Queimador Bunsen

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Queimador Bunsen con válvula agulla. A conexión para a subministración de gas encóntrase cara á esquerda e a válvula agulla, para axustar o fluxo de gas, está no lado oposto. A entrada de aire neste modelo particular axústase por medio dun colariño xiratorio, abrindo ou pechando os bafles verticais na base.

Un queimador Bunsen é un instrumento utilizado en laboratorios científicos para quentar ou esterilizar mostras ou reactivos químicos.

Foi inventado polo químico alemán Robert Bunsen en 1857 e proporciona unha transmisión moi rápida de calor intenso no laboratorio.

É un queimador de gas do tipo de premestura, e a chama é o produto da combustión dunha mestura de gas e aire. Os gases comunmente usados son o gas natural, que é na súa maior proporción gas metano (de más de un 90 %) e, en menor medida, o etano. A forma máis común de prender o queimador é mediante a utilización dun fósforo ou un prendedor a chispa.

O queimador ten unha base pesada na que se introduce a subministración de gas. De alí parte un tubo vertical polo que o gas flúe atravesando un pequeno orificio no fondo do tubo. Algunhas perforacións nos laterais do tubo permiten a entrada de aire no fluxo de gas (grazas ao efecto Venturi) proporcionando unha mestura inflamábel á saída dos gases na parte superior do tubo, onde se produce a combustión. O queimador Bunsen é unha das fontes de calor máis sinxelas do laboratorio, e utilízase para obter temperaturas non moi elevadas.

Consta dunha entrada de gas, normalmente sen regulador, unha entrada de aire e un tubo de combustión. O tubo de combustión está aparafusado a unha base por onde entra o gas combustíbel a través dun tubo de goma, cunha chave de paso. Presenta dous orificios axustábeis para regular a entrada de aire.

Distintos tipos de chama nun queimador Bunsen, dependendo do fluxo de aire ambiental entrante na válvula de admisión (non confundir coa válvula do combustíbel).
1. Válvula de aire pechada (chama segura).
2. Válvula medio aberta.
3. Válvula aberta ao 90 %.
4. Válvula aberta por completo (chama azul crepitante).

A cantidade de gas e, polo tanto, de calor da chama pode controlarse axustando o tamaño do burato da base do tubo. Se se permite o paso de máis aire para a súa mestura co gas, a chama arde a maior temperatura (aparecendo cunha cor azul).

Se os orificios laterais están pechados o gas só se mestura co oxíxeno atmosférico no punto superior da combustión, ardendo con menor eficacia e producindo unha chama de temperatura máis fría e cor avermellada ou amarelada, a cal se denomina "chama segura" ou "chama luminosa".

Esta chama é luminosa debido a pequenas partículas de feluxe incandescentes. A chama amarela considérase "sucia" porque deixa unha capa de carbón sobre a superficie que se está quentando. Cando o queimador se axusta para producir chamas de alta temperatura, estas (de cor azulada) poden chegar a seren invisíbeis contra un fondo uniforme.

Se se incrementa o fluxo de gas a través do tubo mediante a apertura da válvula agulla, crecerá o tamaño da chama. Porén, a menos que se axuste tamén a entrada de aire, a temperatura da chama descenderá porque a cantidade incrementada de gas mestúrase coa mesma cantidade de aire, deixando á chama con pouco oxíxeno. A chama azul nun queimador Bunsen é máis quente que a chama amarela.

Outros queimadores, similares ao Bunsen, usados nos laboratorios, son o Tirril e o Meckert. Son semellantes no seu fundamento, pero difiren no seu aspecto, axuste e control.


Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Queimador Bunsen