Proba de alento da urea

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ver tamén Proba rápida de urease
Kit para a proba de alento da urea para a detección de H. pylori.

A proba de alento da urea (ou con urea ou da urease) é un procedemento médico de diagnóstico rápido utilizado para identificar as infeccións por Helicobacter pylori, unha bacteria implicada na gastrite, úlcera gástrica, e úlcera péptica. A proba require analizar o aire exhalado e está baseada na capacidade de H. pylori de converter a urea en amoníaco e dióxido de carbono. Esta proba prefírese como método de análise non invasivo para a detección de H. pylori antes e despois do tratamento, xa que non require a realización dunha biopsia para obter unha mostra (como na proba rápida de urease ou exames histopatolóxicos).[1][2]

Principios e mecanismos[editar | editar a fonte]

Véxase tamén: Urease.

Para realizar a proba, primeiro os pacientes deben tragar unha solución de urea marcada cun isótopo pouco común do carbono, que pode ser o carbono-14 radioactivo ou o carbono-13 non radioactivo. Despois de agardar 10–30 minutos, a detección do isótopo de marcaxe pode facerse no dióxido de carbono exhalado no alento, xa que o encima urease bacteriano descompón a urea e os seus átomos de carbono marcados van parar ao dióxido de carbono que se forma. Se o encima urease (e por tanto a bacteria H. pylori) non está presente non se produce esta descomposición da urea e non hai formación de dióxido de carbono marcado. Unha proba con resultado positivo indica que H. pylori está presente no estómago.

Cando se utiliza carbono-14, este normalmente mídese por escintilación; mentres que cando se usa carbono-13 a detección faise por técnicas de espectrometría de masas como a espectrometría de masas de radioisótopo ou a espectrometría de correlación de masas. En cada un destes métodos, requírese unha mostra de alento que sirva de liña base recollida antes de tomar a urea marcada co isótopo, para despois comparala coa mostra recollida despois de tomar a urea, deixando sempre un tempo duns 20 ao 30 minutos entre elas. As mostras deben de enviarse a un laboratorio de referencia para a súa análise. Alternativamente, a espectrometría de correlación de masas pode realizarse con aparellos que permiten unha toma de alento continuada e análise on line, e os resultados poden estar dispoñibles inmediatamente en cuestión de minutos.[3][4]

Para medir a infección utilízase a diferenza entre as medidas pre e post toma da urea. Este valor compárase co valor de corte. Os resultados que queden por debaixo dese valor considéranse que son un resultado negativo, e os que están por riba considéranse positivos. O valor de corte determínase comparando os resultados de pacientes con dous ou máis métodos de detección diferentes. O valor elíxese para que dea a mellor combinación de sensibilidade e especificidade.

A proba mide a infección activa por H. pylori. Se o uso de antibióticos está facendo decrecer a cantidade de células de H. pylori presentes, ou as condicións do estómago son menos ácidas do normal, a cantidade de urease presente estará diminuída.

A proba só debería realizarse 14 días despois de parar de tomar unha medicación redutora de ácidos (inhibidores da bomba de protóns, PPI) ou 28 días despois de parar un tratamento con antibióticos. Algúns médicos cren que o reservorio de H. pylori que hai na placa dental pode afectar ao resultado.[5]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Chey, William; Wong, BC; Practice Parameters Committee of the American College of Gastroenterology (2007). "American College of Gastroenterology Guideline on the Management of Helicobacter pylori Infection". Am J Gastroenterol 102 (8): 1808–1825. PMID 17608775. doi:10.1111/j.1572-0241.2007.01393.x. 
  2. Malfertheiner , P; Megraud, F; O'Morain, C; Bazzoli, F; El-Omar, E; Graham, D; Hunt, R; Rokkas, T; et al. (2007). "Current concepts in the management of Helicobacter pylori infection: the Maastricht III Consensus Report". Gut 56 (6): 772–781. PMC 1954853. PMID 17170018. doi:10.1136/gut.2006.101634. 
  3. Shirin, H; Kenet, G; Shevah, O; Wardi, Y; Birkenfeld, S; Shahmurov, M; Bruck, R; Niv, Y; et al. (2001). "Evaluation of a novel continuous real time 13C urea breath analyzer for Helicobacter pylori". Alimentary Pharmacol Ther 15 (3): 389–394. PMID 11207514. doi:10.1046/j.1365-2036.2001.00926.x. 
  4. Israeli, E; Ilan, Y; Meir, SB; Buenavida, C; Goldin, E (2003). "A novel 13C-urea breath test device for the diagnosis of Helicobacter pylori infection: continuous online measurements allow for faster test results with high accuracy". J Clin Gastroenterol 37 (2): 139–41. PMID 12869884. doi:10.1097/00004836-200308000-00009. 
  5. Peng NJ, Lai KH, Liu RS, Lee SC, Tsay DG, Lo CC, Tseng HH, Huang WK, Lo GH, Hsu PI. (2001). "Clinical significance of oral urease in diagnosis of Helicobacter pylori infection by [13C]urea breath test". Dig Dis Sci 46 (8): 1772–8. PMID 11508681. doi:10.1023/A:1010626225949. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]