Rebelión do Banato (1594)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A rebelión do Banato, en 1594, foi unha das tres rebelións máis importantes da historia de Serbia contra a ocupación otomá, poucos anos despois de que o Reino de Serbia caese no poder dos turcos, e a máis importante antes da primeira revolución serbia, conducida por Karagjorgje.

Antecedentes[editar | editar a fonte]

O reino medieval de Serbia alcanzara o seu máximo apoxeo baixo o reinado de Estevo IX Uroš IV Dušan (1331-1355) que, aproveitando as discordias existentes no Imperio bizantino, conquistou Macedonia, Albania, Epiro, Etolia e Tesalia. Estas conquistas permitíronlle atribuirse o título de Tsar dos serbios e dos gregos (1346). Pero co seu fillo Estevo X Uroš V (1355-1371) e os sucesores deste, o imperio que creara Esteban Dušan entrou nunha etapa de desintegración progresiva, fraccionándose nunha serie de pequenos principados feudais, perpetuamente enfrontados, que foron incapaces de conter a invasión dos turcos otománs. Finalmente, na batalla de Kosovo Polje, o 15 de xuño de 1389, os otománs de Murad I venceron ás tropas serbias e búlgaras mandadas por Lázaro Hrebeljanović e Esteban de Bosnia, terminando así a independencia de Serbia, que pasou a formar parte do Imperio Otomán até finais do século XVIII.[1]

A finais do século XIV Bulgaria, Tracia, Macedonia e o norte de Grecia foran xa ocupadas polos turcos, e Serbia e Bosnia pagaban tributo ao Sultán. O sucesor de Lázaro, Esteban (1389-1427), proclamouse déspota e, aliado de Hungría, estableceu a súa capital en Belgrado (14l2). Este esforzo efémero contra a presión otomá foi continuado por Xurxo Branković (1427-1456), que trasladou a Semendria a capital da zona serbia por el controlada, e propuxo a unión de Bosnia, Serbia e Hungría contra os turcos. Pero as súas peticións, e os esforzos de Hungría por galvanizar aos cristiáns balcánicos e promover unha cruzada europea contra o islam, foron anulados polo desastre de Varna (1444), que abriu definitivamente aos otománs a posesión dos Balcáns ao derrotar as tropas de Murad II ás de Ladislau III de Polonia e a Janós Hunnyadi de Hungría.[2]

A rebelión[editar | editar a fonte]

A finais do século XVI, a rexión do Banato, ocupada polos otománs, formaba parte do Vilaiato de Temeşvar. No ano 1594, os serbios rebeláronse contra os turcos, que non só eliminaran a súa organización política, senón que transformaron tamén as relacións sociais e económicas. Como os restantes cristiáns do Imperio, os serbios convertéranse en reaia, súbditos propiedade do Sultán, que dispoñía libremente das súas vidas e facendas. Grandes extensións de terreo foron entregadas en feudo (timar) [3] a soldados otománs que, a cambio do servizo de armas, recibían os beneficios da explotación da terra e do traballo dos campesiños a ela adscritos.[4]

O centro da rebelión foi a rexión de Vršac. Os insurxentes tiñan como xefe ao bispo Teodoro Nestorović, así como ao ban Sava e ao voivoda Velja Mironić. Nun principio os rebeldes tiveron éxito, conquistando varias cidades e vilas do Banato, como a propia Vršac, Bečkerek e Lipova, así como Titel e Bečej, situadas na rexión da Bačka. A importancia desta sublevación testemúñase polos versos dunha canción patriótica serbia: "Sva se butum zemlja pobunila,/ Šest stotina podiglo se sela,/ Svak na cara pušku podigao!" ("O país enteiro rebelouse,/Seiscentas vilas subleváronse,/Cada unha levando a súa arma contra o empardor").

Os rebeldes levaban bandeiras coa efixie de San Sava, o patrón de Serbia, o que daba ao seu combate unha aura de guerra santa. En resposta, Sinan Paşa, que dirixía o exército otomán, fixo traer de Damasco a bandeira verde de Mahoma.

Finalmente, a rebelión foi esmagada. Os turcos sufocaron axiña a rebelión e, en vinganza, castigaron á poboación cristiá cunha matanza, queimando casas e igrexas, e profanando reliquias, especialmente na cidade de Belgrado. Na chaira de Vračar, preto de Belgrado, Sinan Paşa, para castigar aínda máis á poboación, mandou traer as reliquias de San Sava, que estaban no mosteiro de Mileševa desde 1236, e o 27 de abril de 1594 , queimounas publicamente.[5]

A maior parte da poboación serbia, temendo máis reprasalias otománs, fuxiron a Transilvania.[6] Porén, as autoridades turcas, que tiñan necesidade de brazos para cultivar as fértiles terras do Banato, prometeron o perdón para todos aqueles que volvesen. A poboación volveu, e os turcos cumpriron a súa promesa, agás no caso do bispo Teodoro, que foi esfolado vivo.

Os serbios tiveron que esperar até principios do século XIX, coas revolucións serbias, a ter a esperanza da restauración do seu Estado, que se pruciría, finalmente, en 1830, cando Serbia se converteu nun principado autónomo dependente de Turquía, co protectorado de Rusia.

No lugar onde se encontraban as reliquias de San Sava, nos tempos modernos construíuse, para recoradar aqueles feitos, o templo ortodoxo máis grande dos Balcáns, a Catedral de San Sava.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Geoffrey Parker, The Reader's Companion to Military History, Houghton Mifflin Books Arquivado 16 de xullo de 2011 en Wayback Machine. The Battle of Kosovo: Early Reports of Victory and Defeat, by Thomas A. Emmert (en inglés) Consultada o 16/12/201.
  2. Harris, Jonathan (2010): The End of Byzantium. New Haven and London: Yale University Press. ISBN 978 0 30011786 8
  3. Nicoara Beldiceanu (1980): Le timar dans l'État ottoman (XIVe-XVe siècles) (en francés) Consultada o 16/12/2011.
  4. Halil Inalcik & Donald Quataert (1994): An economic and social history of the Ottoman empire: 1300-1914. Cambridge: Cambridge University Press.
  5. Batakovic Dusan T. (2005): Histoire du peuple serbe. Paris: L'age d'homme ISBN 978-2-8251-1958-7
  6. Daquela principado autónomo.