Río Barcés

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Río Barcés
PaísEspaña
RexiónGaliza
NacementoCerceda
DesembocaduraEncoro de Abegondo - Cecebre
Concas fluviais do Barcés e do Mero

O río Barcés é un curso fluvial da provincia da Coruña que nace no concello de Cerceda e desemboca no encoro de Cecebre.

O curso alto, chamado aínda rego Barcés, é tributario do lago das Encrobas. Dende aí traza un percorrido en dirección nordés até confluír co río Mero en Orto, Abegondo, a unha altitude de 40 metros sobre o nivel do mar, onde ambos forman o encoro de Abegondo - Cecebre[1], espazo declarado zona especial de conservación (ZEC).

O Barcés é o principal dos colectores secundarios da conca do río Mero, e recolle as augas da aba meridional dos montes do Xalo e das terras de Cerceda.

Ecoloxía: flora e fauna[editar | editar a fonte]

O comezo do río Barcés atópase nun bosque ripario (vexetación típica das ribeiras de ríos e regatos)[2] de salgueiros e ameneiros. Cara ao fondo do río apréciase un aumento da vexetación, formando un bosque de ribeira, que medra nun espazo estreito e longo estendéndose en paralelo ao curso da auga. Nese último treito destaca a presenza do chopo negro.[3]

Este bosque de ribeira é hoxe un enorme ecosistema de algo máis de mil hectáreas con aproximadamente 800 000 árbores (medio millón foron plantadas nos últimos anos): bosques de carballos, castiñeiros, ameneiros, salgueiros... que se reproducen polos seus extremos. Están catalogadas actualmente 862 especies de animais e vexetais, segundo o estudo da Estación de Hidrobioloxía Encoro do Con, da Universidade de Santiago. Nunha excursión de pouco máis dunha hora é posíbel cruzarse (máis ben cruzan eles diante) cunha manda de xabarís, varias aves rapaces, lebres... Tamén hai lobos, raposos, coellos, troitas de gran tamaño, aves migratorias cando é a súa época, e gaivotas.[4]

O corredor ecolóxico do río Barcés[editar | editar a fonte]

Na actualidade, a Reserva da biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo e a Universidade da Coruña, colaboran nun estudo financiado pola "Cátedra de Desenvolvemento Sostíbel Hijos de Rivera-UDC", que ten como obxectivo que o río Barcés e o seu bosque de ribeira funcionen como un corredor ecolóxico que conecte o encoro de Abegondo-Cecebre co lago das Encrobas, contribuíndo á calidade da auga que se consuma na ára da Coruña. Neste raballo, dirixido polos doutores da UDC María José Servia e Jaima Fagúndez, propóñense medidas de mellora do bosque, incluíndo a restauración pasiva por rexeneración natural nas áreas cun nivel medio de degradación, e medidas de reforestación nas áreas moi degradadas.[5]

No traballo avalíase o estado ecolóxico do bosque de ribera do Barcés sobre a base de que existe unha relación directa entre o estado do bosque e o do medio fluvial, a calidade da auga e as comunidades faunísticas, empregando o concepto «o bosque como indicador da saúde do río», establecendo indicadores específicos, así como unha clasificación dos impactos sobre o ecosistema do bosque, definindo medidas para a súa conservación. Os autores, ademais, indican que «a colabroación cos propietarios, a educación e a implicación da sociedade serán indispensábeis nas seguites fases do proxecto».[5]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Embalse de Cecebre: Ríos Mera y Barcés". Guías masmar. Consultado o 7 de xaneiro de 2022. 
  2. Bosque ripario en Infojardín.
  3. "Orde do 14 de setembro de 2012 de aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Abegondo". Arquivado dende o orixinal o 08 de agosto de 2013. Consultado o 25 de agosto de 2013. .
  4. "El lago azul de Cerceda.". La Voz de Galicia. 
  5. 5,0 5,1 Abegondo, La Voz (7 de xaneiro de 2022). "La Reserva y la UCD analizan el bosque de ribera del río Barcés". La Voz de Galicia. Consultado o 7 de xaneiro de 2022. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]