Ramón Garrido Vidal

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ramón Garrido Vidal
Nacemento24 de maio de 1915
Lugar de nacementoO Grove
Falecemento14 de xaneiro de 1995
Lugar de falecementoLes Lilas
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónmilitar e político
editar datos en Wikidata ]

Ramón Garrido Vidal, coñecido na clandestinidade como León Carrero Mestre, nado no Grove o 24 de maio de 1915 e finado en Les Lilas (Sena-San Denis) o 14 de xaneiro 1995, foi un militar e político galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Para fuxir da situación de escaseza e miseria propia de moitos pescadores do Grove, e dado que pola súa idade (15 anos) non podía ingresar na Mariña de Guerra, solicitou o ingreso na Escola Aeronaval de Barcelona despois de pasar un exame-concurso na Comandancia de Vilagarcía e obter o número un entre os candidatos. Porén, a falta de crédito, obrigou a pechar a Escola.

Cando estalou a sublevación do 18 de xullo de 1936, con outros mozos da súa vila, trasladouse a Pontevedra para facer fronte á rebelión militar na capital da provincia. A negativa do Gobernador civil a entregarlle as armas os veciños fíxoos volver de novo ao Grove pasando á clandestinidade para evitar ser "paseado" polos falanxistas.

Mobilizado en setembro de 1936, foi asignado ao 102º Batallón da División 105 do Corpo do Exército de Marrocos. A súa unidade mantívose na reserva até outubro de 1937 e nese momento conseguiu evadirse e pasarse ao exército da república na fronte de Jaulin (Aragón).

Ingresou na 151ª Brigada Mixta da República. Participou na batalla de Teruel (Fronte de Serra Palomera) como delegado de compañía. Despois na defensa das costas catalás entre Castelló de Ampuries e Llansa. Foi comisario de compañía (capitán) na batalla do Ebro (zona de Tortosa).

En febreiro de 1939 cruzou a fronteira para ser desarmado inmediatamente e internado no campo de concentración de Argelès. En xuño de 1939 foi trasladado ao campo de Barcarès onde foi responsable de catro cuarteis subterráneos dos presos. En xaneiro de 1940 converteuse en membro da 211ª Compañía de traballadores (CTE) en St Médard en Jalles. En xuño dese ano foi trasladado de novo ao campo de Argelès. En xaneiro de 1941 foi trasladado ao campo de Elne. En xullo dese ano foi trasladado ao campo de St. Pierre en Brest.

En xaneiro de 1942 fuxiu do campo de Brest e pasou a ser o responsable da organización clandestina española de Lorient. Foi nomeado responsable clandestino dos departamentos de Finistère, Côtes du Nord, Morbihan, Sarthe e Loire Inférieure.

O 30 de novembro de 1942 foi detido en París nunha gran redada na que caeron moitos combatentes antifascistas españois en Francia, entre eles Josep Miret i Musté, exsecretario de Estado da Generalitat de Cataluña. En decembro foi internado na cadea de la Santé. En decembro do ano seguinte foi trasladado ao cárcere de Eysses. En xuño de 1944 foi deportado polas SS (Division SS Das Reich) ao campo de concentración de Dachau. En xullo formaba parte do kommando de Landsberg-Kaufering. En abril de 1945 estaba no kommando de Allach.

O 30 de abril 1945 foi liberado deste campo de concentración. Pola súa loita na liberación de Francia foi nomeado capitán dos Francotiradores e Partisanos Franceses (FTPF).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]