Ramiro Iglesias

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ramiro
Información persoal
Nome José Ramiro Iglesias Covelo
Nacemento 1 de setembro de 1963 (60 anos)
Lugar de nacemento A Coruña
Altura 1,71 m.
Posición Centrocampista
Carreira xuvenil
Deportivo da Coruña
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1980–1986 Fabril
1983–1984 Calvo Sotelo 18 (0)
1984–1985 Pontevedra 30 (1)
1980–1982 Deportivo da Coruña 2 (0)
1986–1988 Lugo 66 (12)
1988–1990 Xuventude Cambados 31 (3)
1990–1992 As Pontes 79 (13)
1992–1994 Lugo 66 (4)
1994–2001 As Pontes 108 (19)
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

José Ramiro Iglesias Covelo, nado na Coruña o 1 de setembro de 1963, é un exfutbolista galego que xogaba na demarcación de centrocampista.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Formouse nas categorías inferiores do Deportivo da Coruña, debutando co Fabril na tempada 1979/80, na Terceira División. Debutou co primeiro equipo do Deportivo o 26 de outubro de 1980, con 17 anos e 55 días, nun derbi contra o Celta de Vigo en Balaídos, no que tivo que ser substituído no minuto 24 por lesión.[1]

Na seguinte campaña debutou na Segunda División, nunha derrota a domicilio fronte o Burgos CF (0–1). En xaneiro de 1984 saíu cedido ao Calvo Sotelo de Puertollano, co que xogou ata final de tempada na Segunda División B, logrando o ascenso a Segunda. Na campaña seguinte foi cedido ao Pontevedra de José Luis Viñas, onde disputou 40 partidos.[2] Na tempada 1985/86 disputou unha última campaña co Fabril antes de deixar o club.

Fichou entón polo Lugo, co que miitou dúas tempadas na Segunda B, sendo o máximo goleador do equipo na segunda delas, 1987/88, con 10 tantos. Na tempada seguinte fichou polo Xuventude Cambados, que se reforzou con outros xogadores como Millán, Dibuja, Bericat, Marsillas, Collazo, Domingo ou Pupi, para tentar o ascenso á Segunda División B.[3] O obxectivo cumpriuse, acabando o equipo campión do seu grupo, con 13 puntos de vantaxe sobre o Xuvenil de Ponteareas, e Ramiro xogou unha tempada máis co club cambadés en Segunda B.

Entre 1990 e 1992 xogou co Endesa As Pontes na Segunda B, sumando un total de 14 goles en 88 partidos. Na tempada 1992/93 xogou co Lugo na Segunda División, na primeira tempada da historia do club lucense en dita categoría. Disputou 31 partidos e marcou 2 goles, e o Lugo acabou descendendo ao remate da campaña. Militou outra tempada no club branco e vermello, antes de regresar en 1994 ao Endesa As Pontes, no que xogou durante os seguintes sete anos, ata 2001.[4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Volvió a ganar el Celta". La Voz de Galicia (en castelán). 28 de outubro de 1980. p. 31. 
  2. "El Pontevedra, en Vitoria". La Voz de Galicia (en castelán). 30 de setembro de 1984. p. 40. 
  3. "El Cambados tratará de conseguir el ascenso a Segunda División B la próxima temporada". La Voz de Galicia (Pontevedra ed.). 27 de xullo de 1988. p. 33. 
  4. "El centrocampista Ramiro retoma a la plantilla pontesa". La Voz de Galicia (en castelán) (Ferrol ed.). 14 de xuño de 1994. p. 44.