Ramón Vilar Ponte

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Ramón Vilar Ponte, nado en Viveiro o 10 de xullo de 1890 e falecido na Coruña o 14 de setembro de 1953, foi un dos máis importantes ensaístas das Irmandades da Fala, xunto ao seu irmán Antón.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Ramón Vilar Ponte publicou artigos en El Pueblo Gallego

Fixo o bacharelato por libre e examinouse no Instituto de Lugo. Estudou Filosofía e Letras na Universidade de Madrid entre 1912 e 1916, regresando a Galicia ao licenciarse. Dedicouse profesionalmente ao ensino privado e ao xornalismo. En 1921 accedeu á dirección do xornal ferrolán El Correo Gallego; foi correspondente de El Sol e La Voz de Madrid e colaborou tamén en Galicia e El Pueblo Gallego de Vigo.

Organizou, xunto con Xaime Quintanilla, a Irmandade da Fala de Ferrol e foi o redactor dos seus boletíns. En 1921 o grupo de Ferrol fundou a editorial Céltiga, a primeira editorial nacionalista na que Ramón era xerente. En 1922 trasladouse a Viveiro onde creou o grupo nacionalista como Subdelegación da Delegación da ING en Ferrol. En 1927 ingresou no Seminario de Estudos Galegos.

Coa proclamación da Segunda República foi alcalde de Viveiro de abril a outubro de 1931.

En 1936 culminou a iniciativa do seu irmán Antón coa fundación, en Santiago de Compostela, da Asociación de Escritores de Galicia.

Ingresou na Real Academia Galega en 1951 cun discurso titulado "A Xeración do 16".

Os fondos da biblioteca de Ramón Villar Ponte e do seu irmán Antón están no Parlamento de Galicia dende o ano 2001, cando foron adquiridos xunto co seu arquivo persoal. A colección está composta por 1216 volumes de monografías e alberga ademais 43 títulos de revistas, xunto con obras propias e un importante conxunto de documentación de carácter político, especialmente referido á actividade dos partidos galeguistas entes da guerra civil. Destacan preto de cen títulos impresos antes de 1900, entre os que hai obras do Padre Feijoo e algunhas primeiras edicións das de Murguía.[1]


Predecesor:
José Santiago Seijo
Escudo Viveiro.jpg
Alcalde de Viveiro

1931
Sucesor:
-

Obra[editar | editar a fonte]

O seu libro Doctrina nazonalista (1921) constitúe o primeiro tratado teórico do nacionalismo galego.

  • O sentimento nazonalista e o internazonalismo (discurso de ingreso no SEG), publicado en 1929 como serie de artigos n' A Nosa Terra.
  • Historia sintética de Galicia, A Coruña, 1927.
  • Breviario da autonomía, Santiago, 1933.
  • Nicomedes Pastor Díaz, unha existencia exemplar.

Traducións[editar | editar a fonte]

  • Teatro irlandés. Dous folk-dramas de W. B. Yeats (con Ramón Vilar Ponte e P. R. Castro), Santiago, 1935.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. O pazo do Hórreo na web do Parlamento de Galicia

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]