Queixo do Pico

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Queixo do Pico
Fábrica de queixo na Illa do Pico, en 1947.

O queixo do Pico é un queixo portugués producido na Illa do Pico (Azores), con denominación de orixe protexida a nivel europeo[1] dende o outubro de 1996[2].

A área xeográfica de produción cínguese á Illa do Pico, sendo a denominación de orixe protexida xerida pola chamada Asociación de Produtores de Queixo do Pico. As freguesías da illa con maior tradición na produción deste queixo son S. João, S. Roque, Piedade, Lages e Ribeiras[3].

Trátase dun queixo curado de leite de vaca cru obtido a través do esgotamento vagaroso da callada. A cura debe durar un mínimo 20 días. É un queixo de forma cilíndrica, con diámetros comprendidos entre 16 e 17 cm, e plano, cunha altura de 2 a 3 cm. O seu peso medio está entre 650 e 800 g. A súa textura é irregular, dunha cor branca amarelada, sendo a consistencia pouco mol e pastosa, con buracos polo medio. Posúe un sabor salgado activo e un aroma característico intenso. Presenta unha porcentaxe de graxa entre o 45% e o 49%, podendo ser considerado un queixo graxo, e unha humidade entre o 67% e o 71%.

Non se sabe ao certo cando comezou a ser fabricado o queixo do Pico, mais existen referencias á súa fabricación datando de finais do século XVIII. A forma de preparalo pasou de xeración en xeración até a actualidade.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 13 de maio de 2008. Consultado o 13 de maio de 2009. 
  2. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 13 de xullo de 2011. Consultado o 13 de maio de 2009. 
  3. [1][Ligazón morta]