Río Gállego

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Río Gállego
PaísEspaña
NacementoCol de Aneu
Lonxitude215 km
Conca8.903 km²
DesembocaduraRío Ebro
O Gállego xúntase ao Ebro no curso medio deste]]
Xangada de madeira no río Gállego

O río Gállego é un curso fluvial aragonés, afluente do Ebro pola beira esquerda, ao que se une preto de Zaragoza despois de 215 km de curso.

Percorrido[editar | editar a fonte]

O Gállego nace no Col de Aneu, ao norte de Sallent de Gállego, a 2.200 metros de altitude, cerca do colado do Portalet (Val de Tena), nos Pireneos oscenses.

No seu curso superior recibe xa os seus principais afluentes: o Aguas Limpias (regulado polo encoro de Sarra), o Caldares, o Escarra e máis o río Aurín, que son os que determinan en boa medida o caudal e as características do río Gállego.

Talla as serras prepirenaicas na foz de Santa Elena e pasa por Sallent, e cerca de Panticosa e Sabiñánigo. Desde este último lugar comeza a formar un amplo cóbado até a localidade de Triste, para desde aquí tornar outra vez ao seu sentido xeral de marcha N-S, que mantén até desaugar no Ebro. No curso medio e baixo recolle augas dos ríos Guarga, Asabón e máis o Sotón, que son de moi escaso caudal.

Encoros[editar | editar a fonte]

O Gállego está regulado polos encoros de Fornigal, Lanuza, Búbal, Encoro de Sabiñanigo, La Peña e máis o de Ardisa, os primeiros de produción hidroeléctrica e os dous últimos presas de regadío.

Nome[editar | editar a fonte]

O Gállego foi denominado Flumen Gallicum na época romana, porque se coidaba que nacía na Gallia. En aragonés medieval documéntase xa como Galleco, e na época de repoboación con gascóns tamén foi coñecido como Gareco.