Proba diabólica

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A proba diabólica (en latín, probatio diabolica) ou proba inquisitorial é unha expresión do ámbito do Dereito que describe a práctica de esixir unha proba imposible. Nunha probatio diabolica o interpelado deberá, por exemplo, demostrar que algo non ocorreu, a inexistencia de algo, ou a súa propia inocencia nun proceso xudicial, cando o correcto segundo o Dereito moderno é que a «carga da proba» corresponde a quen ha de probar a existencia de algo, ou probar a culpabilidade.

Os procedementos xudiciais da Inquisición (como calquera outro no Antigo Réxime) non respectaban a presunción de inocencia e adoitaban incorrer en absurdos lóxicos dos que os acusados non podían saír (por exemplo: se confesas, es culpable; se non confesas, nin aínda baixo tortura, é que o diaño deuche forzas para soportala, e xa que logo es tamén culpable).

Un exemplo de proba diabólica sería pedirlle a alguén que demostre que non existen os extraterrestres. Aínda que, hipoteticamente, sería posible demostrar a existencia de vida non terrestre (bastaría con mostrar un caso empíricamente contrastable), non é fácticamente posible demostrar a súa inexistencia. Probar a inexistencia (de culpa ou de calquera outra cousa) é tamén un imposible lóxico, que alimenta en moitos casos a pervivencia de crenzas como o fenómeno OVNI, a teoría da conspiración.

Certificar o que non-é como proba de feitos negativos, no caso de que sexa posible, obriga á exhaustividade heurística comprobando pericialmente todas as posibilidades positivas do que si é, ou do que si pode ser , ou ben a razoamentos probatorios indirectos por redución ao absurdo, ou á proba por casos. É relativamente fácil probar o que si é e algo máis difícil probar o que si foi, pero resulta metafísicamente imposible, só por proba directa, a certificación do que non é, e máis imposible aínda se cabe, achegar certeza do que non foi, salvo en casos con coartadas excepcionalmente sólidas ou absurdos lóxicos incontrovertibles[1]

Pola súa natureza xurídica e racionalmente perversa, este tipo de proba é rexeitada polos tribunais modernos suxeitos ao Estado de Dereito e aos procedementos garantistas, pois supón un investimento do onus probandi ou carga da proba. Por extensión, é tamén excluída de calquera procedemento racional de proba.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]