Real Expedición Filantrópica da Vacina

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Busto de Francisco Xavier Balmis na Facultade de Medicia da Universitat d'Alacant.

A Real Expedición Filantrópica da Vacina, coñecida como Expedición Balmis-Salvany ou Expedición Balmis en referencia ao médico alacantino Francisco Xavier Balmis, foi unha expedición de carácter filantrópico que deu a volta ao mundo e que durou desde 1803 até 1806. O seu obxectivo era nun principio que a vacina da varíola chegase a cada recuncho do daquela Imperio Español (América, Filipinas e outras illas do Pacífico), xa que a alta mortaldade do virus estaba ocasionando a morte de miles de nenos.

O rei Carlos IV apoiou e sufragou con fondos públicos ao médico da corte, o doutor Balmis, na súa idea dunha vacinación masiva de nenos ao longo de todo o imperio, xa que a súa propia filla a Infanta María Luísa sufrira tamén a enfermidade. Até entón, a varíola mataba, desfiguraba ou incapacitaba a unha parte moi importante da poboación. O nome de Balmis quedou para sempre unido a esta expedición.

A viaxe, a última das grandes expedicións científicas españolas da época da Ilustración, partiu do porto da Coruña o 30 de novembro de 1803, ao mando de Balmis, na goleta María Pita, cunha pasaxe formada por un fato de rapaces do hospicio daquela cidade, que foron previamente inmunizados e serviron de receptáculos viventes dos anticorpos antivariólicos, rematando en Lisboa o 14 de agosto de 1806. Está considerada como a primeira expedición sanitaria internacional na historia, e conseguiu vacinar a centos de miles de persoas para protexelas do temido mal.


Antecedentes[editar | editar a fonte]

No último cuarto do século XVIII, durante o momento de maior extensión do virus da varíola en Europa, un médico rural inglés, Edward Jenner, observou que as mulleres que recollían o leite adquirían ocasionalmente unha enfermidade dos ubres das vacas coñecida como varíola das vacas ou varíola vacúa (en ingés, cowpox) polo contacto continuado con estes animais; esta enfermidade, benigna, caracterizábase pola aparción dunhas pústulas nas mans, semellantes ás da mortífera varíola humana. Pero o máis importante é que estas mulleres non enfermaban da varíola humana.

Jenner pensou que quizais a varíola vacúa e a humana fosen enfermidades semellantes, e que quizais a infección da primeira producira nos homes defensas capaces de evitar a varíola humana, e comezou a investigar nesta dirección e, no ano 1796 arriscouse a realizar a proba definitiva. Inoculou pus procedente de pústulas da varíoloa vacúa a James Phipps, un neno de 8 anos. O pequeno amosou síntomas leves da infección. E seis semanas máis despois inoculou deliberadamente ao rapaz coa propia varíola humana. O arriscado ensaio foi un completo éxito: o mociño presentou unha leve reacción, pero non enfermou da temida varíola. Outros nenos inoculados responderon igualmente ben.

Estes resultados publicounos Jenner en 1798, e xa en decembro de 1800 chegara a vacina a España, concretamente a Puigcerdà, da man do doutor Piguillem. Tanta celeridade, nun tempo en que as novas viaxaban a cabalo ou en barco de vela dá unha idea da gravidade dos feitos, e do entusiasmo co que algúns médicos acolleron un posíble remdio contra a terrible doenza.

A decisión do rei[editar | editar a fonte]

Os territorios da coroa española en América contra 1800.
Estatua de Carlos IV de Manuel Tolsá, Cidade de México.

En 1803, cinco anos despois da publicación do descubrimento de Jennner, o rei de España, Carlos IV, aconsellado polo seu médico da corte, o doutor Balmis, mandou organizar esta Expedición Filantrópica, para estender a vacina a todos os dominios de Ultramar.

Ademais, en 1805 promulgaou unha Real Cédula mandando que en todos os hospitais se destinara unha sala para conservar o fluído vacún.

Un dos principais problemas que se presentaron á hora de idear a expedición foi como facer para que a vacina resistira todo o traxecto en perfecto estado. A solución ocorréuselle ao mesmo Balmis:

Levar na viaxe a un número de nenos, dos que dous deles eran inoculados co material obtido das pústulas dos vacinados a semana anterior.

Desenvolvemento[editar | editar a fonte]

Monumento na rúa do Parrote, no porto da Coruña, en homenaxe aos nenos orfos que partiron na expedición.

Os protagonistas[editar | editar a fonte]

A operación comezou co frete da goleta María Pita, que levaba a 22 nenos orfos (de entre 3 e 9 anos, e que aínda non padeceran a enfermidade) que serían inoculados durante a viaxe co obxectivo de manter a vacina viva no seu corpo; o propio Balmis, que iba ao mando; un prestixioso cirurxián, José Salvany, o seu segundo; dous axudantes, dous practicantes, tres enfermeiros e a reitora do orfanato, Casa de Expósitos da Coruña, dona Isabel Sendales e Gómez[1]


Pódese entender globalmente como "unha caravana infantil con rumbo ao Novo Mundo para transportar a vacina e prever as epidemias de varíolas. Dando como resultado unha das viaxes máis estrañas que tivo como protagonista á medicina e á ciencia no século XIX».[2]

Lista dos membros da expedición:[editar | editar a fonte]

Nenos da Casa de Expósitos: Vicente Ferrer (7 anos), Pascual Aniceto (3 anos), Martín (3 anos), Juan Francisco (9 anos), Tomás Metitón (3 anos), Juan Antonio (5 anos), José Jorge Nicolás de los Dolores (3 anos), Antonio Veredia (7 anos), Francisco Antonio (9 anos), Clemente (6 anos), Manuel María (3 anos), José Manuel María (6 anos), Domingo Naya (6 anos), Andrés Naya (8 anos), José (3 anos), Vicente María Sale y Bellido (3 anos), Cándido (7 anos), Francisco Florencio (5 anos), Gerónimo María (7 anos), Jacinto (6 anos) e Benito Vélez (fillo aporfillado de Isabel Sendales Gómez)[3].


Percorrido da expedición.

Canarias e Venezuela[editar | editar a fonte]

Como quedou dito, a expedición partiu do porto da Coruña o 30 de novembro de 1803. A misión conseguiu levar a vacina até as illas Canarias, Colombia, Ecuador, Perú, México, as Filipinas e China[4].

O barco levaba instrumental cirúrxico e instrumentos científicos, así como 500 exemplares da tradución que Balmis fixera do Tratado práctico e histórico da vacina, de Moreau de Sarthe, para ser distribuído polas comisións de vacinación que se fundaran.

Balmis e os seus rapaces fixeron escalas nas Illas Canarias, en Porto Rico (onde non precisou vacinar á poboación, xa que que a vacina fora levada á illa desde a colonia danesa de San Tomé, percorreron toda a illa de Cuba e chegaron a Guaira, no norte da actual Venezuela, preto de Caracas. Alí a expedición dividiuse, por mor das graves epidemias que asolaban América do Sur.

José Salvany, o segundo cirurxián, penetrou no Vicerreinado de Nova Granada (actuais Panamá, Colombia, Ecuador e Venezuela), e no Vicerreinado do Perú (que comprendía o Perú, o Alto Perú —a actual Bolivia— e a Capitanía Xeneral de Chile).

Levoulle sete anos percorrer o territorio e os esforzos da viaxe leváronse a vida do propio Salvany, que morreu en Cochabamba en 1810 cando intentaba levar a vacina até Bos Aires (capital do Vicerreinado da Prata).

Balmis, pola súa banda, volveu a Caracas, e despois á Habana. O poeta local venezolano Andrés Bello escribiu unha Oda a Balmis.

Nova España[editar | editar a fonte]

No territorio do actual México, Balmis colleu 25 orfos para que mantiveran a vacina viva durante a travesía do Océano Pacífico, a bordo do navío Magallanes. Partiron do porto de Acapulco rumbo a Manila o 8 de febreiro de 1805.

Capitanía Xeneral de Filipinas[editar | editar a fonte]

Nas Filipinas a expedición recibiu unha importante axuda da Igrexa para organizar as vacinacións de indíxenas. Finalmente, Balmis descartou volver a terras mexicanas co groso da expedición e seguiu avanzando cara a China.


Percorrido da expedición nas Filipinas.

China[editar | editar a fonte]

Coñecendo que a vacina non acadara a China, Balmis solicitou e foille concedido o permiso para marchar cara Macao, partindo de Manila o 3 de setembro de [[1805].

Balmis arribou finalmente tras unha accidentada viaxe á colonia portuguesa de Macau, e o 5 de outubro dese mesmo ano entrou en territorio chinés vacinando até chegar á provincia de Cantón (Guangzhou).[5]


Regreso á metrópole[editar | editar a fonte]

No seu camiño de volta a España, Balmis conseguiu convencer ás autoridades británicas da illa de Santa Helena, no Atlántico sur 1806 para que colleran a vacina.

Finalmente, desembarcou do Francisco Xavier en Lisboa, o 14 de agosto de 1806.

Aínda tivo tempo o doutor, antes da súa morte en Madrid o 12 de febreiro de 1819, de facer outra expedición científica á China.


O propio descubridor da vacina da varíola Edward Jenner escribiu en 1806 sobre a expedición:

Non podo imaxinar que nos anais da Historia se proporcione un exemplo de filantropía máis nobre e máis amplo que este.

E o grande Humboldt escribiu en 1825:

Esta viaxe permanecerá como a máis memorable nos anais da historia.

A expedición na ficción[editar | editar a fonte]

Julia Álvarez escribiu un relato de ficción sobre a expedición dende a perspectiva do único membro muller, a reitora do orfanato da Coruña, en Saving the World (Para salvar o mundo) (2006), ISBN 978-1-56512-510-0 (tradución ao castelán: Para salvar el mundo, Alfaguara, ISBN 978-84-204-7100-6).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. De Romo, Ana Cecilia Rodríguez (1997). «Inoculation in the 1799 smallpox epidemic in México: Myth or real solution?». Antilia: Spanish Journal of History of Natural Sciences and Technology.
  2. Con estas palabras comeza o libro de Díaz de Yraola, Gonzalo: La vuelta al mundo de la expedición de la vacuna (A volta ao mundo da expedición da vacina). Sevilla. Escuela de Estudios Hispanoamericanos, C.S.I.C. 1948, p. 1.
  3. (pax. 30).
  4. McIntyre, John W.R. MB BS; e Houston, C. Stuart MD (1999). «Medicine in Canada: Smallpox and its control in Canada». Canadian Medical Association Journal 161 (12), 1543–1547. PMID 10624414.
  5. Balaguer Perigüell, Emilio y Ballester Añon, Rosa. «En el nombre de los Niños. Real Expedición Filantrópica de la Vacuna 1803–1806», pp. 165–170.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]