Quimera de Arezzo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Quimera de Arezzo.

A Quimera de Arezzo, escultura de bronce duns 80 cm de altura, é un dos exemplos máis coñecidos da arte etrusca. Foi achada en 1553 en Arezzo, unha antiga cidade etrusca e romana na Toscana, e foi rapidamente reclamada para a colección do Gran Duque de Toscana, Cosme I de Medici, quen a expuso ao público no Palazzo Vecchio, e colocou pezas de bronce de menor tamaño no seu propio estudio no Palazzo Pitti.

O Duque entretíase con gran pracer limpándoas el mesmo, con algunhas ferramentas de ourive.
Benvenuto Cellini. Autobiografía.

A Quimera consérvase na actualidade no Museo Arqueolóxico de Florencia.

Na mitoloxía grega, a monstruosa Quimera devastaba o seu lugar natal, Licia (Turquía), até que a matou o heroe Belerofonte.

Nun principio, os descubridores da estatua en Arezzo pensaron que representaba a un león, debido a que a súa cola, que debera ter (segundo a lenda) a forma dunha serpente, se perdera. Porén, pronto se viu que se trataba da Quimera do mito e, de feito, a cola foi eventualmente recuperada entre outras pezas de bronce, segundo Giorgio Vasari. A actual cola é unha restauración do século XVIII.

A Quimera formaba parte dun aínda maior tesouro de estatuas de bronce enterradas nalgún momento da antigüidade. Encontráronse por casualidade, mentres se construían foxas ás aforas da cidade, xusto na parte exterior da Porta San Laurentino, porén a imaxe de Belerofonte que debería acompañar a quimera non se encontrou. Actualmente, exhíbese unha réplica do mesmo material naquel lugar.

Nunha das patas dianteiras hai unha inscrición que, tras numerosas lecturas, concluíuse que di TINSCVIL, cuxa tradución sería "doada ao deus Tinia", demostrando que a Quimera era un elemento usado para venerar o deus etrusco do día, Tinia.

Notas[editar | editar a fonte]