Raymond Kurzweil

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Raymond Kurzweil
Nacemento12 de febreiro de 1948
Lugar de nacementoQueens
NacionalidadeEstados Unidos de América
Relixiónateo
Alma máterInstituto de Tecnoloxía de Massachusetts e Martin Van Buren High School
Ocupacióninventor, informático teórico, emprendedor, escritor, escritor de ciencia ficción, científico, futurist, investigador da intelixencia artificial e filósofo
FillosAmy Kurzweil
PremiosPrêmio Grace Murray Hopper, Prêmio Lemelson–MIT, Medalha Nacional de Tecnologia e Inovação, Salón da Fama dos Inventores Nacionais, Prêmio Dickson de Ciências, Prêmio Dickson, membro da ACM e Migel Medal
Na rede
https://www.thekurzweillibrary.com/
IMDB: nm0961244 Allocine: 487804 Allmovie: p618076
TED: ray_kurzweil Musicbrainz: 71fdb1af-cc64-4cfe-8b25-91dc296f382b Discogs: 1072031 WikiTree: Kurzweil-16 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Raymond Kurzweil, nado en Queens (Nova York) o 12 de febreiro de 1948, é un pioneiro nos eidos do recoñecemento óptico de caracteres (OCR), síntese de texto-voz, das tecnoloxías para o recoñecemento da fala e dos instrumentos electrónicos de teclados. É autor de varios libros sobre intelixencia artificial e transhumanismo, entre eles: A era das máquinas intelixentes (The Age of Intelligent Machines) e A Singularidade está próxima: cando os humanos sobrepasen a bioloxía (The Singularity Is Near: When Humans Transcend Biology.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Ray (como é coñecido familiarmente) Kurzweil naceu e criouse en Queens, Nova York. Cando tiña doce anos escribiu o seu primeiro programa informático no que analizaba patróns de composicións musicais. Con este proxecto gañou o primeiro premio dunha feira internacional de Ciencia, sendo un dos 40 “talentos” que puideron visitar o presidente Lyndon Johnson. Na súa xuventude foi un ávido lector de ciencia ficción. En 1970, ós vinte e dous anos, licenciouse no MIT en ciencias computacionais e literatura.

In 1974, Ray comezou a súa primeira grande empresa, Kurzweil Computer Products, Inc. (KCP) co propósito de perseguir os seus intereses no recoñecemento de patrons e abordar o problema non resolto de aprenderlle a un computador a identificar caracteres impresos ou tipografados con independencia da tipografía ou calidade da impresión. Os sistemas existentes só recoñecían determinadas fontes (e.g., Courier, OCR A). Ray Kurzweill e os seus colegas conseguiron que o ordenador extraese as calidades abstractas das formas das letras, definindo as súas propiedades esenciais.

Kurzweil e o seu equipo foron os creadores do primeiro recoñecedor óptico de caracteres de calquera tipo de fonte, do primeiro lector-conversor de letra impresa a voz para cegos, o primeiro escáner CCD flat-bed, o primeiro sintetizador de texto-voz completo, e combinaron estas tres tecnoloxías no que foi a primeira Máquina Lectora Kurzweil (a KRM) texto-fala para cegos. A KRM foi presentada nunha rolda de prensa o 13 de xaneiro de 1976 cuberta polos máis importantes medios de prensa e televisión americanos. En 1980 Kurzweil vendeu a súa compañía a Xerox que viu no escáner e na tecnoloxía OCR o camiño cara á electrónica.

En 1982 creou Kurzweil Music Systems que desenvolvería con Stevie Wonder como asesor musical o primeiro instrumento de síntese musical electrónica capaz de recrear o son do piano de cola e outros instrumentos orquestrais. Grazas á tecnoloxía desenvolvida, calquera rapaz pode dende aquela tocar todos os instrumentos dunha banda de rock ou dunha orquestra dende o seu cuarto. En 1990 vendería esta empresa a unha importante compañía coreana de instrumentos, a Young Chan.

Ó mesmo tempo que fundara a empresa de sistemas musicais Ray Kurzweil tamén comezara a Kurzweil Applied Intelligence en 1982 co obxecto de desenvolver o recoñecemento de voz a través do computador. Froito da investigación neste terreo introduciu o primeiro sistema de recoñecemento lingüístico comercializado cun vocabulario extenso. A empresa foi vendida en 1997 a Lernout & Hauspie (L&H).

En total, Kurzweil é o fundador de nove empresas nos campos do OCR, da síntese electrónica de música, do recoñecemento da fala, da tecnoloxía de lectura, de realidade virtual, de simulación médica, investimento fincanceiro e arte cibernética.

Tamén é o creador dunha alter ego de 25 anos, Ramona, coa que actúa virtualmente para ilustrar as posibilidades dos computadores para a interacción interpersoal. Este proxecto inspirou a trama da película S1mOne.

Filosofía[editar | editar a fonte]

Como experto que é en tecnoloxías de sistemas de sinal e en intelixencia artificial, Ray Kurzweil pertence ó grupo de tecnólogos que tende a mostrarse optimistas con relación ó desenvolvemento da civilización humana. Kurzweil cre firmemente na posibilidade do melloramento humano a través dos avances científicos e técnicos. Neste sentido, subscribe posicións futuristas favorables ó estudo desprexuizado da intelixencia artificial.

Segundo a súa visión do futuro da humanidade, a fusión dos humanos e das máquinas é inescapable de maneira que nun futuro próximo poderiamos asistir, segundo as súas predicións, á supresión das barreiras entre o biolóxico e o artificial. A súa crenza sostena na expansión exponencial do coñecemento. O propio ritmo de cambio dese crecemento exponencial dirixirá, segundo a súa teoría, o noso destino colectivo independentemente da miopía que amosemos, de que nos aferremos ó pasado ou de que queiramos ou non cambiar. A nosa evolución biolóxica, segundo Kurzweil está a piques de ser suplantada pola nosa evolución tecnolóxica.

Segundo as previsións de Kurzweil estamos a asistir nos comezos do século XXI á saída dun mundo no que a bioloxía humana aínda nos é próxima e estamos entrando na era posthumana na que os coñecementos de bioquímica, neuroloxía e cibernética nos permitirán reconstruír totalmente os nosos corpos e mentes. A idea central é que as novas tecnoloxías cambiarán radicalmente o que significa ser "humano". A súa última posición con relación ás máquinas e a tecnoloxía é máis precavida cá dalgún dos seus colegas tecnofilicos, achegándose en certa maneira á tradición distópica que imaxina un futuro non só dominado por máquinas e subordinado a elas senón a propia desaparición do espírito humano.

Premios e recoñecementos[editar | editar a fonte]

Ray Kurzweil recibiu numerosos premios e recoñecementos públicos. No 2002 foi postulado para o Vestíbulo da fama de Inventores Nacionais establecido pola Oficina de Patentes dos Estados Unidos. Recibiu o Premio Lemelson-MIT dotado con 500,000$, o maior premio americano dos relacionados coa innovación e a invención. Recibiu así mesmo a Medalla Nacional da Tecnoloxía de 1999, de mans do Presidente Bill Clinton nunha cerimonia celebrada na Casa Branca. É doutor “honoris causa” por 12 universidades e recibiu 7 premios nacionais e internacionais polos seus filmes. The Age of Spiritual Machines foi traducida a 9 linguas.

Obras[editar | editar a fonte]

Ningunha das súas obras foi publicada en galego.

  • A era das máquinas intelixentes. (1990)
  • A solución do 10% para unha vida saudable. (1994)
  • A era das máquinas espirituais: cando os computados superen a mente humana. (1999)
  • A viaxe fantástica. Vive abando para poder vivir para sempre. (2004)
  • A Singularidade está próxima: cando os humanos sobrepasen a bioloxía. (2005)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]