Raimundo Fernández Villaverde

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Raimundo Fernández Villaverde.

Raimundo Fernández Villaverde y García del Rivero, nado en Madrid o 20 de xaneiro de 1848 e falecido o 15 de xullo de 1905, foi un político español presidente en dúas ocasións do Goberno español. Así mesmo, ostentou o título de Marqués de Pozo Rubio.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fernández Villaverde estudou bacharelato no Instituto de San Isidro e posteriormente Dereito na Universidade Central de Madrid, onde con 21 anos se licenciou, especializándose en Dereito mercantil e Facenda pública. Tras alcanzar o grao de doutor, foi nomeado profesor supernumerario da devandita Universidade. Afiliado ao Partido Conservador, logrou a acta de deputado polo distrito de Caldas nas eleccións celebradas o 15 de setembro de 1872, polas que Serrano foi nomeado Presidente do Consello de Minsistros.

Xa durante a Restauración, en 1877 foi nomeado director xeral de Administración local e no seguinte ano da Intervención Xeral da Administración do Estado. O 22 de marzo de 1880 foi nomeado subsecretario con Fernando Cos Gayón como titular de Facenda, cargo no que cesou o 10 de febreiro de 1881, após a chegada ao goberno de Sagasta. O 31 de marzo de 1884 foi nomeado gobernador civil de Madrid. O 11 de xullo de 1885 foi nomeado Ministro de Gobernación logo da súa polémica actuación ante a negativa dos comerciantes a cumpriren as medidas decretadas polo Goberno para facer fronte á epidemia de cólera existente na capital. Abandonou o ministerio o 25 de novembro de 1885, cando o falecemento de Alfonso XII, Cánovas cedeu o goberno a Sagasta.

En 1888 foi nomeado membro da Real Academia de Ciencias Morais e Políticas, lendo un discurso titulado Consideraciones histórico-críticas acerca del sufragio universal como órgano de la representación política en las sociedades modernas. Tras a volta en xullo de 1890 dos conservadores ao goberno, Fernández Villaverde foi nomeado Ministro de Graza e Xustiza. Como membro da facción silvelista do Partido Conservador, dimitiu, como Dato, cando se produciu o enfrontamento entre Romero e Silvela. O 15 de decembro de 1898 foi elixido membro da Real Academia Española. Porén, por vicisitudes varias non puido tomar posesión ata o 23 de novembro de 1902 cun discurso sobre a poesía española do século XV. Como consecuencia de todo isto, Fernández Villaverde non volvería ocupar cargos relevantes ata 1899, unha vez que Cánovas faleceu e Silvela acadou o liderado do Partido Conservador, que brevemente se denominou Unión Conservadora.

Na formación do primeiro Goberno tras a paz estadounidense, o 4 de maio de 1899, Fernández Villaverde ocupou a carteira de Facenda, so presidencia de Silvela. No 17 de xuño dese ano presentou a lei de orzamentos do exercicio 1899-1900. En setembro do mesmo 1900 foi votado como Presidente do Congreso e substituído en Facenda por Manuel Allendesalazar. O 6 de decembro de 1902 volverían os conservadores ao poder con Silvela de presidente e Fernández Villaverde como Ministro de Facenda. Non obstante, diverxencias en torno á reconstrución da escuadra e o seu efecto sobre o equilibrio orzamentario motivaron a súa dimisión e posterior substitución por Faustino Rodríguez de San Pedro. Logo das eleccións de maio de 1903, volveu Fernández Villaverde á presidencia do Congreso. Porén, a súa permanencia neste posto sería efémera, pois após a dimisión de Silvela, o 18 de xullo de 1903, Fernández Villaverde sería nomeado Presidente do Goberno con Augusto González Besada ocupando a carteira de Facenda. A súa situación foi abondo complicada, pois xunto a oposición dos liberais habería que sumar a argallada caladamente por Silvela, Maura e os seus adeptos, todos correlixionarios seus. Perante tal situación resolveu dimitir sendo substituído na Presidencia do Goberno por Maura. Voltaría a ocupar a Presidencia do Gobierno o 27 de xaneiro de 1905. Malia todo, a oposición contra o goberno da maioría dos deputados do seu partido obrigouno a manter as Cortes pechadas. A reapertura destas e as derrotas sufridas no Senado, o 17 de xuño, e no Congreso o día 20 de xuño precipitarían a súa dimisión ocorrida o 21 de xuño de 1905. Apenas un mes despois falecería na capital do Reino.


Predecesor:
Francisco Silvela
Presidente do Consello de Ministros de España
1903
Sucesor:
Antonio Maura
Predecesor:
Marcelo de Azcárraga
Presidente do Consello de Ministros de España
1905
Sucesor:
Eugenio Montero Ríos

Véxase tamén[editar | editar a fonte]