto de 2000, aos 66 anos[1].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Artigo en El Mundo, 4 de agosto de 2000 (en castelán).