Rei Escorpión

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Horus Escorpión (II) ou o Rei Escorpión foi un gobernante do Antigo Exipto, pertencente á denominada Dinastía 0.

Aínda que os datos sobre Horus Escorpión son imprecisos (ata se dubida da súa mesma existencia), algúns estudiosos sosteñen que viviría cara ao ano 3200 adC, e que conquistou Hieracómpolis, a cidade máis importante do Alto Exipto, transformándose no dominador do país.

A existencia de Horus Escorpión parece confirmada por unha cabeza de maza cerimonial de pedra calcaria descuberta en Hieracómpolis a finais do século XIX polo arqueólogo James Edward Quibell, na que figura un faraón coa coroa branca e un escorpión xunto á cabeza, acompañado do falcón Horus, símbolo da realeza exipcia. Esta maza está depositada no Museo Ashmolean, e é unha das representacións máis antigas dun rei exipcio. Pertencente a unha época na que a escritura era incipiente, debuxándose xunto ao rei un escorpión, a modo de xeroglífico, que representaba o nome do faraón.

Quíxose interpretar isto como evidencia da existencia dun gobernante chamado Escorpión, que inauguraría, ou proseguido segundo unha tradición real, a unificación do Antigo Exipto, levada a cabo con posterioridade e foi efectuada cara ao ano 3100 adC, cando os gobernantes do Alto Exipto dominaron o Baixo Exipto.

Horus Escorpión leva unha aixada na man coa que abre un dique, o que se relaciona cos ritos relixiosos sobre a inundación do Nilo, e na parte superior hai oito paxaros representados: estes convertéronse máis adiante no xeroglífico que representaba aos súbditos, o que indicaría a preeminecia deste gobernante.

O Rei Escorpión e Hollywood[editar | editar a fonte]

O Rei Escorpión inspirou un filme estadounidense protagonizado por Dwayne Johnson, The Scorpion King, no que todo o que se describe é pura fantasía, historicamente falando.


Predecesor:
-
Faraón
Dinastía 0
Sucesor:
Narmer