Rafael López de Haro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Rafael López de Haro
Nome completoRafael López de Haro y Moya
Nacemento5 de xullo de 1876
Lugar de nacementoSan Clemente
Falecemento21 de marzo de 1967
Lugar de falecementoMadrid
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónescritor, notario, dramaturgo, novelista e político
PremiosCruz de Honra da Orde de San Raimundo de Peñafort
editar datos en Wikidata ]

Rafael López de Haro, nado en San Clemente (provincia de Cuenca) o 5 de xullo de 1876 e finado en 1967, foi un escritor e dramaturgo español.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Foi o noveno e derradeiro fillo dunha familia pobre, fillo dun xuíz. Viviron en Asturias e Galicia, e estudou o bacharelato en Cuenca a expensas dun irmán avogado. Trala morte deste comezou a traballar como segundo escribente en Obras Públicas.

Estudou Dereito por libre na Universidade Central, e sacou oposicións a notarías, sendo destinado a Blancas (Murcia). Foi acadando postos mellores e destinado a Cidade Real e Pontevedra durante a primeira guerra mundial. Estando nesta cidade entrou en política, indignado porque o asasino dun cacique non atopaba avogado defensor. Entrou no Partido Liberal-Conservador, de Antonio Maura, e presentouse ás eleccións xerais mais non foi elixido. Despois foi nomeado gobernador civil das provincias de Segovia, Albacete e Sevilla. Despois retomou notarías en Zaragoza, Barcelona e Madrid, onde se xubilou.

Obra[editar | editar a fonte]

Publicou 27 novelas longas e unhas cen curtas, amais de vinte comedias, versos, ensaios e artigos xornalísticos. Algunhas das súas novelas foron traducidas ao inglés, alemán e italiano, e foron adaptadas ao cinema. A máis vendida foi Adán, Eva y yo (1939), se ben a preferida do autor foi Alonso Quijano (1959), aínda que non tivo boa acollida. Cultivou a novela erótica. Antonio Maura quixo que o escritor ingresase na Real Academia Española, da que era director, mais finou en 1925 antes de conseguilo.

Comezou a publicar nun semanario local e versos na revista Madrid Cómico. Como xornalista colaborou no diario gráfico Ahora e na revista Renovación Española, órgano do partido monárquico e conservador do mesmo nome. Na súa estancia en Cidade Real colaborou no periódico La Tribuna.

A súa primeira novela foi En un lugar de la Mancha (1906), de carácter naturalista e de temática violenta, seguindo a liña de autores como Felipe Trigo. Adoitaba utilizar un léxico cultista e usos metafóricas propios do modernismo. As súas novelas curtas apareceron nas coleccións El cuento semanal, La novela corta, Contemporáneos, La novela semanal e La novela de hoy, se ven algunhas delas foron vetadas pola súa temática social.

Dividiu a súa produción narrativa en tres grupos: "novelas da vida" (En un lugar de La Mancha, Dominadoras, Impiedad, Batalla de odios, La novela del honor, Poseída, El país de los medianos, ¡Muera el señorito!, Los nietos de los celtas (adaptada ó cine), El más grande amor, Un hombre solo, ¿Y después?, Por el amor se va e Eva libertaria), "novelas da carne" (El salto de la novia, Floración, Entre todas las mujeres, La imposible, Las sensaciones de Julia, La venus miente, Fuego en las entrañas e Yo he sido casada) e "novelas das almas" (Sirena, Ante el Cristo de Limpias, Un hombre visto por dentro, Adán, Eva y yo, Interior iluminado e Entredós).

Escribiu tamén pezas teatrais como Ser o no ser, Entre desconocidos (estreada por María Guerrero en América e por Rosario Pino en España), Una puerta cerrada, Una conquista difícil e Una ventana al interior. Entre os seus ensaios destaca Su majestad, el individuo.

Realizou o guión de Miss Ledyia, o primeiro filme de ficción galego que se coñece, dirixido en 1916 por Xosé Gil y Gil.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • "Rafael López de Haro", artigo de Luis de Armiñán en Abc no 90 aniversario do escritor, 5 de xullo de 1966, p. 10-11.
  • "Escritores olvidados", artigo en Abc, 18 de novembro de 1969, p. 111.
  • Torrente Pérez, Diego (1975): Documentos para la historia de San Clemente.