Punteiro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Punteiro dunha gaita escocesa
Punteiro dunha gaita galega

Na gaita, o punteiro é o tubo sonoro onde se executa a melodía. As dimensións varían segundo a súa tonalidade: máis longo para tonalidades graves e máis curto para tonalidades agudas. Conta cun número distinto de furados dependendo do tipo de gaita: na gaita galega son oito furados melódicos e tres "ouvidos" sonoros. Sete dos primeiros están por diante e un por detrás; neste vai o dedo polegar da man esquerda e nos de diante os dedos da man esquerda e, máis abaixo, os da dereita. O polegar da man dereita serve de apoio e non se utiliza o meimiño da man esquerda. Os ouvidos melloran o timbre do ponteiro e a estabilidade da súa afinación.

Certas gaitas, como a de Northumbria ou a Uillleann, utilizan teclas para incrementar o rango sonoro. Tamén se probou a introducilas na gaita galega, pero sen éxito.

Na gaita galega, o anaco cimeiro que se introduce na buxa da gaita denomínase espigo e a parte máis grosa superior cimela. Os punteiros poden ser cónicos (como na gaita galega ou na das Highlands) ou cilíndricos (como na de Northumbria ou na gaida búlgara). No interior levan unha palleta, que produce a vibración no ar que se insufla.

Os punteiros son unha das partes máis delicadas da gaita e hainos que coidar especialmente, tentanto que non estean demasiado húmidos nen se expoñan demasiado ao sol; tamén hai que ter coidado ao desmontalos da gaita.

Para aprender a tocar a gaita é habitual que se comece cun punteiro de prácticas, semellante ao punteiro da gaita pero coa palleta protexida.